Solid Resources, unha empresa canadense, agarda os permisos da Xunta para actuar sobre once quilómetros en Terra de Montes e Beariz. Asegura que o Goberno galego "está con ganas de acelerar os seus plans" porque quere "loitar contra a recesión económica grave".
Colamos este artigo asindado por Xurxo salgado en Galicia Confidencial
Mentres no norte de Galicia se loita para evitar unha megamina de ouro dunha multinacional canadense, no sur, outro megaproxecto mineiro doutra multinacional do mesmo país ameaza con afectar a varios concellos de Pontevedra e Ourense
De feito, son de tanto calado as perspectivas mineiras que se agardan, que a publicación Financial Press sitúa a Galicia no centro das explotacións mineiras en Occidente. Nun extenso artigo, destaca o interese das multinacionais nas novas explotacións no Estado español e, en concreto, en Galicia, onde salienta o caso da canadense Solid Resources LTD para explotar tantalio, estaño ou litio nunha área de 3.690 hectáreas entre Terra de Montes e Beariz. A área que se explotaría abarcaría 11 quilómetros, entre os núcleos de Presqueiras, Correa, Coto-Tocaio, Acebedo, Rubillón e Taboazas.
O presidente da compañía canadense non dubida en situar Galicia e España como a "zona cero" dunha reactivación mineira europea, onde as empresas estranxeiras, como é o caso de Solid Resources, "foron ben recibidas". E é que o comercio de tantalio atrae desde hai algún tempo a atención das grandes mineiras, principalmente, debido o seu uso para fabricar bens de consumo tan populares como os teléfonos móbiles. A cotización dun mineral como o tantalio está a 250 dólares o quilo.
Esta multinaciona agarda poder comezar co seu proxecto, denominado xa Alberta-1, dentro de dous anos, unha vez que os permisos estean asegurados. "No mundo da minería, iso é case inmediato", apunta Rick Gliege, outro dos directivos desta multinacional. "Estamos en camiño de converternos na primeira mina produtora de tantalio de Europa e unha das poucas minas de estaño e litio", destaca ao subliñar que o seu proxecto en Galicia xa captou a atención de varios das principais empresas europeas de transformación do metal.
A Xunta "con ganas de acelerar" o proxecto
Para este proxecto din contar co total respaldo do Goberno da Xunta. "As autoridades, que loitan cunha recesión económica grave e que teñen ganas de rexuvenecer a industria mineira centenaria, están encantadas e con ganas de acelerar os nosos plans para a produción", di Gliege.
De feito, a multinacional canadense di que chega a un país de ganga porque asegura que a contratación dos traballadores cualificados para o Alberta-1 "presentará poucas dificultades". Gliege afirma que un compañeiro de traballo de Vancouver que traballa para unha empresa mineira en territorio español —probablemente se refire a Mineira de Corcoesto, filial da tamén multinacional canadiana Edgewater— díxolle que "buscan 200 mineiros e recibiron 11.500 solicitudes". O propio artículo de Financial Press reflicte o feito de que case a metade de todos os españois homes menores de 30 anos están desempregados, como base para xustificar un proxecto mineiro.
Outro dos aspectos positivos que salienta Solid Resources para o seu proxecto son as "excelentes infraestruturas" das que dispoñen. Así, destacan que a mina atópase a poucos metros dunha estrada asfaltada que conduce o porto de Vigo, a 40 quilómetros. "Ademais hai liñas eléctricas que cruzan as instalacións e un clima benigno e propicio para a produción durante todo o ano", destaca.
Galicia, o "anti-Congo"
Gran parte das multinacionais norteamericanas están recalando en Galicia e en España fuxindo da mala imaxe que lles dá a explotación de minas en zonas de conflito bélico como é o da República Democrática de Congo. Precisamente, disto fachenda o presidente de Solid Resources, ao asegurar que o seu proxecto en Galicia é o "anti-Congo".
De feito, na reportaxe destácase o feito de que o tantalio, estaño, tungsteno e ouro atópanse entre unha gran cantidade de minerais de conflito cuxa venda ilegal aporta fondos para a compra de armas polos rebeldes e perpetúa unha guerra salvaxe en África que xa causou 5,4 millóns de mortes nos últimos 15 anos.
Solid Resources opera en Galicia desde 2003
Solid Resources LTD opera en España desde o ano 2000 e posúe a concesión das prospeccións mineiras en Galicia desde o 2003. Con todo, non foi ata o 2011 que comezou coas prosprecións. Ese ano, nunha primeira fase de prospeción, os resultados obtidos determinaron que en San Miguel de Presqueiras hai metais tan demandados pola industria electrónica como o estaño, o tántalo ou o litio. Así mesmo, na anterior campaña de sondaxes verticais acometida na parroquia entre setembro e decembro do pasado ano 2012, extraéronse catas de entre 1 e 2 quilos cuxos resultados foron satisfactorios.
Na primavera deste ano realizou novas exploracións que culminaron coa extracción de 100 toneladas de mineral de propiedades da Comunidade de Montes en Man Común de San Miguel de Presqueiras (Forcarei) a través dunha antiga galería de estaño de 100 metros de lonxitude. Estas probas son determinantes para ver se os resultados acadados son determinantes para que a multinacional canadense continúa co seu proxecto previsto. Os últimos datos, e as declaracións dos seus dirixentes, apuntan a que isto pode ser así.
A empresa prevé investir 20 millóns de euros e xerar 20 empregos directos e 150 indirectos. A Asociaición Verbo Xido xa alertou en 2011 das actividades desta mineira por falla de información oficial e da "alarma social" que estaba a causar.
Velaquí o vídeo no que Solid Resources explica o seu proxecto mineiro en Galicia:
No hay comentarios:
Publicar un comentario