20 ago 2013

[Pontevedra] ENCE sofre duas avarias con fuga de gases nocivos nunha semana.

O de Celulosas de Pontevedra é de vergoña. Xa de "per se" manter esa empresa contaminante na ría só podese entender baixo o prisma do capitalismo consumista onde o diñeiro e a gañancia de moi poucos vale muito máis que a saúde de muitas, e así non é raro que os niveis mínimos de contaminación autorizados xa sexan unha barbaridade aos ollos de calqueira que non teña intereses monetarios en tais nocivas empresas. De tal xeito as cercanas poboacións dos concellos de Pontevedra e Marín veñen aturando dende hai ben de anos uns cheiros e uns verquidos à ría que, aínda non superando eses niveis pautados entre empresas e gobernos, de seguro están a ter consecuencias na saúde das moradoras deste concellos e mesmo de toda-la ría.

Agora nunha só semana, no domingo 11 e no sábado 17, a veciñanza alertada por sofrer irritacións de ollos, nariz e gorxa e tamén problemas respiratorios, chamou dende diversos lugares aos servizos de emerxencias. Pola sua banda ENCE, permaneceu calada como um peto e non recoñeceu fuga algunha ata que non tivo máis remedio, e por suposto en nengún momento recoñece que houbera motivo de alarma, algo que confirmaron os seus amigos que nos gobernan na Xunta.

Asín e tal como recollemos da APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra) as chamadas que denunciaron un escape de SO2 no complexo industrial de ENCE-ELNOSA o domingo 11 non foron confirmadas ata ben entrada a mañá do luns 12. O silencio de ENCE deixa patente a falta de respeito cara á cidadanía e a falta de trasparencia no seu funcionamento dado que a situación resultou ser provocada por unha fuga interna dunha caldeira no interior da factoría Ence, da que ésta non deu conta debido a que o considerou un asunto interno (??). Cabe sinalar que o SO2 (Dioxido de Xofre) é altamente tóxico e un dos principais causantes da chuva ácida, pois, asociado à auga presente na atmosfera, forma ácido sulfuroso, que é prexudicial à saúde e ao medio ambiente.

O colmo desta situación é que se ben aceptouse (tarde e mal) por parte de ENCE esta emisión, ao día seguinte, os seus amigos da Xunta, por boca da Consellería de Medio Ambiente volveu saír en defensa de ENCE e catalogou como un caso "moi puntual" as consecuencias da avaría rexistrada o domingo, e tomando por bos os datos facilitados pola empresa e con a información procedente da estación de control da calidade do aire máis cercana (tomados ao día seguinte da fuga e que segundo denuncia a APDR "a Xunta bota man dos datos da estación de Mollabao sen ter en conta que no momento da avaría o vento ía en outra dirección"), os técnicos da Xunta concluíron que as emisións están "dentro dos parámetros" marcados na "Autorización Ambiental Integrada". Parametros que, como xa dixemos ao principio son unha barbaridade.

Pero o curioso é que ese caso "moi puntual" tivo a sua replica só 6 días despois cando ao mediodía do sábado 17 o ambiente da cidade de Pontevedra volveuse a tinxir dun aire irrespirable e irritante e que motivou de novo numerosas chamadas da poboación que alertaba dun forte cheiro acompañado dun nubeiro branco que podía divisarse dende diversos pontos da cidade e que, parece ser, foi debido novamente a un escape de algún gas indeterminado do complexo químico de Ence, extremo que a empresa, unha vez máis, só recoñeceu a instancias dos requerimentos da Policía Local e Bombeiros no intre de acodir á fábrica, se ben limitaronse a recoñecer que se trataba dun fallo eléctrico na caldeira de queima da biomasa, que provocou semellante saída de fume, aínda que minimizaron o suceso e declinaron a intervención dos bombeiros.

Diante desta situación, a APDR fixo público un seu comunicado que colamos à ìntegra:

XA ABONDA: CELULOSAS E ELNOSA FÓRA DA RÍA XA!

Os incidentes acontecidos ao longo desta pasada semana na fabrica de ENCE en Lourizán non fan máis que ratificar todas aquelas cousas que desde hai tempo sabemos en Pontevedra e que só algúns pretenden seguir negando. Os escapes de SO2 do domingo día 11 e o incidente deste pasado sábado 17 (aínda sen aclarar en todo o seu alcance pero confirmado xa polas persoas afectadas) deixan ver con claridade a falta de seguridade no proceso fabril de ENCE, como deixan ver tamén os perigos aos que segue exposta a cidadanía na comarca; pero deixan patente, sobre todo, que o comportamento da empresa non ten mudado ao longo dos anos. Os directivos de ENCE seguen baseando no silencio, na falta de transparencia e na absoluta falta de respecto a súa relación coa veciñanza; seguen a utilizar a mentira para xustificar o seu inexistente respecto polo medio ambiente e os recursos naturais, a terxiversación para tratar de desprestixiar a quen reclamamos a saída inmediata do complexo ENCE-ELNOSA da Ría, e a “pasta” (en forma de subvencións, bolsas de estudo, anuncios nos medios,...) para mercar o silencio agradecido.

ENCE segue incumprindo boa parte da lexislación; segue a contaminar a Ría e a atmosfera; é responsábel de moita da contaminación bacteriolóxica existente na Ría; segue a provocar permanentemente nauseabundos cheiros na comarca; segue incidindo negativamente na calidade de vida e na saúde das persoas; segue a impedir a posta en valor dos nosos montes e segue sendo incompatíbel coa creación de postos de traballo de calidade, que só poderán vir da man da explotación racional dos nosos recursos. E non se pode tratar de reducir o problema de ENCE –como pretenden os seus directivos- á existencia de fumes (por suposto inocuos!) e á incidencia visual na paisaxe. Por desgraza, ENCE é moito máis do que vemos!

Hoxe ENCE ten que saber que a compra de estómagos agradecidos serve de ben pouco fronte á realidade incontestábel dos seus escapes (moitas veces non percibidos pola poboación); ten que saber que xa ninguén cre nas súas campañas propagandísticas de eliminación de cheiros (lembran aquela do “9-2-92: NOS VAMOS A DAR DONDE MÁS NOS HUELE”, que aseguraba que nesa data terían eliminado definitivamente os seus cheiros ?) e que por máis cartos que dean seguirá existindo unha ampla maioría social que esixa a saída de ENCE e ELNOSA da Ría.

Hoxe, con seguridade, moitas daquelas persoas que deron apoio público á empresa naquela desafortunada campaña de “Si yo fuese ENCE diría...” non terían aceptado as migallas que a empresa deu a cambio. Porque hoxe a realidade, teimosa coma sempre, fixo máis patente as súas mentiras e hoxe somos máis quen estamos fartos e fartas de aturar a súa noxenta presenza na nosa Ría e nas nosas vidas. Resulta moi gráfico neste sentido que un dos clubes patrocinados pola empresa pasteira, o Pontevedra C.F., teña colocado a propaganda de ENCE na parte traseira dos calzóns dos seus xogadores porque, hoxe máis que nunca, na comarca de Pontevedra estamos ata o cu de ENCE!

Noticia redactada por eDu

2 comentarios:

  1. Podo corroborar que esas datas estiven tusindo todo o día, dor de gorxa, picor nos ollos e malestar no estómago. Non o asociei, de primeiras, a un problema de ELNOSA, pero visto o visto e tendo en conta que era a primeira vez en moito tempo que me sentía así, non sería de extrañar. Estes ecocidas están a encher o peto intoxicándonos a todas, pero que teñan coidado, porque o día que perdamos a paciencia, o mesmo empezamos a ostias e o peto baixa... vaia se baixa.

    ENCE FORA, DA RÍA E DE TODAS PARTES!!

    ResponderEliminar
  2. Eu conste que cando dí o de "crear postos de traballo de calidade" discrepo profundamente. Outra vez voltamos á noria traxicómica da explotación aceptable, da miseria existencial asalariada, pero iso sí, "de calidade". Existe tal cousa?, postos de traballo de calidade?, non se vende neses postos de traballo a forza e o tempo do traballador ou da traballadora a cambio dun salario miserable que previamente pasou polo filtro da plusvalía?, non se perpetúa, mediante ese "traballo de calidade" a existencia e ciclos de producción e consumo dun sistema que día a día sofistica as súas ferramentas e estratexias para seguir apropiándose das nosas vidas e someténdonos á vontade da mercadoría e da élite emprearial?, non é ese mesmo sistema que se alimenta e funciona grazas ó traballo asalariado (tamén ó "de calidade") o que, na súa cotidianidade, precisa de infraestructuras coma o complexo industrial de ENCE-ELNOSA para seguir multiplicando as súas ganancias a costa da saúde da xente e cuns custos medioambientais irreversibles que poñen en perigo o mesmo futuro da natureza?

    Non entendo ós ciudadanismo de máis de un. ENCE fora si, pero capitalismo guay. Típico dos reformistas ben situados.

    ResponderEliminar