Recibimos na nosa caixa de correos esta Nota de Prensa de Stop-Desahucios de A Coruña reproducimos:
Dende STOP Desafiuzamentos queremos poñer en coñecemento da cidadanía a nova técnica de intimidación a domicilio posta en marcha dende a Subdelegación do Goberno español, rexida na Coruña por Jorge Atán man a man co delegado do Goberno, Samuel Juárez.
Como é sabido, son numerosísimas as sancións impostas polo Goberno totalitario do Partido Popular contra as persoas que participan en todo tipo de movementos sociais, tanto a nivel galego –a terceira comunidade máis multada-, como estatal. A día de hoxe non hai concentración ou manifestación, sexa feminista, ecoloxista, antifascista, pola sanidade ou o ensino público, contra estafa bancaria, a favor do dereito á vivenda ou calquera outro dereito social, que non teña lugar rodeada de policías armados con material antidisturbios.
A este coaccionante contexto engádeselle ademais o hábito obsesivo da policía de identificar ás persoas que reivindican dereitos sociais, a hipersensibilidade destes corpos á hora de considerar que se está a interromper “a orde pública”, e a man rápida das Subdelegacións e Delegacións do Goberno para desenfundar “propostas de sanción económica”.
Pero ao abeiro desta represión documentada polas estatísticas e as numerosas testemuñas, o Goberno do PP está a despregar tamén estratexias intimidatorias máis sibilinas.
Nestes días un par de persoas compañeiras de STOP Desafiuzamentos recibiron, baixo o concepto de “Advertencia”, unha notificación asinada polo subdelegado Atán na que se lles acusa de desobedecer a axentes da Comisaría Provincial da Coruña, sen especificar nin onde nin no marco de que tipo de situación, pero ameazando con poñerlles multa se non modifican no futuro o seu suposto comportamento. [Adxuntamos copia na foto]
En primeiro lugar, como puidemos confirmar cos nosos servizos xurídicos, o envío de cartas intimidatorias non é un protocolo legal contemplado no abano de posibilidades de comunicación ca cidadanía, nin por parte da Delegación nin da Subdelegación do Goberno.
Pero é que ademais, por se fora pouco esta ameaza a domicilio, as compañeiras non foron identificadas en ningún momento do día sinalado no oficio recebido. Polo tanto, parece que o “recado” que pretende darlles a Subdelegación é que sexan conscientes de que están “baixo control”, se cadra mesmo que existen “listas negras”, procurando que o medo ás represalias económicas as disuadan de participar en futuras mobilizacións sociais.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos denunciar e condenar esta actitude de acoso por parte do Goberno do Partido Popular, ao tempo que nos solidarizamos coas nosas compañeiras e facemos nosa unha vez máis a máxima de que “se tocan a un/ha, tócannos a todos/as”.
Xuízos e multas
Como levamos denunciando dende fai case un ano ca campaña reivindicativa “Múltannos a nós para asustarte a ti”, o colectivo STOP Desafiuzamentos está a ser vítima dunha constante tensión burorrepresiva, ao igual que a maioría de colectivos sociais que visibilizan as súas reivindicacións na rúa. Dita estatrexia gubernamental ten como obxectivo que a sociedade sinta temor do caro que lle pode saír expresar as súas críticas públicamente, estratexia do medo que o Goberno intensifica habilmente cercando calquera tipo de mobilización pacífica, sexa ou non numerosa, cunha cantidade de antidisturbios tan escandalosa que a miúdo son máis en número que as propias manifestantes.
No noso caso concreto, no tocante á burorrepresión a día de hoxe acumulamos 12 notificacións de sancións administrativas por valor de máis de 4.000€. Con respecto a procesos xudiciais abertos, 6 compañeiras/os serán xulgadas o vindeiro 28 de maio por suposta desobediencia durante o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés o pasado novembro; outras 3 acudirán a xuízo o 11 de xuño como represalia por teren denunciado os insultos do responsábel da Área de Servizos Sociais da Coruña, Xosé Luis Quintela, contra a citada usuaria de ditas instalacións; e 3 máis serán xulgadas nos próximos meses por teren solicitado o número de identificación a un policía que previamente pedíralles o DNI, o día do desafiuzamento de Aurelia Rey.
Por último, botando unha ollada previsoria ao que está xa a pasar fóra da Galiza, é importante salientar que a escalada de represión directa aplicada polo Estado estase a radicalizar alarmantemente nos últimos meses, sendo especialmente preocupantes intolerábeis accións como a detención de activistas da Plataforma de Afectadxs pola Hipoteca (PAH) nas súas propias casas en Madrid e o recruecemento da violencia en cargas policiais como a que causaron un grave derrame cerebral a unha muller o pasado dous de febreiro en Valladolid.
Malia a todos estes ataques, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos destacar que estas estrataxemas empregadas polo poder electoralmente instaurado non fan máis que evidenciar a súa impotencia ante o poder moral do pobo desafiuzado, roubado pra rescatar uns bancos que manteñen abandonadas as vivendas que nos negan a todas e todos nós.
A toma de conciencia da sociedade civil non se vai deter diante da represión temerosa dun goberno que se tambalea namentres a poboación reclamamos xustiza. Cada ataque recibido é un pequeno obstáculo no camiño que iremos solventando até chegar a unha vitoria que estamos seguras de alcanzar.
Moitas grazas pola vosa atención
No hay comentarios:
Publicar un comentario