16 jun 2013

Detención e maltrato a un xornalista en Barcelona


Nada novo baixo o sol, unha persoa mallada nunha comisaría. Só que nesta ocasión sorprende polo feito de tratarse dun xornalista e, malia que os mossos terían que ser conscientes de que iso atraería a atención mediática, non tiveron o máis mínimo escrúpulo en maltratalo igualmente con brutalidade e en presenza dun amigo. O feito de que isto suceda pouco tempo despois de dúas inxustificadas detencións de foto-xornalistas que cubrían protestas sociais (Aquí en Abordaxe) fai pensar nunha advertencia cara aos medios de comunicación máis ou menos alternativos para que non se saian do guión. Ou iso ou é que á policía, borracha de impunidade, o que pense a xente normal xa lle tira dun pé.

O suceso produciuse na madrugada do sábado, cando Bertran Cazorla (corresponsal da Agència Catalana de Noticíes e colaborador en La Directa) volvía a casa polo barrio do Raval de Barcelona en compañía dun amigo. Ao pasar diante da comisaría dos Mossos, na rúa Nou de la Rambla, paráronse a observar como algúns membros deste corpo policial identificaba a unha persoa (que algúns medios comerciais sinalarían como inmigrante). Segundo o relatado polo xornalista, sería ese o momento no que un axente os empurrou e os obrigou a entrar na comisaría. Xa dentro, e ante a recriminación de Bertran a un policía por non levar visible o número de placa, comezaron os golpes e os malos tratos, nos que participaron polo menos catro mossos de escuadra. Unha autentica malleira, recibindo puñetazos e pisotóns tirado no chan do vestíbulo, da que o seu amigo foi testigo mentres o votaban da comisaría. Cazorla aínda ficaría detido ata as 16:30, cando saíu en liberdade con cargos de atentado á autoridade e lesións.

O xornalista xa anunciou a súa intención de denunciar os feitos

Segundo a tan patética como inverosímil versión policial, o detido, ao que terían identificado dentro de comisaría para «preservar a súa intimidade», cando xa podía marchar avalanzouse sobre un policía atacándoo cun xogo de chaves. Despois, «dous axentes máis tiveron que deter ao mozo, que se resistía activamente, e finalmente tiveron que empregar a mínima forza indispensable para reducilo e detelo. Froito dese forcexo tres axentes resultaron feridos leves». Vamos, o normal cando a un o deteñen en comisaría.

Dáse o caso de que Cazorla é o responsable dunha extensa reportaxe sobre o incremento das mortes baixo custodia policial en Cataluña durante o ano 2012 (-Aquí). O que induce a especular cunha posible vinganza como móbil de tan desproporcionada agresión a este xornalista.

Elaborado por C.R. con información dos medios empresariais (curiosa a abundancia de información e a imparcialidade da mesma en comparación con outros casos de brutalidade policial a persoas alleas ao gremio) e de "Directa" (-Aquí). O video o collimos de http://rereguardaenmoviment.org/.

No hay comentarios:

Publicar un comentario