Penso que é a primeira vez que neste blogue damoslle voz a unha diputada do PP e mesmo que copiamos e colamos a íntegra unha noticia publicada nun falsimedio como é este caso do Diario de Ferrol, mais considero que entre todas as mentiras e falsidades, entre todas as terxiversacións e manipulacións para acusar só ao maquinista do AVE (ou como queiran agora denominar ao tren de non tan alta velocidade) siniestrado en Angrois, as declaracións desta militante e diputada do PP (que ia no tren siniestrado) non deixa lugar a dúvidas de que as suas críticas non poderám ser calificadas como interesadas para deixar en mal lugar a RENFE, ADIF, Xunta e Goberno español, nen nos poderan calificar de aproveitar a morte e a dor de tantíssimas persoas, de tal xeito copiamos e colamos à ìntegra (depois de traducida) a noticia deste xornal
A deputada do Grupo Parlamentario Popular na Asemblea de Madrid María Teresa Gómez-Limón Amador viaxaba o día 24 de xullo no Alvia de Renfe que se accidentou na curva de Angrois, preto de Santiago. Dirixíase a Ferrol, de onde é natural o seu marido, Rafael Taibo, para pasar unhas vacacións coa familia e no sinistro resultou con graves lesións, das que aínda se está a recuperar no seu domicilio madrileño.
María Teresa, que é psicológa forense nun xulgado de Madrid, fracturou un pé, o esterno e a segunda vértebra cervical, polo que tivo que ser sometida a unha intervención cirúrxica para implantarlle un óso da cadeira e estivo hospitalizada 16 días. Non obstante, asegura que, sendo graves, as lesións físicas son as que menos lle preocupan, pero que psicoloxicamente está "moi tocada". "Aquel horror non se me vai da cabeza; estou moi decaída e cando me animo un pouco síntome moi indignada", manifestou onte en declaracións a este xornal.
"Non creo que o erro fose só do condutor, que non me conten historias," dixo, engadindo que non é lóxico que nun tren de alta velocidade vaia un único maquinista na cabina, porque "e se ten un ictus ou un ataque de loucura, que pasaría entón?", apostilou.
Dende o seu punto de vista, resulta ilóxico que un percorrido de alta velocidade se poña en marcha sen todos os mecanismos necesarios para evitar catástrofes como a que ela, e todos os que viaxaban nese Alvia, viviron o pasado 24 de xullo na entrada de Santiago. "E ao cabo de tres días poñen o sistema que terían que ter posto antes", apuntou, engadindo: "Parécenme uns terroristas". Referíase aos presidentes de Renfe e Adif, "que gañan sueldazos por ter grandes responsabilidades, que despois non se lles esixen", e aos sucesivos ministros. Citou concretamente o socialista Xosé Blanco, "que se apresurou a cortar a fita antes das eleccións", e Ana Pastor, "que non se preocupou de ver se a alta velocidade estaba preparada".
A indignación que di sentir Gómez-Limón Amador levouna a mostrarse disposta a comparecer como acusación particular pola vía civil e penal nas dilixencias xudiciais, "porque me esnaquizaron a vida e hai outras 79 persoas que xa non poden protestar".
Viaxe
María Teresa estaba de vacacións en Ferrol coa súa familia e a véspera do accidente tivo que viaxar a Madrid para asistir a unha sesión plenaria. Regresaba no tren sinistrado en Angrois e, a pesar das graves lesións sufridas, puido comunicarse coa súa familia para dicirlles que estaba viva.
A partir de aí, segundo comenta o seu fillo, Víctor Taibo, comezou o desconcerto para eles, porque non sabían onde fora trasladada. "Cando a miña nai me chamou case non podía falar e a situación foi lamentable, porque non estaba nas listas e tivemos que buscala polos hospitais", apuntou.
Víctor Taibo cualifica a experiencia de "total abandono por parte das administracións e de Renfe". Asegura que moitas das cousas que tanto a Xunta coma o Ministerio de Fomento fixeron chegar á cidadanía "non son reais". Así, sinala que o mesmo día do accidente se anunciou a posta en funcionamento dun teléfono para localizar as vítimas, pero aconteceu que comunicaba todo o tempo, polo que denuncia a "incapacidade da Xunta" para dispoñer do persoal necesario que puidese atender as chamadas dos familiares.
"Tiven que buscarme a vida eu só, porque o meu pai é maior, ten 78 anos e estaba moi preocupado, para localizar a miña nai", apunta Víctor Taibo, que tamén critica o feito de que Renfe, nin a primeira semana nin as seguintes, tivese habilitado un centro de coordinación para resolver cuestións relacionadas coas equipaxes ou os seguros.
"O lóxico é que Renfe, a Xunta e o Ministerio de Fomento tivesen posto en servizo unha oficina para atender á xente. Polo menos eu non conseguín dar con ningunha", apunta o fillo de María Teresa Gómez-Limón.
Ao seu modo de ver, estanse a inventar cousas para intentar quedar ben, como o feito de que se anunciase unha oficina para as vítimas no Xulgado número 3 de Santiago, "e cando eu acudín alí me dixeron que era un proxecto".
Seguro
En canto ao seguro obrigatorio de viaxeiros, Víctor Taibo manifesta que se rexe por un regulamento do ano 1989, polo que está totalmente obsoleto.
A xeito de exemplo, comenta que asegura a manutención e o aloxamento de dous familiares da persoa hospitalizada durante dez días, cun máximo de 180 euros, coa agravante de que no caso das comidas hai que gardar as facturas para que despois as aboe o seguro. "Nós superámolo, porque a miña nai estivo 16 días no hospital e no noso caso temos recursos económicos, pero hai xente que non os ten".
Dende o seu punto de vista, de nada serve que despois a compañía aseguradora tivese emendado a situación ampliando a cobertura, cando hai persoas, como é o caso dunha muller que estaba hospitalizada no mesmo cuarto que a súa nai, que ten polo menos para cinco meses, xa que as lesións lle afectaron á medula.
"É un absurdo que as aseguradoras se rexan por un decreto de 1989 e, en todo caso, se non cobren todos os gastos, que sexa a Administración a que se faga cargo da situación, sobre todo nos casos de familias que non teñan recursos", sinala.
Desamparo
O fillo de María Teresa sostén que as vítimas do tráxico accidente se encontran nunha situación de desamparo. Refire que a súa nai ten que acudir con frecuencia ao hospital para comprobar a evolución das súas lesións e que necesita desprazarse nun taxi ou unha ambulancia, porque ten que moverse nunha cadeira de rodas. Pois ben, hai uns días a aseguradora de Renfe comunicoulles que xa se pagaran moitos gastos, polo que, a partir de agora, lles piden que paguen eles o taxi e que despois lles reembolsarán o diñeiro.
Por outra parte, manifestou que un responsable de Renfe comparecera no hospital no que estaba a súa nai cun escrito no que se informaba da apertura dunha oficina en Madrid para as vítimas, cando, ao seu modo de ver, o lóxico sería que se situase en Santiago, que era onde estaban os afectados. De todos os xeitos, como queira que eles viven en Madrid, si acudiu a esa suposta oficina, que está situada nos servizos centrais de Renfe en Atocha e consiste nun local con dous ordenadores. Na súa opinión, o que cumpriría, en todo caso, sería crear unha oficina centralizada de axuda e asesoramento.
Outra das cuestións que, dende o seu punto de vista de afectado, as administracións públicas -léase Xunta e Ministerio de Fomento- terían que afrontrar é a creación dun servizo xurídico, xunto con Renfe e Adif.
Ao marxe da noticia, cabe sinalar que esta diputada do PP saltara aos medios a finais de xaneiro deste mesmo ano, cando emitira un burofax a Rajoy reclamando ao seu partido transpariencia "ante as lamentaveis e vergoñentas noticias que circulan en relación con determinadas prácticas políticas", crítica que ao PP lle sentara ben mal (a ver que din agora, se é que algo din).
Colamos o audio da entrevista na Cadena SER depois de ditas declaracións e onde reafirmase no dito:
eDu
No hay comentarios:
Publicar un comentario