Un novo xulgamento a persoas acusadas de pertencia a Resistência Galega comeza hoxe, co gallo de tal suceso, colamos acá o último texto publicado no blogue da Rede de Apoio a Carlos Calvo "De Volta para Loureda", asinado por Lara Rozados Lorenzo, xornalista (desempregada), con o titulo:"A Policía do Cerebro":
“Temos que impedir que este cerebro pense durante vinte anos”, dixo o fiscal para encarcerar a Antonio Gramsci o 8 de novembro de 1926, en plena Italia fascista. Pero non foi posible anular o pensamento dun dos máis lúcidos intelectuais marxistas, aínda que o o obxectivo fose ese. As súas Cartas desde o cárcere demóstrano. Tamén o demostran os debuxos do Carlos, ou os seus artigos en Praza ou no Novas. A prisión non ten outro fin que o de anular o pensamento, afogar o intelecto até deixalo reducido ao que eles queren. Onde pon eles, léase Estado, orde estabelecida. Quérennos submisas, caladas, inoperativas intelectualmente, incapaces de cuestionarmos nada. E queren conseguilo co cárcere, coa pobreza, co desemprego e a miseria á que nos están sometendo.
Repasando as novas da última semana, vexo que detiveron a vinte persoas por “enaltecemento do terrorismo” nas redes sociais. A Eduardo, Teto, María e Antom condénanos finalmente a trece e sete anos. A Senlheiro, a outros sete, por “tenza de explosivos”. A Carlos Calvo trasládano de Topas (Salamanca) para Navalcarnero (Madrid)*. Outra forma máis de tortura: a dispersión. Falan de “ideoloxía independentista e anarquista” nas persoas detidas no 22M, deixando claro que aquilo que xulgan entra dentro do plano ideolóxico. É unha guerra silenciosa, o puño de ferro na luva de seda, que tamén dicía o Gramsci. Están exterminando a disidencia, e para facelo escollen as súas vítimas estratexicamente. Inoculan a dose necesaria de medo na poboación a través de castigos exemplares. Son terroristas co seu aparato do medo, eles si.
Alguén pode atropelar cinco persoas por conducir bébedo, ou un empresario da construción pode matar obreiros por facelos traballar a alturas elevadas baixo a presión do tempo, e non serán xulgados igual que unha persoa que queima un colector do lixo “por razóns políticas e ideolóxicas”. Velaí o estado das cousas: o condenable é o ideolóxico porque consideran que nas ideas reside o verdadeiro perigo. De aí unha lei antiterrorista desproporcionada e indefendible por calquera estado do mundo occidental. De aí un aparato estatal de xustiza que non é xusta, apoiado por medios de comunicación que non comunican: reproducen a versión oficial. Todo o seu operativo a apuntalar o mecanismo do medo. Pero hai xente detrás que padece a gran mentira, a gran infamia. Xente que é criminalizada, perseguida, vixiada e castigada. Á que lle queren impedir que o cerebro lle funcione. “Estamos todos en perigo”, escribía Daniel Salgado lembrando unha entrevista de Furio Colombo a Pasolini. Estamos.
Lara Rozados Lorenzo
* Sen pretensións de amolar, cabe sinalar que o traslado do Carlos de Topas a Navalcarnero obedece ao habitual tránsito para ser xulgado na Audiencia Nacional.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario