Colamos esta reflexión do blogue Xogar a Escribir e acompañamolo con o video realizado por GalizaVideoTV sobre as Concentracións contra a brutalidade represiva do Estado (imaxes de Vigo e Compostela, 13/09/13)
A Audiencia Nacional condena a penas de 10 e 18 anos de cárcere a catro cidadáns galegos aos que acusa de pertenza a banda armada, tenza de explosivos e falsificación de documentos. A incredulidade ante esta desproporción quizais fai que non sexa doado valorar con precisión este disparate. Aínda así, a sentenza é acorde ao xuízo que padeceron os catro independentistas vai xa para tres meses en Madrid. Non procede volver a escribir o xa escrito para reproducir a indignación ante este zombi terminal que é o Réxime Borbónico do 78. Sen entrar en fonduras nin en detallar cada violación dos principios máis elementais das garantías xurídicas, coido que o mellor resumo que se pode facer do proceso xudicial que padeceron estas catro persoas é o seguinte. Gonzalo Bareño é xornalista de La Voz de Galicia en Madrid, medio que fai parte fundamental da estratexia político-mediática de deseño e creación dun ente terrorista como fundamento de condenas exemplarizantes, como é o caso desta. Pois ben, Gonzalo Bareño, o día 25 de xuño escribía en Twitter o seguinte chío:
Ante isto, non só polo contido senón por quen o publica, pouco máis hai que engadir. A estratexia é obvia e consiste en proxectar un suposto grupo terrorista do cal valerse para amedrentar calquera disidencia política, distraer o debate público, xustificar gastos en represión, etc. A realidade é un mal menor que se pode deixar de lado á hora de avanzar cara a un obxectivo político, e a xustiza é esa ilusión coa que aos pobres sempre nos mantiveron distraídos. A Xustiza Española intérnase no campo da modernidade xurídica e sentenza sobre suposicións, e non sobre feitos probados e demostrables. A Xustiza Española non está en condicións de exercer, é unha desequilibrada, como diría o xornalista.
Desa maneira, queda xuridicamente instaurada a presenza dunha curiosa organización terrorista en Galiza. Unha organización da que ninguén se declara membro, da que non se coñecen posicionamentos públicos, á que non se lle atoparon armas, nin zulos, nin demais ‘ferramentas’ coas que adoitan operar estas organizacións, nin secuestra, nin ameaza… Así, o noso país queda consolidado como un territorio de excepción dentro do Estado: o mesmo feito cometido aquí pode ter unha consideración distinta a se é cometido noutro punto do Reino, co cal, todos os cidadáns deste País somos potenciais terroristas porque o xuíz Guevara (ou calquera outro desequilibrado) pode decidir que pertencemos a unha organización que agora xa si que existe no imaxinario xurídico español. Parido pola Policía e polos ‘seus’ medios de comunicación, a Xustiza (un poder independente do Estado de Dereito) asume a existencia, quizais paranormal, dun colectivo ao que poder arroxarnos a todos. Aínda que quizais non o precisaran, pois fai só uns días outras catro persoas declararon como imputadas en Madrid acusadas de ‘apoloxía do terrorismo’ por manifestárense publicamente con fotos de persoas sen xulgar (ou das que non se coñecía a sentenza). Non é necesario ser entendido en dereito para ficar abraiado…
As comparacións son odiosas, seica. A sentenza coñécese nun día no que unha das xoias naturais do País, o Monte Pindo, era arrasada por un incendio forestal provocado… provocado cuns fins concretos e uns intereses determinados. E só un día despois de ver as terribles imaxes do ataque fascista a unha sede da Generalitat de Catalunya en Madrid, onde se celebraba un acto institucional con motivo do Día Nacional de Catalunya. Vén de publicarse que foron detidas doce persoas por rebentar o acto, a cara descuberta e con gases lacrimóxenos, e foron acusadas de lesións (un deles), desordes públicas, danos, ameazas e coaccións. Neste caso, o uso da violencia con fins políticos tampouco ten a consideración de terrorismo, como tampouco a apoloxía do franquismo por Nuevas Generaciones ou polo Alcalde de Baralla entran dentro das apoloxías polas que a Audiencia Nacional chama a declarar. Deixando a un lado ao Partido Popular, é importante recordar que os fascistas que rebentaron o acto catalán en Madrid pertencen a organizacións perfectamente legais e que poden presentarse sen problema ningún ás Eleccións. Un deses detidos é, segundo informacións do xornal Ara, curmán do Ministro de Defensa Pedro Morenés e cunha impecable tradición alí nos seus círculos…
Tamén no mesmo día no que Manuel Fernández de Sousa, imputado pola propia Audiencia Nacional pola macroestafa de Pescanova, acudía gozando da súa liberdade á Xunta de Accionistas da empresa na que mesmo tería posibilidade de ser reelixido máximo responsable (finalmente non foi así, cambiaron de delincuente).
A indignación no país de Bárcenas hai tempo que é un sentimento inxenuo…
Berraba onte fóra de si Blanco Valdés, un irritable sicario da palabra, no programa Vía V (de V Televisión) que o único fascismo que houbo en España era o de Batasuna, que as fotos dos de Nuevas Generaciones eran ‘chiquilladas’ e que os fascistas que rebentaron o acto da Diada en Madrid son ‘irrelevantes’. Os cualificativos son ‘desagradable’, ‘anécdota’, ‘inadmisible’, ‘sorprendente’… Só é un máis, un máis dos que alertan do terrorismo en Galiza pero teiman en non magnificar un fascismo español cada día máis presente. Presente nos despachos institucionais e nas alcaldías, presente nos estamentos empresariais, presente na Xustiza, presente nos medios de comunicación… e presente, agora xa a cara descuberta (hai que sentirse moi impune…), nas rúas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario