A trama da Pokemon, ten tamén estas cousas das que, curiosamente, enteraste delas pola prensa canalla de fora da tua cidade de residencia, e así entanto "El Correo Gallego", xornal local de Compostela, cala a este respecto, é en "La Opinión" de A Coruña e en "El Faro de Vigo" (ambas cabeceiras da mesma editora) onde recollen a crónica asinada por X. A. Taboada que destapa as liadas internas no PP de Compostela tras o estoupido da Pokemon e as liortas entre eles para ver quen enchufaba máis xente na gardería de Salgueiriños tras a adxudicación da mesma a Sermasa -do grupo Vendex-, ademais de dar a coñecer que o noso alcalde compostelán admite que recebera como agasallo de Vendex unhas botellas de viño, dado ao que Currás non lle da importancia algunha e mesmo recoñece que xa se esquecera de "tal detalle", o que, a min levame a preguntarme: Tantos agasallos recebe na súa condición de alcalde que xa non se lembra deles?? E iso, non é prevaricar??. Seguimos falando de civismo??
O sumario da Pokemon, ademais de mergullarse nunha suposta trama de corrupción que sacode boa parte de mundo municipal galego, tamén desvela as tensións e as guerras internas que hai nos partidos. E un dos peor parados é o PP de Santiago, especialmente dividido tras a dimisión do seu anterior alcalde, Gerardo Conde Roa, por un delito fiscal. Tal é a confrontación, que o actual rexedor, Anxo Currás, acusou a súa concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, de calumnialo permanentemente. E fíxoo nada menos que ante a xuíz Pilar de Lara na súa declaración de xaneiro do pasado ano para exculparse de calquera responsabilidade na presunta adxudicación irregular da gardaría municipal de Salgueiriños a Sermasa -do grupo Vendex- e de ter "enchufado" varixs traballadorxs na escola infantil.
Tras preguntarlle polo proceso de contratación da gardaría, a xuíz inquiría unha e outra vez ao alcalde sobre as súas "presións" para colocar traballadores na escola, e para iso recorría ás conversacións gravadas de Rebeca Domínguez con directivos de Vendex nas que comentaban que estaban á espera de de que o rexedor realizase o "filtrado" dos currículos para entregarllos a Sermasa cos que nutrir o equipo de traballadores da escola de Salgueiriños.
"Iso é rotundamente falso e ademais indígname. Non sei os motivos polos que di iso, pero é unha calumnia", foi a resposta que desataron as conversacións da súa concelleira. Pero a xuíz seguíalle poñendo máis extractos de diálogos gravados da edil, nas que comentaba que estaba á espera de recibir os currículos do rexedor. "É unha calumnia permanente", exclamaba Anxo Currás noutro momento do interrogatorio.
O sumario da Pokemon revela tamén que non só, presuntamente, o rexedor estaba interesado en colocar a afíns na gardaría, senón tamén o seu xefe de gabinete, Francisco Castro, (tamén imputado), co que prepararía a medias os enchufes. O alcalde négao todo e asegura descoñecer por completo se alguén estaba a premer a Sermasa para colocar xente. E así foi ata que a xuíz lle mostrou outra conversación do seu xefe de gabinete no que quedaba cun directivo de Sermasa para pasarlle a lista de enchufados. "Déixame sorprendido e perplexo", foi a reacción do alcalde.
Pero hai máis, a edil de Educación tamén pugnaba por colocar xente na gardaría e segundo o delegado de Vendex en Galicia, José María Tutor, tamén a actual voceira do PP galego, Paula Prado, cando era concelleira de Santiago propuxo unha persoa para contratar na escola infantil.
O rexedor declara que tampouco interveu na xestión para contratar a Sermasa a apertura da gardaría e que non recibiu ningunha achega de diñeiro desta empresa. Pero si admite que foi obxecto dun regalo, "dunhas botellas de viño", do que só se acordou, contou á xuíz, cando se foron coñecendo detalles da operación Pokemon. Tampouco coñece se outrxs concelleirxs recibiron regalos ou diñeiro.
Ao final, foron tantos os traballadores enchufados que houbo que meter na gardaría que se fixeron contratos de media xornada para satisfacer todas as peticións de enchufes. Só unha par de persoas, segundo o sumario, terían horario completo.
eDu
No hay comentarios:
Publicar un comentario