Por obvio que poidera parecer, é un consello que non sempre se toma. Publicamos este interesante relato vivencial do avogado Eduardo Gómez Cuadrado ao respeito recollido da web "Proyecto Goliath", para que serva de reflexión e de posíbel guía, se te chega o momento. Sinalar que á policía e á garda civil non lle chista que non declares, pero é o teu direito e, sen dúvida, a mellor opción:
Hai uns catro anos comecei a traballar como avogado de oficio. Acórdome moito do meu primeiro día. Foi no cuartel da Garda Civil de Navalcarnero, tiña que asistir a unha rapaza acusada de tráfico de droga. Nese caso cando subiron a detida dos calabozos, eu xa estaba a sentar na mesa fronte ao instrutor do atestado que tiña que tomarlle declaración polos presuntos feitos. A rapaza miroume, erguínme, deille a man e díxenlle: "Ola, son o teu avogado e é mellor que non declares agora. Logo falamos con calma".
Os avogados non podemos ver o atestado ata que o expediente non estea no xulgado. O atestado é o documento no cal se relatan os feitos dos que se acusa os detidos, é por iso que, ao non poder ter acceso a esa documentación en comisaria, en realidade nin o detido nin o seu avogado saben "exactamente" de que se lle acusa, polo que para evitar meter a pata é mellor non declarar nada ata chegar ao xulgado onde xa poderás ver toda a documentación relativa á detención.
O caso é que tras recomendarlle iso á miña defendida, o instrutor (sarxento da benemérita para máis datos), montou en cólera e berroume, case parecía que ía botar man á pistola. Díxome que se non sabía que non podía "nin mirar nin dirixirme ao detido ata que non rematase a dilixencia de toma de declaración". A verdade é que a min ninguén me explicara iso nin mo ensinaran na carreira (como, por outra parte, a práctica totalidade das cousas da profesión), nin tampouco viña en ningún apartado da lei (polo menos en ningunha do período constitucional). Pedín desculpas, baixei a cabeza e calei. Evidentemente a rapaza detida pillara o tema e acolleuse ao seu dereito a non declarar, cousa que acabou por cabrear aínda máis ao "mangas verdes".
Despois deste incidente, chamáronme da comisaría de Fuenlabrada, non estaba disposto a que me pasase o mesmo de novo, así que decidín escribir nun folio en letras grandes a frase NON DECLARES.
A secuencia volveuse repetir. Subiron ao detido, un rapaz novo orixinario dun país do leste de Europa, entrou na oficina na que lle ía tomar declaración alxemado e escoltado. Eu nese momento nin o mirei. Sentárono ao meu carón fronte á mesa do instrutor que estaba a acabar de escribir os datos do detido no ordenador. O rapaz miroume, eu mireino e sinaleille cos ollos para que mirase nos meus xeonllos. El puxo cara de estrañeza pero dirixiu a vista ao lugar indicado e viu o folio que tiña apoiado nos xeonllos. Devolveume a mirada e a súa cara de estrañeza aumentou. Nese momento o instrutor reclamou a nosa atención: "Hai que esperar un pouco", díxonos, "o intérprete está en camiño". Ou sexa, que o rapaz só entendía rumano. ¡Merda!, pensei, e agora que fago? Por sorte en rumano "non declares", dise "nu declara" (ou algo así) e o tipo pillouno de todos os xeitos, acolléndose ao seu dereito a non declarar. Todo saíu ben despois de todo.
Hoxe en día xa non me corto e directamente e en presenza de todos os axentes que faga falla recoméndolles a todos os detidos que non declaren. Os policías bérranme, cabréanse, chaman o xefe e ameázanme con todos os males do inferno, empezando por poñer unha queixa ante o Colexio de Avogados para que se me sancione, cousa que nunca rematan facendo.
Non obstante hai uns días saltou a noticia de que a Brigada Provincial de Información de Madrid (Policía Nacional) interpuxera unha queixa ante o Colexio de Avogados da capital, precisamente porque tres letrados aconsellaran aos detidos dunha manifestación non declarar en sede policial.
Os axentes alegan que os avogados que actuamos dese xeito somos "malos profesionais" e que parece que descoñecemos o artigo 520. 6. c) da Lei de Axuizamento Criminal. Eu ese artigo coñézoo, vaia se o coñezo, e di textualmente (copio e pego): "A asistencia do Avogado consistirá en [entre outras cousas que non veñen a conto] entrevistarse reservadamente co detido ao termo da práctica da dilixencia en que tiver intervido". Iso é o que di, nin máis nin menos. Non di que non poidas mirar o detido, nin que non poida falar con el ante a presenza dos axentes, e o que dende logo non di é que non poidas aconsellarlle non declarar. Para dicilo a un detido que non declare, non me fai falta unha entrevista reservada, xa a terei despois de pasar ese trámite. O que acontece é que os policías e demais axentes da autoridade interpretaron sempre este artigo "varrendo para casa", sostendo que ata que ao detido non lle tomou declaración na comisaría, o avogado non pode entrevistarse nin intercambiar unha soa palabra con el. É dicir, inventaron a lei, porque nada diso di a norma. É máis, o propio Tribunal Constitucional (ese gran descoñecido) na Sentenza 199/2003, do 10 de novembro, estableceu que "o dereito do detido á asistencia letrada nas dilixencias policiais [...] consiste en asegurar que [...] terá o debido asesoramento técnico sobre a conduta a observar nos interrogatorios, incluída a de gardar silencio". Caso pechado. Non hai máis que falar.
En realidade a queixa interposta pola policía é unha "rabecha" (unha máis), porque dende un tempo a esta parte, froito do traballo sobre todo da Asociación Libre de Avogados (A.L.A.) e da Comisión Legal de Sol -15 M (CLS-15 M), son moitas as prácticas policiais irregulares que se viñeron atallando, tales como que nalgunha ocasión (máis dunha) se tomase declaración aos detidos por parte de axentes encapuchados, feito polo cal tivo que intervir a defensoría do pobo; ou que se impida aos redactores dos atestados policiais facer referencias ao perfil ideolóxico do avogado que asiste á declaración, circunstancia que motivou unha nova recomendación da valedora do pobo instando a policía a abandonar esta práctica.
Ao parecer á policía non lle gusta que os avogados fagamos de avogados. Non obstante é unha pena que a estas alturas a policía faga aínda interpretacións da lei máis propias do Santo Oficio que do estado constitucional. En calquera caso, queridos "delincuentes", o de non declarar en comisaría hai que traelo aprendido de casa.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario