27 jun 2013

Nunca choveu que non escampara - Valoracións do xuízo às catro independentistas

Colamos de CotraPoder.info esta crónica-analise do xuízo que segue a celebrarse na Audiencia Nacional dende o luns día 24 e que, presumivelmente, rematará hoxe con os alegatos do avogado defensor de Teto e Eduardo e as conclusións finais, e decimos "presumivelmente" porque se ben estaba previsto que durara só dous días, xá imos por catro.

Nunca choveu que non escampara

Nunca choveu que non escampara. Eis o lema da camisola que o preso independentista Teto Fialhega vestia onte na gaiola da Audiencia Nacional, avanzando coa súa retranca o espectáculo que había vir. Porque onte e hoxe choveu en Madrid — abofé que choveu. Choveu unha cantidade tal de despropósitos como para producir unha enchente e arrasar con calquera cousa remotamente parecida cun xuízo.

Un circo político e un xuíz desequilibrado

Xa non se trata de denunciar as irregularidades nas provas presentadas pola fiscalía, notadamente as caligráficas que están no cerne da petición de condena para Antóm Santos e María Osório, nen de contestar o fantasioso relato policial do que é, disque, o “monstro violento” do independentismo galego. Só con nos centrar no xuízo en si é suficiente para tirar conclusións e entender con que (e contra que) regras estamos loitando. Porén, até iso sería imposíbel de tratar nun só artigo — tan cheo está este proceso de barbaridades e miseria argumental da parte da fiscalía, empeñada en demostrar a existencia dunha organización que ninguén recoñece en Galiza agás o Partido Popular, e cuxo liderado se lle atribúe a Antom Santos con base en argumentos tan espurios como os seus anos de militancia independentista ou a literatura revolucionaria que posúe.

As dúas xornadas do xuízo na Audiencia Nacional ultrapasaron até os limites da decencia procesual. Aínda, serviron para evidenciar, para quen quixer ver, cómo funcionan a lei antiterrorista (formulada ad hoc para o conflito basco, e agora aplicada na Galiza), a teoría do contorno, a concepción pericial das declaracións policiais e a presunción de culpabilidade derivada de puras especulacións con base política. Mais, sobre todo, mostran o modo como eses elementos adquiren unha normalidade abraiante que, ao contrario, debería escandalizar profundamente –e escandaliza, con efeito, fora do ámbito español– a maxistratura e a sociedade xeral.

Se a isto adicionamos a actitude prepotente, impertinente, delirante, esperpéntica (e outros cualificativos do xénero) do xuíz Alfonso Guevara, que transformou o xuízo nun circo —e non é a primeira vez— e que dedicou os seus esforzos a insultar a intelixencia dos acusados, da defensa e dos asistentes, o que temos é unha aproximación ao que se viviu naquela sala. Non é un dato menor que Gonzalo Bareño, xornalista de La Voz de Galicia (con todo o que esa corporación representa na estratexia de criminalización do independentismo), diga vía twitter que “o xuíz Guevara non está en condicións de exercer. É un desequilibrado”.

Precisamente, as redes sociais rexistraron tamén opinións deste tipo, grazas ao traballo de difusión do xuízo en streaming realizado por Irmandade.tv, o que permitiu traspasar os muros do tribunal de excepción e deixar ás claras a constante discriminación do xuíz Guevara contra a defesa, notadamente contra Carlos Taibo e Bernardo Maiz, a quen non permitiu apresentar o seu informe pericial sobre as informacións da Garda Civil en que se basea a acusación.

Mais o cadro do espectáculo non está completo. Falta aínda retratar as sonadas do xuíz encargado de redixir a sentenza, que nen sequera tivo a decencia de abandonar a sala para aforrar aos asistentes a vergoña allea; ou as inverosímeis elucubracións do fiscal Azcárraga argumentando o carácter delitivo do independentismo con base na existencia (ou non) da palabra “denantes” e na práctica do reintegracionismo lingüístico, tamén criminalizado de pasada. Detalles deste tipo, que pragaron o proceso, resultan altamente significativos.
Solidariedade e denuncia

o xuízo contra Antom Santos, Teto Fialhega, Eduardo Vigo e Maria Osório despregou unha solidariedade como non había desde hai anos

No outro lado da balanza, o xuízo contra Antom Santos, Teto Fialhega, Eduardo Vigo e Maria Osório despregou unha solidariedade como non había desde hai anos. Unhas oitenta persoas tentaron acceder ao local para seguir o xuízo. Só unhas cincuenta puideron entrar, até completar a cabida da sala, entanto no exterior unha trintena se concentraba en solidariedade e en denuncia do carácter político do xuízo, coa compaña de activistas da esquerda madrileña que se sumaron á concentración e que acolleron as persoas que se desprazaran a Madrid.

Na xornada de hoxe, o xuíz volveu marcar a súa presenza suspendendo a vista até ás 17 horas de mañá, onde presumibelmente poidan continuar os alegatos da defensa e se coñezan a totalidade das conclusións. A actitude do tribunal e da fiscalía, porén, non parece que vaia mudar nas próximas horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario