Recibimos un par de correos de Eduardo Rodríguez, un dos organizadores deste ciclo que comenzou onte 3 de febreiro con unha exposición na Biblioteca municipal "Xosé Neira" (que permanecerá aberta ata o 1 de marzo) e que hoxe terá continuidade con a palestra “A Coia tradicional, dende as súas orixes ata o século XX” ( a primeira dun ciclo de 3 charlas que terán lugar os martes 4, 11 e 18 ás 19:30') e que se completará con unha actividade para o público infantil (o martes 25 dende as 6 da tarde). Mais imos colar xa a información recibida deste interesante ciclo que permitirá, as suas asistentes, coñecer mellor un dos barrios máis combativos e deteriorados da historia de Vigo.
CICLO DE CHARLAS:
- “A Coia tradicional, dende as súas orixes ata o século XX” a cargo de Eduardo Rodríguez. Martes 4 de febreiro ás 19h30.
Coia non foi sempre un barrio ateigado de rúas e edificios: ata hai poucas décadas era unha das tantas parroquias rurais que existían no Val do Fragoso. Se retrocedemos aínda máis na Historia, descubrimos as pegadas das xentes que habitaron a Coia tradicional. Nalgúns casos os ecos desas vellas sociedades subsistiron en forma de restos arqueolóxicos.
- “Das leiras aos grandes bloques” a cargo de Eduardo Rodríguez e Diego Lores. Martes 11 de febreiro ás 19h30.
Os anos 60 supuxeron o final da paisaxe rural que durara tantos anos. Nesas datas execútase o Plan Parcial del Polígono de Coia, e o arquitecto Desiderio Pernas deseña a configuración dos novos espazos. A nova paisaxe urbanística e a chegada de nova poboación (de orixe rural que viña a dotar de man de obra á industria florecente) carrexou a aparición de numerosas contradicións.
- “Do barrio que temos ao barrio que precisamos” a cargo de Diego Lores. Martes 18 de febreiro ás 19h30.
A fractura social é cada día máis evidente, e nos barrios populares os seus habitantes están máis expostos as súas consecuencias negativas. Os anos de deterioro dos lazos comunitarios, de individualismo, de consumismo, de inseguridade, de privatizacións... fixeron que estes espazos foran perdendo a súa forza coma xeradores de vida.
Partindo deste momento de mudanzas, queremos deternos e pensar -en común- que vida queremos/precisamos construír día a día nos nosos barrios.
ACTIVIDADE PÚBLICO INFANTIL (dende 5 ata 12 anos)
- Obradoiro: “O barrio, a nosa casa” a cargo de Eduardo Rodríguez e Diego Lores. Martes 25 de febreiro ás 19h30.
Cos máis pequenos trataremos de dar resposta a preguntas coma: Como era o barrio cando os vosos avós tiñan a vosa idade? Que barrio gustaríanos construír? ...
EXPOSICIÓN NA BIBLIOTECA
Paneis e fotografías farán un repaso pola historia de Coia, un barrio cargado de vida.
Do 3 de febreiro ao 1 de marzo, en horario de apertura da biblioteca.
Todas as actividades terán lugar na Biblioteca Neira Vilas na Avda. Martínez Garrido, nº 21. Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario