Ademáis das convocatorias de Marchas e de Manifestación da Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais que anunciamos nunha entrada anterior deste blogue, cumpre saientar unhas outras convocatorias específicas da xente organizada na Asociaicón Monte Pindo Parque Natural, quen ademais fai unha crítica acertada sobre a fuxida cara diante da Xunta ante o problema do Monte Pindo queimado e fan unha reflexión (que podedes ler à ìntegra leracá no seu blogue) que resumimos aquí:
Lonxe de demostrar a máis mínima sensibilidade ou humildade ante o acontecido, e xa non digamos vontade de rectificar, a Xunta de Galicia emitiu o 16 de setembro, a través do seu vicepresidente, unhas declaracións que non poderían ser máis inapropiadas nos duros momentos que vive a veciñanza. Alfonso Rueda asegurou nunha polémica rolda de prensa que "O Pindo non estaría más protexido se fose parque natural", demostrando o seu completo descoñecemento da situación e de que neste tempo a protección e a prevención foi nula, pois non se destinou a ela un só euro ou iniciativa. Seguidamente, Rueda cargou as culpas no autor material do desastre, esquecendo deliberadamente as palabras do seu superior directo, Alberto Núñez Feijóo, cando este dicía sobre a vaga de lumes que devastou o país no 2006: "Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irresponsabilidade do goberno?". Por último recoñeceu que a Xunta nin sequera ten considerado aínda a petición de declarar a área devastada coma zona catastrófica para paliar os danos ás propiedades e actuar urxentemente para evitar as escorrentías de lodos contaminantes cando cheguen as primeiras choivas. (...)
(...) As gravísimas declaracións do segundo máximo dirixente da Xunta ante o cadáver aínda quente e fumeante do Olimpo Celta son de tal de insolencia que supoñen unha auténtica falta de respecto a toda a cidadanía que amamos o monte e loitamos por telo coidado e protexido, dedicándolle durante anos imaxinación, tempo libre e esforzo de xeito totalmente altruista, cando ninguén máis o facía. Dez anos despois da creación do último parque natural galego, a Xunta fuxe cara adiante para evitar ter que recoñecer o grave e neglixente erro de ignorar o movemento social a favor da protección do Monte Pindo reafirmando o compromiso da Xunta coa Rede Natura 2000, que cada día fica máis reducida a unha figura de papel.
Unha maré verde solidaria conquistará o Olimpo Celta
O sábado 28 de outubro unha auténtica marea solidaria subirá ás 11 da mañá ao Olimpo Celta. Centos de mensaxes e chamadas indican que a sociedade estase a mobilizar masivamente, e o evento xa foi rebautizado popularmente como marcha verde polo Monte Pindo, pois esa cor converteuse xa no símbolo da desesperación e a impotencia pola catástrofe que vivimos, pero tamén da solidariedade e da esperanza por un futuro mellor para o Olimpo Celta.
O sábado 28 de setembro de 2013, tres "marchas verdes" partirán simultáneamente ás 11:00 horas desde a Praza da Solaina (O Pindo, Carnota), o Supermercado As Cruces (Caldebarcos, Carnota) e da Área Recreativa do Fieiro (Mazaricos) para encontrarse finalmente na Laxe da Moa, no máis alto do Monte Pindo. Ao mesmo tempo, as 11, unha marcha ciclista verde partirá desde Compostela con rumbo ao Monte Pindo, encabezada por destacados ciclistas da nosa comunidade, que tamén queren expresar a súa solidariedade.
Chamamos a toda a sociedade a traer bandeiras, prendas ou lazos de cor verde para devolverlle simbolicamente a vida ao Monte Pindo nunha expresión de dignidade e de rabia contra os lumes que de a volta ao mundo. Finalmente o movemento social contra os lumes e por un medio ambiente máis coidado, rendible e protexido confluirá o 6 de outubro nunha grande Manifestación en Compostela que xa están a secundar ducias de colectivos de todo tipo, polo que se agarda igualmente masiva.
Ver fotos comparativas de antes e depois do lume acá
No hay comentarios:
Publicar un comentario