27 jul 2013

[Grécia] Comunicado de presxs das CCL sobre Marjan Kola, asesinado polos servizos antiterroristas o 21 de xullo

Colamos este comunicado publicado en Indymedia Atenas e que traducimos de ContraInfo:

Marjan Kola foi asasinado polos servizos antiterroristas o 21 de xullo de 2013 preto das fronteiras gregas coas albanesas. Marjan Kola, de orixe albanesa, era un dos 11 presos que escaparon do cárcere de Trikala, o 22 de marzo de 2013. Durante os meses que seguiron á espectacular fuga, que deixou humillado ao Estado e os seus carcereiros, a policía grega emprendeu unha verdadeira cazaría humana contra os fuxitivos matando 2 e recapturando outros 4. Recordemos tamén que, tras a fuga do cárcere de Trikala, o Poder enviou a varias prisións gregas unidades de antidisturbios e os servizos antiterroristas para mallar, torturar e arrasar as celas de presos anarquistas e outros reos que non agachan a cabeza.

MIRUPAFSHIM*

E, ao final, como gañar a liberdade? O único que é certo é que se encontra fóra das gaiolas da democracia, fóra dos almacéns de almas humanas, fóra do país da "corrección", a submisión, a apatía e os psicofármacos.

Cada día é unha realidade repetitiva. Cada mañá, mediodía, noite, óese o son das chaves. O reconto. Deben asegurarse de que segues alí, encerradx entre catro paredes. E soamente un paseo polo patio, mirando o azul do ceo, faiche botar de menos o de fóra... e, mañá, outra vez dende o principio... Nunha cotianidade, onde o tempo parece terse conxelado...

Neste ambiente, se tes sorte, coñecerás tamén humanos aos que o formigón non lles encarcerou a mente. Pensan continuamente en como demolerán os muros, en como escapar... alí, pois, nos alxubes de Trikala, coñecemos a Marjan.

Non queremos escribir o eloxio a ninguén. Por certo, sabemos que Marjan nin era anarquista, nin noso compa. Pero tamén sabemos que tiña unha alma libre e que os seus ollos miraban o horizonte buscando, sen cesar, a oportunidade de fuxirse do espazo-tempo morto do cárcere.

Diso queriamos falar. Das poucas palabras que tiñamos intercambeado con el. De como quería e esixiu a súa liberdade incondicional. Da forma en que, ferozmente, fixo o seu sono realidade. Da liberdade pola que sangrou e, finalmente, deu a vida. Dun camiño que poucxs elixen seguir ata o final. De todo o que apreciamos nel cando o coñecemos.

Un adeus a ti, amigo. Un adeus a todxs aquelxs que "se foron" intentando fuxir das gaiolas da democracia.

Algúns membros presos de CCL que se encontraron con Marjan nas prisións de Trikala

P.D.: En canto ás emboscadas mortais e os covardes cazadores de cabezas modernos, as palabras sobran. A nosa alegría é que choredes sobre os féretros dos vosos colegas.

*Mirupafshim significa "ata a vista" en albanés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario