Publicamos acá este artículo asinado por César Lorenzo Rubio extraído e traducido do Boletin Tokata:
Tras a morte de Franco, en sucesivos indultos e amnistías, as cancelas das prisións abríronse para deixar saír os opositores encarcerados. Desta forma poñíase fin a un dos eixes fundamentais da ditadura -a persecución política-, pero en absoluto significaba o final dunhas leis e prácticas caracterizadas pola severidade, a ausencia de garantías e os abusos. Ademais, aínda quedaban preto de 10.000 presos por delitos comúns, que só foron afectados polas medidas de graza de forma moi tanxencial, e non estaban dispostos a ver saír aos seus compañeiros de reclusión sen reclamar o mesmo trato. Ante a perspectiva do inicio dun novo réxime de liberdades que a Transición anunciaba, os presos comúns -sociais, na linguaxe da época- conseguiron dotarse dun discurso e unhas reivindicacións propias que os presentaban como vítimas da ditadura e, polo tanto, con dereito a unha oportunidade.
Entre 1976 e 1978 a Coordinadora de Presos en Loita (COPEL) liderou centenares de motíns, paros, folgas de fame e autolesións colectivas para reclamar a liberdade de todos os encarcerados, a reforma do Código Penal e un cambio drástico das condicións de reclusión. Moi poucas prisións saíron indemnes do estalido: de Málaga a Basauri e de Valladolid a Valencia, as galerías ilumináronse polo lume das cacharelas. Foi tal a importancia que adquiriu este movemento de protesta que as súas proclamas chegaron ao Senado en forma de Proxecto de Lei de Indulto -rexeitado-, primeiro, e despois provocaría a aprobación da Lei Xeral Penitenciaria, primeira Lei Orgánica da democracia (1979), que pretendía acabar tanto cos agravios de orixe franquista denunciados polos presos, coma coas mesmas protestas. Tras a redacción dun novo Regulamento Penitenciario, e diversas reformas penais da man do primeiro goberno socialista, pechouse definitivamente a porta a calquera alternativa ao cárcere como "mal necesario". Polo camiño quedaron propostas parlamentarias tan audaces como recoñecer o dereito de asociación para os reclusos, inaudito hoxe en día, ou un anteproxecto de Código Penal que prevía un tope de 25 anos de estanza máxima en prisión, moi lonxe da cadea perpetua con que ameaza o actual goberno.
Pero despois da tormenta, non chegou a calma. Os textos legais quedaron lonxe das declaracións de intencións, e máis aínda da realidade que se vivía nos patios de Carabanchel ou a Modelo. A irrupción masiva do consumo de drogas e o aumento imparable do número de encarcerados que esta provocou -coa inestimable axuda do discurso de inseguridade cidadá alentado por determinados medios-, converteron as prisións dos anos oitenta en auténticas potas a presión. A maioría dos implicados nas loitas da COPEL desmolibizáronse rapidamente e moitos pereceron vítimas da heroína, os abusos policiais, ou as liortas entre bandas rivais. Algúns seguen andando a tombos, aínda hoxe, polas novas prisións da democracia.
Tres décadas e media máis tarde, puidemos reconstruír a súa historia da man dos poucos que conseguiron sobrevivir ao círculo vicioso de cárcere, marxinalidade e delito. O seu testemuño, xunto á consulta de fondos documentais ata agora inexplorados, como o da COPEL, conservado no Centre de Documentació dels Moviments Socials de la La Ciutat Invisible, ou os informes inéditos do director da Modelo, entre outros, permitiu reseguir as interioridades dunha mobilización que permaneceu oculta entre o descoñecemento e o esquecemento. Á luz dos datos, as protestas dos presos sociais revélanse máis complexas e poliédricas do que algúns estamentos políticos as presentaron. E non só iso: os métodos termidorianos para rematar con elas dubidan do discurso de solemnidade e consenso tecido entorno á orixe do noso sistema penitenciario. A tinta da Lei Penitenciaria non estaba feita cos loureiros do triunfo da modernidade humanizadora, senón coa feluxe das prisións en chamas, e a suor e o sangue dos presos subidos aos tellados. Coñecer como se puxeron os cimentos da prisión actual pode servir de punto de partida para repensar o presente penitenciario, entender a súa evolución e, talvez, apostar por un sistema menos cruel de resolver os conflitos sociais; continuar ignorándoo só afondará na indiferenza abúlica e conformista sobre a sorte das 70.000 persoas que enchen diariamente as prisións da democracia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario