24 ago 2013

O alcalde de Cedeira cede local a antiga organización xuvenil fascista

Se estes días falábamos das indisimuladas simpatías dalgúns cargos públicos do Partido Popular co réxime fascista, co gallo da esclarecedora perla dialéctica que o alcalde de Baralla soltou ao dicir que os represaliados do franquismo "algo farían"; agora o diario dixital "Praza" acheganos outra pequena mostra de que a "transición" española apenas chegou a "lifting": e é que o tamén popular alcalde de Cedeira cede de balde durante dez anos un albergue municipal á O.J.E. (Organización Juvenil Española), antiga organización xuvenil falangista (ARTIGO NO "PRAZA" AQUÍ).

Aínda que a organización a día de hoxe pretende deslindarse do seu pasado franquista, a súa simboloxía, as súas cores e a súa organización pseudo militar (parecida á dos Boy Scouts pero con rancio cheiro nacional) lembran claramente as súas patrióticas orixes.

De tódolos xeitos nada que realmente nos sorprenda, o verdadeiro poder non mudou de mans nin coa república, ni coa dictadura, nin nos nosos días, os netos dos que tiñan cartos daquela seguen a ter cartos agora. Pero semella que remataron os ambiguos tempos nos que tódolos chupópteros pelexábanse por ver quen se arrima máis ao centro, agora toca desempolvar os vellos recordos do desván: Rubalcaba a súa chupa de pana e os PePeros a súa camisa azul. Se a xente quere radicalidade pódense volver a sacar as vestimentas setenteiras do armario das ideoloxías. Calquera cousa con tal de que non cambie nada.

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario