21 may 2014

Familiares de Eugenio García, "Gavioto", denuncian responsábeis do cárcere da Lama pola súa morte en prisón

Recollemos de EsCULcA, organismo que vai comparecer como acusación particular deste caso de morte en prisión. Tal como xa deramos conta en Abordaxe, grazas á información facilitada polas compas do Grupo de Apoio Galiza Sur da Campaña Cárcere=Tortura, o compa Eugenio García, "Gavioto", participante desta Campaña, morrera no CP Lama en 30 de abril de 2014, con 48 anos de idade, "suicidado" polos carcereiros.

Agora dende EsCULcA engaden uns outros dados ao respeito, despois de saber que o seu irmán Luís busca saber as causas da súa morte e acusa o centro de neglixencia e busca xustiza cos responsábeis da morte:

A familia é de Xixón mais Eugenio García, "Gavioto" levaba xa tres anos na Lama. Estaba en segundo grao e no prazo dun ano estaría en condicións de pasar a terceiro grao, co cal se lle abrirían as portas do cárcere, cando menos para saír de permiso. “Unha semana antes da morte chamounos dicindo que o puñan en isolamento. Noteino mal e púxenme en contacto co centro a través da traballadora social e a psicóloga. O motivo do isolamento era que lle encontraran a carta do avogado dun colectivo de defensa dos dereitos dos presos. Conseguín falar co subdirector dous días antes da morte e a resposta foi que non daban explicacións por teléfono e practicamente me colgou. Dous días despois recibimos a chamada do falecemento”, comeza o angustioso relato de Luís, irmán do preso morto que reside en Canarias, o que facía moi complexo un desprazamento rápido á Lama.

Máis de dez días despois aínda non saben as causas do seu falecemento. Descartada a morte por violencia, agardan o resultado da autopsia para confirmar algunha das hipótese, sobredose ou infarto entre as que contemplan como máis posíbeis. “En calquera dos dous casos, o cárcere sería responsábel por neglixencia, se foi un infarto, E. non podería ter recibido axuda de ninguén por se topar en isolamento e se foi sobredose non hai razón para que unha persoa isolada poda ter acceso a esa cantidade de drogas”, sinala Luís, que estuda denunciar á cadea por homicidio ou asasinato. Se Gavioto, de quen o aviso familiar alertara á dirección da cadea da súa delicada situación, continuase en segundo grao habería algún compañeiro cerca e pode ser que a morte se tivese evitado, valora o irmán.

Non era a primeira vez que recibía un castigo na Lama. Entre as pertenzas que a familia recibiu despois da morte atópanse os partes dos que fora protagonista ao longo de tres anos. “Atopo medidas como un castigo de catro fins de semana encerrado por falar cun veciño de cela desde a ventá ou vinte días de isolamento por dar un golpe na porta da cela desde dentro... son medidas tan desproporcionadas que o único efecto que teñen é converter o preso nun ser sen personalidade ou nun rebelde”, relata Luís G. O caso de Eugenio era, claramente, o segundo. “Podo dicir que era das persoas máis honestas e xustas que pasaron pola miña vida. A razón de estar no cárcere foi porque era toxicómano desde os 15 anos e os delitos foron sempre roubos para conseguir os cartos da droga, mais sen violencia. Era un home dunha grande integridade moral”, defende o irmán ao tempo que relata episodios -algún deles coñecido a través dos propios funcionarios de prisións- que dan conta do talante de "Gavioto".

“Un funcionario de Villabona, en Asturias contounos que nunha ocasión chegou un preso sen roupa. Outro interno da cadea tiña tres pares de zapatos e E. pediulle que lle dese un. Ao se negar, o meu irmán convenceu todos os compañeiros para que non lle desen tabaco como sanción polo seu comportamento pouco solidario. Non pasara un día cando E. estaba dando do seu propio tabaco a terceiras persoas para que llo fixesen chegar sen saber que era del”, lembra Luís G., para dar conta da vontade de xustiza que, non ten dúbida, “non lle gustaba á dirección da cadea, os problemas que sempre tiña era por defender outras persoas”

Con "Gavioto", o irmán e a nai falaban case todos os días. A distancia -a nai con 84 anos en Xixón e o irmán en Canarias- facía máis difíciles as visitas persoais, reservadas maiormente para os períodos vacacionais. “Unha persoa normal non pode aguantar vinte días estando 21 horas só e isolado. A proba irrefutábel da responsabilidade da cadea son os partes nos que as sancións son desproporcionadas con respecto ás que consideran faltas”, valora Luís G., a só dez días da morte de irmán e decidido a iniciar a denuncia contra a cadea xa que entende que iso sería o desexo do seu irmán. A pesar das protestas previas e do interese polo estado de seu irmán, Luís só recibiu unha chamada da dirección do cárcere: a da comunicación do seu falecemento.

“O historial de denuncias e abusos ao subdirector de seguridade chegaba de lonxe. Meu irmao faloume en días anteriores das medidas represivas que se empregaban e dos abusos que se cometían. Por iso tiña a carta do avogado, porque el quería contribuír a loitar contra ese maltrato que reciben os presos”, cóntanos Luís G., que asinou xa un poder para ser representado por un avogado de EsCULcA, organización que, a súa vez, comparecerá contra a dirección da cadea da Lama. A prisión de Pontevedra fora xa denunciada no ano 2012 como un dos cárceres con maior número de suicidios do Estado español, segundo o informe da Central Penitenciaria de Observacións. Naquela ocasión, EsCULcA xa interpelara a dirección do centro.

“Denuncio porque quero que este proceso sirva como medida disuasoria para que pensen dúas veces antes de tomar medidas contra os presos. Tamén me dirixín a Institucións Penitenciarias para que abran un expediente disciplinario á dirección. Teño que intentalo pola súa memoria”, afirma Luís G. polo seu irmán, un preso que estaba incluído no rexistro FIES de especial seguridade, “só por denunciar os abusos nos cárceres que castigan a quen non é dócil e submiso”.

1 comentario:

  1. ánimo compañeiros!!
    abaixo as cadeas e os torturadores que as custodian.

    ResponderEliminar