Deixamos aquí o video da mani realizado por "Galiza Contrainfo" e máis unha cronica nosa:
A convocatoria contra as leis fascistas e en solidariedade coa loita do barrio de Gamonal, celebrada o pasado venres na Coruña sorprendeu a propios e estraños cunha impresionante asistencia que pasaba longamente do medio millar de persoas. Se a anterior convocatoria de "Acción Antifascista Corunha" debutara cunha asistencia de preto de 300 persoas (Noticia AQUÍ), nesta ocasión a concorrencia a lo menos duplicou a da súa predecesora. Tamén é verdade que a solidariedade co barrio de Gamonal e a indignación provocada polos sucesos de Burgos nutriron abundantemente con participantes a protesta. Do mesmo modo que o feito de sinalar a fascistificación social, especialmente no plano lexislativo, en lugar de centrar os seus obxectivos nos "fascistas clásicos" de cabeza rapada foi todo un acerto por parte da plataforma antifascista convocante. Permitindo así que numerosos colectivos sociais, coas súas reivindicacións concretas, se unisen á protesta.
O que comezou como unha concentración fronte ao Obelisco coruñés pronto acabou por saír en forma de manifestación pola céntrica rúa Real, ante a incapacidade de pouco máis dunha vintena de antidisturbios para conter o inmenso caudal humano. Entre o estrondo dos petardos e consignas en apoio ao pobo de Burgos, contra a represión, a favor do aborto, contra o código penal, contra a audiencia nacional... ou simplemente a favor da revolución, a marcha atravesou as rúas do centro ata a praza do concello. Varios bancos foron atacados con pintura, ao igual que a subdelegación do goberno sen que o reducido número de policias puidese facer nada ao respecto.
Xunto á Igrexa de San Jorge, próxima ao edificio do concello, leuse o manifesto, quedando desconvocada a protesta. Non obstante centos de persoas, na súa maioría moi novos e co rostro cuberto, comezaron a increpar e perseguir aos madeiros, que recuaron lenta e ordenadamente polas rúas do centro. Malia algúns lanzamentos de obxectos e a un ambiente extremadamente tenso no que se respiraban as ganas de emular os sucesos de Burgos, a situación non chegou a estoupar e pouco a pouco a xente foise dispersando polo barrio de pescadería. Ao parecer, a policía aproveitou as circunstancias para cargar contra un grupo de mozos que se mantiveron belixerantes ata o final do evento.
Poucas veces se respirou en Coruña, nunha protesta desta índole, un ambiente tan proclive ao desbordamento, non obstante parece que faltou a faísca que iniciara a combustión de tanto malestar acumulado. Finalmente quedou todo nunha especie de "coitus interruptus" combativo que, esperemos, non faga se non augurar un futuro preñado de loita social.
C.R.
20 ene 2014
Video e crónica da "Convocatoria contra as leis fascistas" e de apoio a Gamonal do pasado venres en Coruña
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario