Recollemos do blogue de Mar de Lumes — Comité de Solidariedade Internacionalista a noticia do acto simbólico realizado onte mércores 19 de xuño nas instalacións do aeroporto lugués das Rozas e que copiamos e colamos:
Hoxe un grupo de activistas de Mar de Lumes — Comité de Solidariedade Internacionalista estivemos no aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei, mostrando cun acto simbólico a nosa oposición ao uso militar destas instalacións —e tamén das de Ferrol e Compostela— e á súa cesión á sempre agresora OTAN. Eis o manifesto desta acción, que será divulgado na comarca de Lugo através de cartaces baixo o lema «A OTAN mata. Non queremos base de drones nas Rozas»
Xa nen as guerras son o que eran. Agora os señores do mundo xogan a teledirixir as súas maquinarias de morte e a lanzar bombas á distancia. Os ricos, máis unha vez, poderán apañar peixe sen se meteren no mar, sen se mollaren. Diso se tratou sempre. De dominar sen se expor, e de asegurar o control dos recursos alleos para continuar reducindo custos, para continuar engrosando as marxes de lucro. Diso vai o imperialismo e para ese obxectivo é que son fabricados os novos xoguetes do imperio: os drones contra os que xa a literatura distópica nos alertara: os drones que fabrican nestas instalacións que o Estado español, arrogándose o direito de uso do noso territorio, cede ás potencias imperiais do mundo para que proven e testen e aprimoren os seus deseños — uns deseños que invariabelmente conducen á ocupación e ao expolio, á miseria e á dependencia, e que invariabelmente se desenvolven a partir do monopolio da forza bruta para asegurar o sometemento dos povos do mundo.
A España, tan imperial como calquera outro estado deste clube ultracapitalista e sen escrúpulos, que xa participou na guerra no Iraque e na Libia, e que provabelmente vaia facer o mesmo en Siria, cede o noso país á OTAN para os seus experimentos: cede o aeródromo de Rozas para o deseño do armamento das guerras do futuro, cede unha parte do porto militar de Ferrol para operacións bélicas, cede a área militar do aeroporto da Lavacolla para que os avións que trasladan prisioneiros de guerra de Afganistán e Iraque para Guantánamo poidan repostar. Facendo todo iso non só colabora co sistema ao que nós tanto nos opomos, senón que nos torna partícipes indirectos das súas salvaxarías polo mundo adiante. E así o leva facendo nos diferentes conflitos nos que os estados imperialistas nos embarcan, o último contra Libia e anúnciandose xa o seguinte contra Siria.
Mais a nós non nos chegaría con ficarmos á marxe. Non nos chegaría con sermos simples espectadores do masacre. Quen só olla —dicía Franz Fanon— é covarde ou cómplice. E nós non queremos ser cómplices disto. Negámonos a participar, mesmo que sexa indirectamente e de forma por completo oposta á nosa vontade. Tampouco queremos ser covardes. Nacemos para nos opor ao imperialismo e para reclamar a soberanía de cada pobo. Estas son as dúas caras dunha mesma moeda: a única que temos.
Por iso hoxe, 19 de xuño, ás portas do aeródromo militarizado das Rozas, como cidadáns e cidadás galegas opostas ao imperialismo e á cesión do noso país para os planos estratéxicos da sempre agresora OTAN, desde Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista exiximos:
- o fin das provas con drones en Rozas e do acordo entre o Real Aeroclub de Lugo e o ministerio español de Fomento para o uso militar das instalacións;
- a revocación do acordo que permite a cesión do porto de Ferrol para uso de embarcacións da OTAN en operacións bélicas;
- o fin do uso militar do aeroporto da Lavacolla;
- a saída da OTAN do Estado español e, consecuentemente, a finalización dos acordos de uso de instalacións na Galiza e tamén no resto do Estado.
20 jun 2013
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario