Colamos, despois de traducido, esta entrada do blogue de Yassin Swehat (blogueiro sirio-hispano residente en Compostela):
O réxime sirio teme un ataque americano que poida, polo menos, deixar moi minguada a súa capacidade de ataque aéreo e balístico, pero non é o único actor temeroso dunha intervención occidental no país. É doado encontrar moita retórica antioccidental na linguaxe dos grupos máis integristas que operan en Siria, tanto Jabhat Al-Nusra (unha milicia de carácter salafista- yihadista, con manifesta aliñación con Al-Qaeda) coma o Estado Islámico en Iraq e Siria (Da'esh, polas súas siglas en árabe. Unha escisión de Al-Nusra moi radicalizada e violenta, e que alberga a maior parte dos yihadistas estranxeiros. As súas relacións cos outros grupos combatentes vai dende a tensión ata o enfrontamento aberto, como é o caso das brigadas do Estado Maior do Exército Libre de Siria), e as súas mensaxes non paran de recordar o perigo dunha invasión occidental para cortar o paso cara ao seu gran e definitivo proxecto: O Estado islámico do califato. Estes dous grupos non recoñecen ningún tipo de división territorial dentro da Nación islámica (é dicir, non recoñecen a Siria como país), nin recoñecen o termo Revolución senón que consideran que a súa loita é Jihad contra o "tirano infiel", e tampouco recoñecen calquera simboloxía nacional (bandeiras, escudos, himnos).
Para a lóxica destes grupos, occidente, Israel, Irán, e os réximes árabes son o mesmo, e repárteselles inimizade por igual. Boa parte dos asasinatos e secuestros cometidos por estes grupos integristas levaban o pretexto de que a súa vítima era un axente da OTAN, ou de EUA, ou de Israel, ou de Francia, etc. Un tipo de acusacións e unha linguaxe moi do estilo do Eixe de Rexeitamento en xeral, e do réxime sirio en particular.
Este rexeitamento islamita á intervención estadounidense non se encontra só nos grupos máis extremistas. A Fronte Islámica de Siria, unha coalición político-militar que une a algunhas das fraccións islamitas salafistas máis potentes e estendidas (Ahrar Al-Sham, por exemplo), e que, normalmente, se lle considera máis pragmática e política que Al-Nusra ou Da'esh, sen formar parte do Exército Libre nin recoñecer á Coalición Nacional como representante político, emitiu un comunicado denunciando que o posible ataque americano non responde máis que a intereses particulares de Washington, e que pretende impoñer un plan para Siria que nada ten que ver co que Frente considera xusto. O comunicado remata chamando á unidade das fraccións opositoras como "única vía para a vitoria".
Á parte destas dúas posturas, un vídeo colgado en internet hai uns días certificou o rexeitamento dun conglomerado de grupos combatentes islámistas na periferia de Damasco á intervención americana. O anuncio, lido por un combatente rodeado por compañeiros no medio dunha escena de destrución, recordou o "comportamento criminal" de EUA e os seus aliados en Palestina, Iraq, Afganistán, Chechenia, etc.. e chamou aos grupos favorables á intervención americana a recapacitar, coa ameaza de consideralos "traidores a Deus, ao seu profeta, e ao sangue dos mártires".
Os grupos islamitas de tendencia salafista non se fían da acción occidental, xa que se consideran a si mesmos obxectivos de tal intervención tanto ou máis que o réxime de Bashar Al-Asad. O exemplo dos Drones de Iemen e Paquistán son unha boa razón, entre moitas, para o seu lóxico temor.
Estes grupos contan con redes independentes e sólidas de financiamento e armamento, nas cales un non pode deixar de ver pegadas de servizos secretos árabes, rexionais e occidentais. O propio réxime sirio é un gran xogador neste campo, cun historial que vai dende principios dos 80 en Líbano ata a última década iraquí. O Exército Libre, en cambio, depende máis das decisións políticas das potencias rexionais e internacionais para poder armarse, e unha prolongada dúbida occidental sobre armar ou non á "oposición" levou a que os grupos islamitas, con mellor armamento e preparación, gañasen terreo.
A Coalición Nacional opositora pronunciouse a favor da intervención americana, tamén o fixo o Estado Maior do Exército Libre que representa bastantes brigadas e batallóns da resistencia armada, e conta con recoñecemento rexional e internacional, pero non chega ao nivel de representar realmente a toda, nin á maior parte do movemento armado contra o réxime. Son dous órganos que se manteñen, económica e politicamente, grazas aos seus vínculos con réximes árabes e potencias rexionais, e que non manteñen, en xeral, boa relación coas fraccións islamitas salafistas.
Nunha das moitas capas de relacións, enfrontamentos, e aliñacións que se amontoan formando a cuestión siria, se puiden diferenciar un triángulo de fobia conformado por EUA e os seus aliados, o réxime sirio e os seus aliados, e o islamismo integrista. Cada vértice espera que os outros dous se debiliten loitando entre eles para xogar as súas cartas, todo isto co fondo dun levantamento popular contra unha tiranía empobrecedora e extremadamente violenta, e a forma de infinidade de focos de insurrección repartidos nun escenario post apocalíptico. Este pequeno plano serve para explicar as diferentes posturas neste momento máis que a simplicidade de que "EUA vai a facer unha guerra a favor de Al-Qaeda", unha simplificación que se converte en demagoxia cando ao que a afirma se lle atribúe unha suposta sabedoría magnífica de oriente próximo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario