Este vindeiro sábado 5 de outubro vaise realizar esta 1ª Xornada Solidaria para axudar a pagar as multas impostas a distintos activistas da dignidade e dereito a vivenda, as actividades previstas son un Comedor Benéfico 100% Vexetariano (humus, crema de verduras, pasta con boloñesa e postre); a proxección do Documental "Lo Llevamos Crudo"; e mais un Obradoiro Crudivegano e terá lugar no CSOA Xuntas (r/ do carme), dende onde convidan a vir coñecer este espazo okupado, as suas hortas, ... E apontan que, por favor, e por motivos de loxística, gustarían de saber xs asistentes reais ó comedor... ao que Estades todxs invitadxs! Teñen criado a tal efecto este evento nunha rede social.
O motivo desta Xornada, xurde a raíz da estrambótica historia vivida hai uns días (na madrugada do martes 17 de setembro) por dois activistas da okupación, que foron acusados de okupar un inmoble que non okuparon e polo que estiveron secuestrados dois días en dependencias policiais antes de sair libres con cargos tras prestar declaración ante a xuíza de guarda, quen lles imputa un presunto delito de usurpación de bens inmobles.
No seu día, dende Abordaxe puxeramonos en contacto con unha destas persoas, CMU, e agora enviounos a sua versión dos feitos, dos que tiveramos noticia por un correo recebido na nosa caixa con a información publicada no xornal Faro de Vigo, da que non se entendía moi ben o que se pasara (de ai o noso interés en ter máis e mellor información de primeira mán).
Segundo El Faro (que recollía a noticia da liberación dos dois activistas e do recebimento dunha decena de compas), ambos detidos negaron a su entrada à forza nun piso da rúa Fisterra, e recollían as palabras dunha portavoz do grupo de solidarixs: "O edificio está abandonado e efectivamente alí viven varios compañeiros, pero eles foron detidos na rúa, non facían nada. Estaban cinco xovens xuntos, a policía identificou a tres e arrestou a dous. A un deles lle agrediron durante a detención, pois deronlle un puñazo na boca".
Ademáis, seguía contando El Faro, os dois imputados, negaran ante a xuíza ser okupas (??) e os seus avogados explicaron que: "Aportaremos os contratos de aluguer dos pisos nos que residen e os contratos de traballo" e no que respeita às 48 horas que se pasaron nos calabouzos, un dos avogados explicou que o xoven que denunciou à policía por agresión solicitara un habeas corpus, o que demorara 24 horas a sua posta a disposición xudicial (??), e que "a maxistrada estudiara onte -polo mércoles 18- se a detención fora ilegal, pero que, tras verificar o ocorrido non atopara indicios de arbitrariedade".
E remataba a crónica apontando que os axentes localizaran aos dous detidos en rúas distintas e que non viran a ninguén forzando a porta do inmoble abandonado da rúa Fisterra, e que segundo os afectados: "Ao parecer unha veciña chamara à policía e denunciara que vía merodeadores pola zona. A patrulla encontrara a porta da casa aberta e tras identificar ao grupo de xovens que había na rúa, arrestou a dous deles".
Así e tras a leitura desta notícia en El Faro, as dúbidas sobre o que se pasara eran cuantiosas: os imputados negaran ser okupas? ; un agredido pola policía; ao pedir un "habeas corpus" aumenta o tempo de secuestro policial??; os detidos estaban en rúas distintas pero en grupo ??; segundo a xuíza a detención non foi arbitraria ??.
Así hoxe, sabemos mellor o que se pasou grazas a un dos afectados, CMU, o agredido pola policía (e que foi denunciado tambén por agresión à policía, na típica-tópica contradenuncia que utilizan os corpos de "inseguridade" cada vez que agreden algúen e inventan que a sua agresión foi como resposta a ser agredidos) que, como dixemos, nos facilitou a sua versión dos feitos, e que fala de montaxe policial, dado que os detidos son activistas pola dignidade e direito a vivenda, e teñen dado charlas sobre okupación (vamos que "son altamente perigosos"):
"Bon, como ben sabedes a maioría, son un dos afectados. Aqui vai a miña exclusiva: Si, apoio a okupacion frente a especulación e seguiré dando charlas de okupación e desobediencia civil a calqueira colectivo ou persoa que mo solicite. Si, apoio o lexítimo direito à autodefensa ainda que te agredan os corpos e forzas de seguridade do estado, especialmente se son eles; dito o dito: Nego ter entrado nesa casa en concreto, nego que esa casa estivera nen tan sequer aberta, nego ser o primeiro en agredir, incluso nego non ter feito outra cosa que resistirme cando me alxemaron unha mán causandome lesións, nego o parte de lesións da policía e, ogallá eu só, alxemado atrás, tivera sido capaz de lesionalos aos 4".
Como colorario cabe sinalar que como aponta CMU:
"Este próximo sábado 5 estaré en Xuntas CSOA (para os da ESO: Centro Social OKupado Autoxerido) para compartir un pouco de info sobre crudiveganismo como parte da xornada "Faite okupa" que se iniciará con un xantar popular solidario vegano a cargo dun amigo que cociña "que te cagas" e à tarde poñeremos un documental sobre crudiveganismo, abriremos unha pequena charla coloquio e logo faremos algunhas recetillas para probar cousas que podemos comer en estado natural para introducir máis alimentos crus no noso día a día.
A intención real desta xornada solidaria é axudar económicamente ao movimento okupa vigués no pago de multas pola sua laboura axudando a liberar espazos desocupados e abandonados para desenvolver proxectos sociais e culturais. Esta libertadora causa nos servirá de fundo para compartir información sobre unha forma de alimentación que consiste en alimentarse de vexetais crus, alimentos vivos, con toda a sua enerxía intacta e os seus nutrientes. Bon, isto e muito máis.
Estádes invitad@s a asistir e participar
Alí nos vemos"
No hay comentarios:
Publicar un comentario