Axencias/KaosenlaRed.- Suma e segue. A "xustiza" española deixa sen ningún tipo de sanción, sequera unha multa, ao axente da UIP que en 2011 agrediu, por puro sadismo e sen mediar provocación algunha, a unha moza de 16 anos en plena rúa. As imaxes deron a volta ao mundo. Pero dá igual, España é así.
Si, esta é a auténtica e verdadeira #MarcaEspaña. Non hai outra. A mesma que, como diciamos, persegue disidentes mentres libera narcos. A mesma que é denunciada ano tras ano por mirar cara a outro lado coa tortura. A mesma que absolve torturadores cada vez que ten ocasión ou que nega a extradicción para que bestas inhumanas que sementaban o terror no franquismo poidan ser xulgadas en Arxentina, ou aquela onde o 45% dos cidadáns teme ser torturado se é detido, e tantas outras cousas máis do estilo. Democracia, chámano.
En calquera estado democrático do mundo esta información podería comezar co retrouso "por incrible que pareza...". En España non. En España é o habitual, o normal, e mesmo o esperable.
A xuíza de Instrución número 41 de Madrid arquivou a causa seguida contra un subinspector de Policía acusado de lesións a unha moza e a un fotógrafo durante unha manifestación celebrada o 18 de agosto de 2011 en Madrid contra a visita do papa.
A maxistrada adoptaba esta decisión o pasado martes, nun auto que ditou tras atender á petición da avogada do acusado ao comezo do xuízo sinalado, e que finalmente non se celebrou.
O axente, como se ve nas imaxes que deron a volta ao mundo e desataron a indignación de boa parte da sociedade, golpeou sadicamente unha moza tras o desaloxo da Porta do Sol e un dos xornalistas que estaba a recoller os feitos. A agresión á que se refería a denuncia foi gravada por cámaras de fotos e televisión e as imaxes tiveron unha gran difusión no seu momento. Agora, o axente que golpea desta forma á moza e ao fótografo non cometeu ningunha infracción, segundo a xuíz. Os delitos prescribiron, afirma.
A letrada alegou prescrición da falta de lesións atribuída ao seu defendido ao que se adheriu a fiscal e se opuxo o avogado da acusación, exercida polo fotógrafo Daniel Nuevo e a moza Katherina Mínguez, que no momento dos feitos era menor de idade. A xuíza estimou a alegación da defensa de que coa doutrina do Tribunal Supremo a falta de lesións prescribiu debido ao tempo transcorrido.
En concreto polo tempo que pasou dende que ela ditou auto de apertura de xuízo, en agosto de 2013, ata que a Audiencia Provincial de Madrid resolveu o recurso da acusación para que a vista fose por delito e non por falta, o pasado 3 de marzo, co que se superaron os seis meses previstos para a prescrición.
A moza agredida: "Logo din que confiemos na xustiza. Sentín rabia pero seguiremos loitando" A acusación imputa ao policía lesións e vexacións inxustas por agresións á moza, que foi losqueada, e ao fotógrafo, que recibiu patadas no chan, e mantén que no momento dos feitos o acusado era o responsable dun grupo de quince axentes antidisturbios. Por iso reclamaba que fose condenado á multa que se estimara en sentenza e a indemnizar en seis mil euros cada un dos dous mozos.
O avogado da acusación, Juan Manuel López Rubio, opúxose na vista á petición da defensa e reclamou que seguise un procedemento que se instruíu durante dous anos e medio nos que el activou constantemente a práctica de probas e tamén fixo referencia ao "interese social" da causa. A maxistrada contestoulle que ela se limita a xulgar infraccións penais e que ante a alegación da defensa non ten máis remedio que arquivar dada a xurisprudencia do Tribunal Supremo.
O letrado anunciou recurso contra este arquivo e lamentou que a prescrición se producise polo tempo no que a Audiencia de Madrid resolveu un recurso que tivo que interpoñer contra a decisión da xuíza de celebrar o xuízo como faltas e non como delito porque así o quería a Fiscalía, que agora se adheriu á petición de prescrición da defensa.
Á súa saída da sede xeral dos xulgados de Madrid Katherina Mínguez mostrabase profundamente afectada tanto por volver ver o policía como pola forma na que concluíu de momento o caso. "Séntome mal e decepcionada. Logo din que confiemos na xustiza. Sentín rabia pero seguiremos loitando", dixo os xornalistas.
Pola súa banda, Daniel Nuevo comentaba que "poden pegar a unha menor e logo co sorriso na cara decidir que prescribiu" e coincidiu en que sente "impotencia e rabia", mentres que o avogado de ambos os dous cualificou o acontecido como "escandaloso".
No hay comentarios:
Publicar un comentario