Colamos da web do Comité de Solidariedade:
O vindeiro domingo 14 de xullo, saen en liberdade as presas políticas do PCE(r) Aurora Cayetano Navarro, natural de Vigo e Iolanda Fernández Caparrós, veciña da Coruña. Aurora e Ioli foron condenadas a 11 anos de cárcere por militancia no PCE(r). Detidas o 18 de xullo de 2002 en Madrid, sairán dende os cárceres de Villena, Alacant (Aurora) e dende a de Castelló I (Iolanda).
Aurora Cayetano Navarro naceu en Vigo o 19 de febreiro de 1957, no barrio de Cabral, un barrio moi modesto, composto por familias de traballadores do mar, os estaleiros, Citroen e mulleres da fábrica de cerámicas Álvarez. Con 14 anos entra a traballar nunha conserveira de peixe. Coa Folga Xeral Revolucionaria de 1972 aínda recente, contacta coa Organización Obreira e entra a militar na OMLG (Organización de Marxistas Leninistas Galegos). En 1975 ingresa no xa reconstituído PCE(r). En decembro de 1976 é detida en Ferrol e encarcerada por dous meses.
En 1978 é detida novamente cando formaba parte dun comando operativo dos GRAPO. Foi torturada brutalmente pola Brigada Político Social de «Billy el Niño» e demais secuaces. Viñeron 20 anos exactos de presidios, pasando por un total de 15 cárceres e 21 folgas de fame, unha delas de 435 días de duración xunto ao resto dos seus camaradas. Entre 1992 e 1994 é trasladada de forma continua e ininterrompida de cárcere en cárcere.
Saíu en liberdade en 1998, tras máis dos 20 anos cos que as súas propias leis a condenaron e retornou a súa actividade política comunista. Pero a criminalización e a represión fan que no 2000 se incorpore ao labor comunista do PCE(r) na clandestinidade. É detida o 18 de xullo de 2002 en Madrid, xunto a súa camarada Iolanda Fernández, nun dispositivo policial de «todo é GRAPO», onde 19 militantes dos GRAPO, do PCE(r) ou do SRI ingresaron en prisión.
Iolanda Fernández Caparrós é filla de emigrantes. Comezou a traballar con 13 anos e xa con 15 anos a frecuentar os ambientes independentistas. Mentres estudaba, empezou a militar en “Estudantes Independentistas” e pouco despois nas JuGA, Juntas Galegas pola Amnistía. Por aquel entón entra en contacto con militantes do PCE(r). Como simpatizante, empeza a participar en distintas campañas políticas. Aínda sen 18 anos pasa á militancia de pleno. Na Coruña participa numerosas veces na repartición da propaganda do PCE(r) ás portas das fábrias.
En novembro de 2000 deteñen en Francia varios camaradas da Dirección do PCE(r), entre eles ao seu Secretario Xeral: Manuel Pérez Martínez, “Arenas”, e comeza un extenso traballo na campaña de denuncia. Con 20 anos, xunto con outros camaradas, participa na reorganización do PCE(r) a nivel nacional e se traslada a vivir a Vigo. Salta á clandestinidade o 2 de xullo de 2002. O 18 de xullo, 16 días despois, detéñena xunto á camarada Aurora Caetano cando saía dun piso en Madrid.
Nestes 11 anos de prisión que leva presa, pasou por 5 cárceres, a maior parte deste tempo clasificada en Primeiro Grao, con todo tipo de restricións, limitacións, gravación de visitas, etc a centos de quilómetros de familiares e amigos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario