Colamos e damos pulo a esta Nota de Prensa recibida:
Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña desexamos trasladar as últimas novas no caso de Elisabeth Sanlés, desafiuzada sen solución nin alternativa na cidade da Coruña o pasado día 27 de novembro do 2013.
Na mañá de hoxe (NdeA: por onte) o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) comunicoulle a Elisabeth que, se ben entra no criterio de ser unha persoa “con necesidade urxente de vivenda”, a súa solicitude foi desestimada porque “(...) sen discutir a precariedade da súa situación, non é quen de acadar unha singularidade tal que permita diferenciala da que están a padecer a meirande parte dos outros cinco mil demandantes de vivenda de promoción pública da provincia (3500 deles demandantes de vivendas no concello da Coruña) (...)” * .
Ademais, incomprensíbelmente na súa resposta tenta culpabilizar novamente a esta muller do erro cometido polo IGVS ao adxudicarlle no 2011 unha vivenda ubicada nun cuarto piso sen ascensor, ao non ter tido en conta o informe médico que sinalaba que Elisabeth ten fibromialxia. De feito, as propias traballadoras do IGVS comentáranlle a ela no seu momento que se tratara dun erro informático e que o eliminarían do seu expediente para que non constase como que rexeitara unha vivenda, pois non se correspondía coa realidade, compromiso non cumprido que agora empregan para atacala.
Polo tanto, logo de meses onde a vida de Elisabeth, coma a das outras 3.500 familias na súa mesma situación, converteuse nun expediente que as diferentes administracións e o poder xudicial trataron coma un papel mollado, a decisión final desembocou non só na insatisfacción dun dereito básico, senón na revelación de que, cando a administración asume que unha persoa precisa con urxencia unha vivenda, o seguinte paso é unha competición apupada polo propio Instituto da Vivenda (IGVS) e os Servizos Sociais do concello da Coruña por ver quen está máis excluída socialmente. Que debería facer Elisabeth e as outras familias pra avanzar postos nesta carreira? Cortarse un brazo? Acumular máis fillos? Daríanlles máis puntos se se esforzaran por contaxiarse dalgunha enfermidade?
É indignante que o propio IGVS alegue que a día de hoxe 3.500 familias agardan por unha vivenda, obviando a realidade vergoñenta de que nesta cidade hai 20.000 vivendas baleiras segundo o INE -300.000 en toda Galiza-, unha cantidade que excede incluso o número de familias que precisan un fogar, mais que ningunha institución está dando pasos por tentar poñer ao servizo dunha demanda social que se torna cada día máis dramática.
Por qué non se dan por aludidas as institucións públicas na súa incompetencia para conseguir poñer máis vivendas a disposición da cidadanía? Incluso, é máis, se hai 3.500 familias á espera de vivenda, por qué inda hai 5 sen adxudicar? Quérennos dicir que non só Elisabeth, senón ningunha das outras milleiros de familias entran nos requisitos do IGVS?
En lugar de cumprir ca súa responsabilidade na xestión da vivenda para as persoas que o precisan, sinalada no Artigo 3 da Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o IGVS está optando por abandonarse a un discurso clasista e mendicante, asociando o dereito básico á vivenda a unha situación de marxinalidade, na que as persoas temos que competir por demostrar quen é o máis pobre. Só así están dispostos a colaborar, relegando o dereito á vivenda a unha sorte de “condición social” en lugar de asumir que se trata dunha garantía xurídica. Malia a que noutros países europeos respéctase este dereito, ou mesmo están prohibidos os cortes de luz e auga durante o inverno, no Estado español, podre de corrupción política e estafas bancarias, ter un teito no que acubillarse segue dependendo dos cartos que teñas para pagalo, inda que todo o territorio estea inzado de urbanizacións fantasma.
Namentras, o parque de vivendas mercado aos bancos cos cartos de todas as galegas e galegos non se están poñendo ao servizo destas familias que agora as necesitan. Sen embargo, o seu uso está sendo rapidamente disposto pra vendelo a fondos de inversión favorecendo e incentivando a especulación contra o dereito básico á vivenda.
Elisabeth está na rúa, sen solución, invisibilizada e criminalizada. Canda ela, 3.500 familias agardan por un dereito que se convirte en caridade institucional e estigma social, ao relacionar unha necesidade básica con exclusión e marxinalidade, cando na realidade é unha necesidade sistémica nunca satisfeita.
A Constitución, co dereito á vivenda recollido no seu Artigo 47, semella non ser máis que unha folla de ruta histórica que so serve pra manter a orde de clase e poder rexente. O Artigo 25.1 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, unhas bonitas verbas do que “debería ser” pero que a ninguén lle importa que non sexa: “Toda persona tiene derecho a un nivel de vida adecuado que le asegure, así como a su familia, la salud y el bienestar, y en especial la alimentación, el vestido, la vivienda, la asistencia médica y los servicios sociales necesarios; tiene asimismo derecho a los seguros en caso de desempleo, enfermedad, invalidez, viudez, vejez u otros casos de pérdida de sus medios de subsistencia por circunstancias independientes de su voluntad”.
Vivimos nun Estado que ningunea a necesidade das persoas pero favorece o atentado vivencial contra os nosos dereitos. Vemos como os poderes xudiciais condenan á pobreza e á miseria á maioría social ao tempo que favorecen o fraude fiscal e a impunidade dunha minoría. Sentimos como as institucións enfrontan entre si a “os necesitados” pra salvagardar o estatus social dos máis enriquecidos. Neste inverno as rúas énchense de persoas sen teito, desafiuzadas e esquilmadas polo Capital, namentres nas mesas de quenes gobernan repártense os beneficios acadados mediante a sangría capitalista das nosas vidas.
Porque non é so Elisabeth, se non que a todas e todos négasenos o dereito á vivenda, dende STOP Desafiuzamentos, xunto ca cidadanía da Coruña, seguiremos a loitar por unha solución para esta situación inxusta e inhumana. A día de hoxe os poderes “públicos” son so iso, poder, ostentado por unha minoría para escravizar e precarizar á maioría social. Alén da estigmatización e criminalización da nosa condición social, as institucións ao servizo do Capital nada van facer por nós. Debemos ser o pobo quenes fagamos respectar os nosos dereitos. E se vivir é un dereito, ter casa tamén. Non cesaremos ate que isto sexa realidade.
*Adxuntamos resposta do IGVS a Elisabeth Sanlés.
Moitas grazas pola vosa atención.
Artigo 3º da Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Correspóndelle ó Instituto Galego da Vivenda e Solo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garanti-los dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental.
Saúdos, moi boa xornada e moi boa ponte tanto para quenes vos toque traballar como para as/os que lles toque descansar.
STOP Desafiuzamentos A Coruña.
6 dic 2013
[A Coruña] O IGVS rexeita a solicitude urxente de vivenda de Elisabeth Sanlés
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario