Recollemos traducido do blogue de ContraHistoria:
E de novo saen á palestra vellos debates e novas revisións, que roldaron as mobilizacións obreiras e populares durante décadas, sobre conceptos como violencia, organización, manipulación ou memoria. Resulta mesmo incomodo recoñecer que estas discusións se formulan case de forma cíclica, coma se as conclusións sacadas en cada momento rematasen por esquecerse para volver empezar de cero unha vez máis. Xa en 1908, o filosofo francés Georges Sorel, 1847-1922, especulaba na súa obra "Reflexións sobre a violencia", sobre a diferenza entre a forza, entendida como os medios con que un Estado conta para coaccionar, controlar e someter a legalidade a unha sociedade, e a violencia, referíndose aos mecanismos que o proletariado ten para contrarrestar e protexerse desa "forza" burguesa e en última instancia derrotala. En particular, mesmo, Sorel poñería especial relevancia no concepto de Folga Xeral, ao que consideraba principal medio lexítimo da masa obreira para derrocar ese réxime burgués, á que interpretaba, polo tanto, como unha autentica acción de guerra imposible de desprenderse de lícita violencia proletaria. Despois de máis dun século, Sorel tamén atino case de forma profética á hora de referirse ao parlamentarismo, en xeral, e ao socialismo moderado, en particular, como medios para a domesticación da clase obreira, aliados coa burguesía para o mantemento dunha paz social protexida pola forza e prolongada mediante pequenas concesións.
Co que sen dúbida non contaba Sorel era cunha das armas máis eficaces que o sistema perfeccionou ata límites insospeitados a día de hoxe: a retórica. É dicir, a creación dun convincente discurso, amañado e manipulado, no que un léxico e un enfoque perfectamente premeditado cumpre un obxectivo explícito: diferenciar, premiar ou castigar determinados comportamentos. Non é nada novo o que dependendo da súa actitude máis ou menos aceptable, de súpeto un manifestante, un parado, un estudante... deixa de selo para converterse nun violento ou un radical. Por iso, faise indispensable que unha análise allea ao institucional cree a súa propia linguaxe e a súa propia interpretación máis alá do imposto como visible e posible polo poder. Resulta inquietante o calado que o discurso sobre a violencia, imposto cun claro carácter tendencioso co fin de sinalar e dividir, sexa tamén utilizado ou mesmo asumido por organizacións ou individuos próximos ás mobilizacións, facendo un perigoso xogo cómplice ás intencións dos que queren que todo siga igual.
RADICAL: adx. Pertencente ou relativo á raíz. adx. Partidario de reformas extremas, especialmente en sentido democrático. adx. Fundamental, de raíz. adx. Tallante, intransixente.
Resulta canto menos curioso que se reinterprete e se acepte o discurso da violencia por parte do Estado dunha forma tan extremadamente partidista. Non se trata en si mesmo dun discurso pacifista senón da totalización e institucionalización desa violencia. É dicir, en ningún momento se fala de eliminar a violencia dunha sociedade senón de demostrar que esta só pode ser utilizada de forma lícita polo propio Estado. É en definitiva un discurso máis relacionado co sometemento, a obediencia, o acatamento e a submisión que co entendemento e o dialogo.
As agresións sufridas pola clase traballadora dende que comezou iso que nos dixeron que se chama crise, as perdas de traballos, de fogares, as condenas masivas á pobreza, as pretensións de regular a nosa propia saúde, de interferir mesmo nos nosos propios corpos... alimentadas con sangrantes declaracións e ofensas, con políticas protectivistas do mercado, a economía e a banca... uníronse ás agresións directas e físicas dos corpos policiais contra practicamente todo aquilo que se mova, xa fosen anciáns protestando pola estafa inmobiliaria, ou pescadores pedindo pan e traballo en Galicia, por sinalar algunhas das últimas intervencións. Tan só hai que tirar de hemeroteca para ver centenares de persoas golpeadas detidas arbitrariamente, que perderon ollos, testículos... Non parece esta situación a máis adecuada para dar leccións de moral ou ética. O acontecido durante as mobilizacións das Marchas da Dignidade no centro de Madrid, á fin e ao cabo, non parece máis que unha resposta lóxica, un "ata aquí chegamos", ás prepotentes agresións ás que a clase obreira se viu sometida nos últimos anos. Trátase, polo tanto, dun efectivo cabreo, dunha situación levada ao límite transformada en indignación, pero sobre todo nunha concienciación por parte de boa parte da sociedade de que isto é, foi, e será un conflito de clase. Sen dúbida, choca que, a diferenza doutros lugares ou países onde as mobilizacións máis contundentes foron recibidas con orgullo polo propio pobo, como unha forma de demostrar a súa unidade e a súa disposición a non se deixar amedrentar máis, o discurso pacificador, máis que pacifista, cale non só entre os sectores máis reformistas, senón tamén entre a xente que se di a si mesma estar máis cabreada coa situación.
A diferenza do tratamento distinto que en ocasións a prensa adoita dar a este tipo de noticias segundo a súa procedencia progre ou conservadora, neste caso o contubernio mediático arredor da noticia foi unánime. Este discurso sobre a violencia e os violentos, sobre outro deses grandes eufemismos utilizados en democracia como é a seguridade, resulta sospeitosamente conveniente xusto no momento no que a elaboración dunha nova lei sobre seguridade cidadá, unha das máis represivas das últimas décadas, foi cuestionada en distintas ocasións. Por tanto, todo o acontecido e o seu tratamento, non deixa de ser un episodio máis na ondada represiva que o movemento máis comprometido leva sufrindo dende hai tempo: detencións masivas, investigacións, asaltos a centros sociais, montaxes xudiciais e policiais... Unha represión con carácter preventivo en moitas ocasións, que necesita sen dúbida dun clima de alarma que a xustifique, labor no que os medios de comunicación se fan indispensables.
A todo iso se une a sorprende te actitude dos corpos policiais tras a asoballante resposta do pobo ao seu enésimo intento de agresión. O feito de que 1600 esbirros fortemente armados con material antidisturbio e con plena aceptación da deshumanización que o seu uniforme supón, fosen, por dicilo dun xeito suave e entendible, derrotados, fixo aflorar aflición e congoxa entre as cales asumen con absoluta frialdade golpear a pobres e desgraciados. Na súa situación resúltalles comprensible protestar, mesmo cortando a rúa de forma ilegal, algo para o que precisamente eles cobran por impedir final de mes. A actitude dos últimos días, algo choromicas, non parece demasiado digna comparada coa extrema prepotencia e despotismo coa que adoitan tratar o cidadán.
Ao longo do mesmo fin de semana, outro acontecemento, tamén providencial, unha vez máis, conseguiu deixar as mobilizacións nun segundo plano. O falecemento do antigo presidente do goberno Adolfo Suarez. Vén a colación precisamente neste texto porque vivimos en directo un marabilloso exercicio de manipulación histórica e xornalística. Non xa tanto polo feito de que algúns miles de persoas se unisen á elite política, económica e militar deste país na súa homenaxe, senón porque a diferenza dos centos de miles das mobilizacións que se sucedían á par, estes si que parece ser representan a todo o pobo español de forma masiva. A manipulación histórica conta cun fervente aliado na falta de memoria dunha bo á parte do pobo. Desta forma, que conveniente, resulta que manifestacións, mobilizacións obreiras, detidos, presos, torturados, mortos en protestas ás mans da policía... non significaron nada na conquista das liberdades senón que foi o Sr. Suarez quen, como un papa Noel moderno, nos regalou de bo grao toda a nosa felicidade. A mesma persoa responsable entre o 69 e o 73 da manipulación informativa, do silencio da represión franquista de cara a un lavado interno e externo da imaxe, como Director Xeral de TVE, membro de Falanxe durante toda a súa vida, ocupando o seu máximo cargo como Ministro do Movemento, o que é o mesmo lugartenente de Franco en Falanxe, e que colocou dende o primeiro momento no seu goberno a todos os elementos reciclados do franquismo que puido coar. A Transición e os Pactos da Moncloa, esa lei de punto final encuberta, non trouxeron as liberdades, senón que introduciron melloras na sociedade para tranquilizar as extremas protestas que o pobo protagonizaba neses anos e que en calquera momento parecía podían rebentar este sistema. Liberdades conquistadas, por certo, en mobilizacións e manifestacións que hoxe se cualificarían como violentas e protagonizadas polo que hoxe hipocritamente chamarían radicais, pero claro, iso eran outros tempos, non?. Alguén debería recordar nalgún momento que durante o mandato como presidente do Sr. Suarez morreron máis de 50 persoas ás mans da policía en manifestacións e protestas e outras 8 fixérono nos calabozos dunha comisaria ou a cela dunha prisión. Ou que no seu primeiro ano de mandato a policía cargo en case 800 ocasións contra manifestantes. Suarez e a súa cuadrilla de, agora, novos demócratas, da man do sanguinario Martín Villa, a súa man dereita, xestionaron de forma hábil as cloacas da loita contra o movemento obreiro máis activo, contra o avance libertario, recordemos a montaxe do caso Scala, e a loita antiterrorista que servirían de base para os posteriores anos de felipismo e iso que se coñeceu como guerra sucia. O último heroe nacional morreu, como dixo o xornalista dereitista, e antigo redactor do diario franquista Arriba Fernando Ónega.
"Francisco Franco é un dos grandes fitos da Historia de España. Grazas a el e á súa profunda obra constituínte, o noso país conta hoxe cun Estado moderno que non se pecha sobre si mesmo, senón que se proxecta sobre o mañá.
Xamais ninguén logrou crear as condicións básicas de partida que Franco, identificado co seu pobo, soubo levantar. O paso dos séculos non borrará o eco do seu nome. Con el, logrou España ser Una, Grande e Libre. Non se pode menosprezar a xigantesca obra dese español irrepetible ao que sempre deberemos homenaxe de gratitude, que se chamaba Francisco Franco. A súa obra perdurará a través das xeracións"
Adolfo Suárez. 20 de Novembro de 1.975.
Unha terceira España, por aquilo das dúas Españas que se dicía antigamente, viviu ese fin de semana pendente do enésimo partido do século entre Real Madrid e Barcelona. A representación desa gran masa adormecida, despolitizada, pobremente entretida e cómplice silenciosa. Non resulta estraño que aquela famosa frase de A.Einstein sexa recordada hoxe con tanto ardor en numerosas ocasións: "Hai dúas cousas infinitas: o Universo e a estupidez humana. E do Universo non estou seguro. " Á que nos permitimos engadir outro famoso recordatorio do gran xenio e científico: "A vida é moi perigosa. Non polas persoas que fan o mal, senón polas que se sentan a ver o que pasa".
En definitiva, un fin de semana do máis entretido no que, durante 48 horas, asistimos a un repaso pormenorizado do que nos depara o mundo se todo isto segue igual. Manipulación da memoria e a historia para delimitar o presente. Manipulación do vocabulario, a análise e a cotianidade para encadrar o pensamento e a opinión. Manipulación da información e a realidade para acoutar os motivos, os testemuños, as relacións e, en definitiva, a estrutura social. Manipulación do posible e o amoral, do ben e do mal co fin de promover a resignación, o desespero e a inmobilidade. En definitiva, a construción dunha gran farsa repetida ata a saciedade, e imposta como única posible realidade. Os vellos discurso da violencia e o radicalismo, da representatividade e da nación, fronte aos da solidariedade, a autoxestión e a clase. E non obstante, nada novo de verdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario