5 nov 2013

Chegan noticias de México que falan de criminalización do anarquismo dende o esquerdismo.

Vimos de saber por duas noticias de AlasBarricadas aquí e acá, que en México hai unha criminalización do anarquismo e en concreto dos xovens encarapuchados que actuan nas manifestacións. Un caso máis no mundo que, sendo como é tan diverso, apenas hai variacións no que respeita à violencia do poder, a manipulación dos falsimedios e as mentiras de quen vai de salvador do pobo dende os estrados do capital e da corrupción para criminalizar aos xovens que están a usar a violencia nas manifas para expresar así a súa rabia. A tal respeito convidamos à leitura dun texto con o títular: "Subcomandante Marcos a @s anarquistas" publicado na web El Libertario (en castelán) onde entroutras cousas di: "Compas Anarquistas: nós os zapatistas, nós as zapatistas, non lles imos achacar as nosas deficiencias (incluída a falta de imaxinación), nin ímolos facer responsables dos nosos erros, nin moito menos ímolos perseguir por ser os que son. É máis, cóntolles que varios convidados en agosto cancelaron porque, dixeron, non podían compartir a aula con "mozos anarquistas, esfarrapados, punks, aretudos e cheos de tatuaxes", que esperaban (os que non son mozos, nin anarquistas, nin esfarrapados, nin punks, nin aretudos, nin cheos de tatuaxes) unha desculpa e que se depurase o rexistro. Seguen esperando inutilmente". Ademais, colamos, depois de traducida, as impresións asinadas por Javier Hdez. Alpízar con o título Violencia, carapuchas e anarquismo:

Ante a ousadía dos mozos anarquistas, o que deberían sentir os vellos pseudoesquerdistas que pretenden rifalos é vergoña: pois foron precisamente os seus erros e compracencias parte das causas que arruinaron este país...

É, máis que inexacto, falsear os feitos, reducir a violencia nas manifestacións recentes (do 1 de decembro do 2012 ao 2 de outubro de 2013, para poñer dúas datas) a uns cantos infiltrados, manipulados ou "acelerados" que rematan (contra a súa vontade) sendo usados polo poder. Como dixera unha das editoriais de Kaos na Rede (medio alternativo atacado cibernéticamente nas semanas recentes: ven como as agresións non son algo incidental nin local?): se reducimos a violencia a uns infiltrados, estamos ocultando gran parte do fenómeno, é dicir, que hai rabia en México, cansazo nas filas populares, especialmente nun dos sectores máis agredidos: o xuvenil.

Quen ten a autoridade moral para criticar os mozos encarapuchados?: A pseudoesquerda que ten vido reprimindo-os dende os anos noventa, mesmo en datas altamente simbólicas como os 2 de outubro e o 10 de xuño? O panismo que bañou en sangue ao país como nin sequera o priismo o lograra facer? O priismo que soamente ten para os mozos: morte violenta, represión, un emprego no crime, corrupción e unha sociedade sen futuro? Os medios de masas venais, os que mentiron sempre ao seu auditorio e mesmo xamais retratan o fenotipo da xente deste país? Os benpensantes que protestan co permiso e a bendición do GDF represor, e logo de ver frustradas as súas esperanzas, unha vez tras outra repréganse obedientemente a dicir a súa xaculatoria: "estariamos mellor con López Obrador"? A esquerda domesticada, permitida ou permisionada?

É verosímil que hai infiltrados dos gobernos de EPN e do GDF-PRD nas marchas, enviados expresamente para xerar imaxes de violencia e darlle unha coartada á represión de Estado (federal e do DGF- PRD), pero tamén é inocultable que algúns mozos, fartos de ver pechados todos os camiños a un cambio verdadeiro e ver traizoado o deber da sociedade de darlles un espazo, un mañá, están a usar a violencia para expresar a súa rabia.

Non son as violencias equivalentes nin simétricas: a unha é a violencia do poder, amparada covardemente na impunidade institucional e sistémica, violencia coordinada entre o goberno federal priista e o DGF perredista, co aplauso do PAN e os medios de comunicación "caceroleiros"; a outra, a xuvenil, é a violencia dos que responden á cerrazón, nun país onde o poder taponou todas as saídas políticas, toda esperanza. Non se trata de xustificala ou non, de lexitimala ou non, senón de entender por que acontece, para non lexitimar a represión dividindo as manifestacións en "pacíficas" ou "delituosas" e por ende "reprimibles". Se non se entende un problema, en lugar de respostas e posibles solucións, apuntalarase a violencia supostamente "lexítima" do opresor.

Os mozos son recibidos á vida adulta, escolar e laboral ou, mellor dito, á negación delas, cunha inscrición dantesca: "quen entre aquí abandone toda esperanza". Pero cando usan a forza e a violencia, ante un sistema cuxo recurso político cara a eles foi precisamente o binomio: forza e a violencia, acúsanos de "provocadores", "infiltrados" e "manipulados". Soa máis ben a falida autoexculpación dunha esquerda que debe estar a cuestionarse por levar ao poder a semellantes represores e equipalos con programas como o Cero Tolerancia que trouxo de Nova York a México DF López Obrador, usando diñeiro público, vía Rudolph Guiliani.

Elena Poniatowska (1) pretendeu contrastar os mozos anarcos cos irmáns Flores Magón (pregoeiros e partícipes de máis dun alzamento armado) e con Durruti (quen non soamente usaba armas, senón perpetraba asaltos como recurso político), con iso a plaxiaria de libros de González de Alba (2) soamente exhibiu a súa ignorancia e incongruencia. É sintomático que o público que a segue venerando teña que facer caso omiso de cada vez máis plaxios, erros e deshonestidades literarias e políticas da agora crítica de mozos anarquistas.

Afortunadamente, a graza dos mozos anarquistas é que non pedirán permiso ás "personalidades" que se senten herdeiras do 68, pero que son xa mascotas do poder e da dereita: os mozos defenderán a súa dignidade como eles decidan, nun país coas portas pechadas á decencia e ao cambio; abertas soamente para os priismos que campean non soamente no PRI, tamén nas esquerdas satélites do PRI e no PAN, que mentres máis se opón ao PRI máis se parece a el. Se Gómez Morín(3) vivise, tería que fundar un partido para opoñerse ao neofascismo panista.

Ante a ousadía dos mozos anarquistas, o que deberían sentir os vellos pseudoesquerdistas que pretenden rifalos é vergoña: pois foron precisamente os seus erros e compracencias parte das causas que arruinaron este país, e é debido en boa medida a esa autosatisfacción, triunfalismo estéril e conformismo con canto ex priista os puxeron de candidato, que deixaron por herdanza aos mozos un presuposto para gases lacrimóxenos e balas: é o legado que esquerdas e dereitas lle brindan os mozos; e aínda teñen o cinismo de pretender xulgalos.

Por outra parte, a violencia é un tema difícil de pensar: tabuada en parte, asimilada hipocritamente cando provén do poder, condenada soamente cando é a resposta irada dos oprimidos, vista con fascinación acrítica por algúns. (Recordan o sarampelo de simpatía pola película "Con v de vendeta" entre votantes fustrados de AMLO en 2006?) Non obstante, parece ser o camiño que elixiu o poder para controlar o conflito social no país. Parece haber unha estratexia clara para sabotar todos os camiños non violentos e levar aos movementos sociais á quella dos golpes e corretizas: o cuestionable é pensar que o máis intelixente sexa ir a pretender confrontar o poder precisamente aí onde este quere enfrontar o movemento social.

Xurdiron voces que non soamente reivindican a violencia como ferramenta política radical senón que se burlan dos movementos políticos non violentos: esquecen que, no México moderno, eses movementos non violentos son os que incomodaron ao poder, que a violencia do poder é para esmagar non uns poucos anarquistas con molotovs (que neste momento non representan para o poder ningún desafío), senón a unha mobilización social que unha violencia inaudita non logrou frear. A violencia do poder é unha confesión de impotencia política, e por máis radicais que pretendamos ser, non podemos negar que os que lograron representar unha pedra no zapato dese poder son movementos sociais esencialmente non violentos.

Usar a violencia non é sinónimo de ser máis radical, nin máis revolucionario, nin máis forte, como usar a mobilización non violenta non é sinónimo de morneza ou confusión política: pretender unha ecuación: violencia=autenticidade política, é tan inxenuo e falto de visión como querer ocultar o cansazo co sambenito de "os infiltrados de EPN para desprestixiar o democrático GDF". De ambos os dous simplismos debemos precavernos para non ocultar o fenómeno social: o cansazo e a persistencia en buscar un cambio social en México. Despois de todo, a violencia non é un medio ou unha ferramenta neutra: sempre que se usa, xera asimetrías e poderes opresores, resultados nada antiautoritarios nin ácratas, como pode verse. Por iso tamén a ecuación anarquismo=violencia é sumamente dubidosa.


(1) xornalista e escritora franco-mexicana acusada de plaxiar libros de González de Alba
(2) escritor, xornalista e divulgador da ciencia mexicano
(3) político mexicano criador da PAN

No hay comentarios:

Publicar un comentario