30 sept 2013

[A Coruña] Sábado 5 outubro ás 11h .- Asemblea de afectadas por desafiuzamento

Reproducimos a nota de prensa que recibimos de Stop Desafiuzamentos A Coruña:

Posto que nos últimos tempos son cada vez máis as persoas que acoden a nós na procura de axuda ante a ameaza de quedaren sen vivenda, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña decidimos abrir un espazo de asesoría colectiva coma os que xa están a funcionar noutras comarcas galegas e tamén en moitas cidades do Estado español.

Así, convidamos a tódalas persoas afectadas por situacións de desafiuzamento á asemblea que imos facer o vindeiro sábado 5 de Outubro na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16), ás 11:00hrs.

Con este encontro o que procuramos é reunir á xente ameazada por procedementos de desafiuzamento, compartir información sobre como facer fronte a esas ameazas, xerar un acompañamento afectivo ás persoas afectadas e pensarmos conxuntamente accións de denuncia colectiva desta situación.

A nosa intención é realizar estas asembleas periodicamente, para deste xeito fomentar a autoorganización e combater a sensación de vergoña que moitas veces invade ás persoas que, malia a seren vítimas da violencia estrutural [1], demasiado a miúdo optan por cargar con este abuso na súa intimidade.

Ca realización destas asembleas colectivas queremos tamén axudar a visibilizar que no contexto socioeconómico actual as situacións de desafiuzamento non se poden vincular estritamente á mala sorte ou a unha mala praxe persoal, senón que na maioría dos casos estamos ante exemplos persoais dun problema que xa é social e, polo tanto, contra o que cómpre loitar colectivamente.

..................................................................
[1] Grupo de Estudios de Paz y Desarrollo da Universidad de Alicante, Violencia Estructural: una ilustración del concepto. Máis información: http://www.ugr.es/~fentrena/Violen.pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario