4 sept 2013

Fillos do uranio x Nazanín Armanian

Recollo (e traduzo) este artigo desta escritora de origen iraniana afincada dende hai ben anos no estado español, e que fora publicado xa hai máis de dous anos no xornal Público , lá por xaneiro de 2009, pero que, por desgraza, segue a cobrar "arrepiante" actualidade dada a teima do premio nobel da paz Obama en bombardear Siria:

"De súpeto, o sol arrefriouse. As mulleres embarazadas parían fillos sen cabeza, e os berces, avergonzados, refuxiábanse nas tumbas. Logo, os camiños perdéronse na escuridade: O sol morrera".

É a arrepiante imaxe da desolación recitada pola poetisa Forugh Farrojzad, que describe a dor de miles de fillos, nais e pais en Iraq, Afganistán e as terras da antiga Iugoslavia; aquilo que vai máis alá do sufrimento "natural" causado pola barbarie dunha guerra calquera.

Deformados, sen ollos ou extremidades, así nacen os "nenos do uranio", ocultos tras as cinzas dos mísiles, froitos do experimento cunha nova arma de destrución masiva: o uranio empobrecido.

Este material foi utilizado por primeira vez -que se saiba- na Guerra do Golfo (1991), durante a cal avións de EUA lanzaron sobre os civís iraquís explosivos cunha radioactividade equivalente a sete bombas de Hiroshima. Descubriuse entón un cadro de enfermidades descoñecido, alcumado Síndrome do Golfo, nos veteranos angloestadounidenses e os seus fillos, que viñan ao mundo con severas malformacións. Os mesmos síntomas detectados máis tarde en Iugoslavia e Afganistán tras bombardeos da OTAN.

O uranio empobrecido utilízase para revestir os tanques e os proxectís, pola súa densidade e capacidade de perforar ata rochas. Desfaise ao impactar contra o obxectivo, contamina aire, auga e terra e permanece incrustado nos xenes de todo ser vivo durante xeracións. Así, ninguén esquecerá a lección. Trátase dun refugallo radiactivo derivado da produción do combustible dos reactores atómicos, cedido gratis polas empresas nucleares á industria militar para así aforrar os custos do almacenamento. Os cemiterios nucleares serán os países invadidos.

Lonxe de ser un dano colateral, os pobos son o principal obxectivo do uso desta arma. Ao convertelos en incapacitados, garántese un dominio prolongado sobre eles e as súas terras. Deste modo, usan unha arma nuclear disfrazada de convencional ante unha Xustiza internacional que centra a súa mirada en minúsculos ditadores, desviando a atención pública do terrorismo de Estado dos señores das grandes guerras xenocidas.

pdt.- Nos comentarios da noticia orixinal había quen puxo en dúvida os dados aportados por Nazanín ao respecto da capacidade radioactiva dos explosivos ianquies, ao que ela mesmo respostou nun outro comentario (que copio e colo depois de traducido):

"O profesor Katsuma Yagasaki, científico da universidade de Ryukyus, Okinawa, Xapón, calculou que durante a guerra do Golfo en Iraq, onde se utilizaron oficialmente 800 toneladas de uranio, se expandiron 36.000 veces mais radiación que a liberada pola bombas de Hiroshima". Este dato, logo confirmado por outros estudos feitos en Afganistán, comproban o que simplemente é arrepiante, incrible.

Podedes ampliar a lectura nas seguintes páxinas:
www.ciaramc.org/ARCHIVOS/Boletines/178.pdf
www.uraniumweaponsconference.de/pdf/informacion_es.pdf
rt.com/news/uk-iraq-depleted-uranium/
www.uraniumweaponsconference.de/pdf/schedule_es.pdf
e outras máis. Hai bastante información circulando.

Invítovos ver tamén as fotos dos afectados (tanto os iraquies e os afgáns coma os nenos nacidos dos militares británicos e estadounidenses que participaron nos bombardeos), ocultadas da opinón pública:
http://thewe.cc/weplanet/news/depleted_uranium_iraq_afghanistan_balkans.html

eDu

No hay comentarios:

Publicar un comentario