Hai uns días publicabamos en Abordaxe a nota de prensa de Stop Desafiuzamentos de A Coruña ao respeito da Asemblea de afectadas por desafiuzamentos para mañán sábado 5 outubro ás 11h na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16); agora vimos de recebir unha outra nota de prensa na que, ademáis de recordar esta cita (e comunicar as razóns que motivaron a mesma), fan un Convocatoria de Urxencia para hoxe mesmo, venres 4, ás 12.00hrs. diante do Xulgado (R/ Monforte) en apoio a Elisabeth en risco de desafiuzamento, ditado para vindeiro o martes 8.
Colamos o seu correo:
Ás 11.00hrs. do vindeiro sábado 5 de outubro terá lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16) unha asemblea aberta para avanzar na xestión conxunta dos casos de persoas afectadas por ameaza de desafiuzamento.
Esta xuntanza, similar ás que se están a realizar noutras localidades galegas e do Estado, parte da convicción de que a solidariedade da cidadanía é a ferramenta principal para afrontar un drama social como está a ser a sustración masiva de vivendas familiares perpetrada ao abeiro da precarización social provocada pola nefasta xestión da crise financieira iniciada no ano 2008.
Unha situación coma esta, que afecta a toda a sociedade, debería ser abordada con responsabilidade e eficiencia polas institucións políticas, en troques de andar a publicitar medidas con máis valor cosmético que resolutivo, como o tan cacarexado protocolo de actuación acordado polo Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FGMP), do cal, segundo puidemos comprobar esta semana co caso dunha afectada, algúns dos traballadores dos xulgados da Coruña non teñen noticia algunha pese a ter sido anunciado xa no mes de abril deste ano, e que mesmo os Servizos Sociais do Concello confirmáronnos hoxe que non o están aplicando.
Ademais, cómpre denunciar que a esta deixadez manifesta por parte dos poderes públicos para afrontar a grave problemática dos desafiuzamentos estáselle a engadir a violencia directa a través das forzas policiais (1), de tal xeito que a clase política está a establecer unha dinámica perversa na que as forzas públicas de seguridade, pagadas pola cidadanía, están ao servizo de intereses bancarios e son empregadas para arrastrar á xente fóra das súas casas.
No medio de tanta incongruencia por parte dos representantes políticos, faise necesario repetir unha vez máis que os desafiuzamentos non son unha fatalidade inevitable: Os desafiuzamentos proveñen de decisións conscientes que seguen tomando políticos, banqueiros e xuíces.
Pero a sociedade está demostrando que non quere deixar caer a ninguén, por iso imos artellarnos colectivamente nas asambleas abertas de persoas afectadas por desafiuzamentos. Xuntas podemos saír de todos os atrancos, loitando pola dignidade podemos parar os desafiuzamentos e cambiar unha realidade tan inxusta: ter casa é un dereito. Loitar e vivir, tamén.
Desafiuzamento inminente
Na asamblea do vindeiro sábado tamén trataremos o caso de Elisabeth, unha muller que foi informada esta semana de que será desaloxada da súa vivenda o vindeiro martes 8.
Esta mañán ela, acompañada por integrantes de STOP Desafiuzamentos A Coruña, mantivo unha reunión co director da área de Servizos Sociais, Xosé Luis Quintela, con quen xa se reunira no mes de xullo, encontro no que éste se comprometera a atopar algún tipo de solución.
Desta volta, hoxe Quintela sinaloulle que non considera que por cobrar únicamente 216 euros ao mes, terlle sacado aos seus fillos e estar a punto de ser botada da súa vivenda se atope nunha situación de exclusión que requira a paralización de dito desafiuzamento, nin a xestión dunha vivenda de alugueiro social. Folga sinalar que ditas palabras causaron un grande asombro entre as persoas presentes na xuntanza...
Consultado sobre que características considera que son as propias da exclusión social, Quintela eludíu respostar.
O que lle ofertan dende Servizos Sociais é a posibilidade de ser acollida no refuxio de Padre Rubinos por uns días, e logo tentar pasala a instucións relixiosas (¡!) . É dicir, a súa dignidade como persoa, como nai de tres fillos, non aparece por ningún lado. Tampouco a activación dos recursos dispoñibles polo concello da Coruña -cidade na que hai 20.000 vivendas baleiras-.
Tras esta reunión Elisabeth e membros de STOP Desafiuzamentos achegáronse ata o Xulgado, onde onte se rexistrou un escrito alegando a situación de vulnerabilidade social na que se atopa, aportando a documentación correspondente e solicitando que se active o “Convenio para a detección e axuda de personas en situación de especial vulnerabilidade ou de risco de exclusión social en Galicia cando estean inmersas en lanzamentos xudiciais” (2).
No SCAC (servizo encargado de executar os desafiuzamentos) informárona de que o xuíz inda non puidera ver o seu caso, xa que estaba ocupado. Dende STOP Desafiuzamentos fíxose fincapé na urxencia desta situación, xa que o desafiuzamento está previsto para o vindeiro martes, e tendo en conta que o luns é festivo e que xa estamos a xoves, só unha rápida xestión por parte de Servizos Sociais e o xulgado poden evitar que Elisabeth quede sen casa e sen fillos, en definitiva, sen vida.
Ás 12.00hrs. de mañá, venres 4, terá lugar unha concentración de apoio a Elisabeth diante do Xulgado (R/ Monforte)
....................
(1) Periodismo Humano, “Así desahucia el Ayuntamiento de Madrid” (video)
(2) “Convenio para a detección e axuda de personas en situación de especial vulnerabilidade ou de risco de exclusión social en Galicia cando estean inmersas en lanzamentos xudiciais”
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario