24 may. 2013

Domingo 26 as 10:00' .- Roteiro sobre as 700Ha afectadas polo proxecto mineiro de Corcoesto

A "Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños" anima a participación da cidadanía nesta ruta de sendeirismo organizada pola Sociedade Montaña Ártabros da Coruña. Será unha ruta circular que partirá as 10 da mañá da carballeira de Santa Mariña cun percorrido aproximado de 12 km. A realización da ruta permite apreciar "in situ" toda a desfeita e contaminación que provocaría esta actividade mineira de extracción de ouro a ceo aberto.

Xs participantes poderán comprobar onde queren facer os buratos xigantescos, onde construirían a planta de tratamento ocupando unha superficie de 30000 m2 na que se realizaría a lixiviación do ouro empregando Cianuro. Camiñando por Aldemunde entre carballos e castiñeiros percorreremos a balsa de lodos que ocuparía unha superficie de 1800000 m2 onde serían depositados 17 millóns de toneladas de entullos, do cales 800.000 Tm son subprodutos tóxicos procedentes do proceso de lixiviación. As fontes, árbores, valados, muíños xunto co río Lourido que veremos no transcorrer do camiño desaparecerán para sempre si se leva a cabo a actividade mineira.

A Xunta de Galicia non debe aprobar este proxecto, que vai provocar a destrución deste patrimonio natural por unha actividade insostíbel e altamente contaminante, provocando a destrución do modo de vida dos habitantes, da terra, do río Anllóns e cun brutal impacto socioeconómico na comarca de Bergantiños.

Dende a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, anímase á participación nesta andaina como un acto máis de denuncia á pretendida instalación da mina.

Pola sua banda a vocalia de senderismo de Artabros fala de que, independentemente do interesante do entorno a percorrer, faremolo por solidariedade con a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, e porque dentro da nosa filosofía, como clube de montaña e amantes da natureza, non queremos que se destrua a paisaxe que nos foi dado pola terra nai.

E remata o escrito con: "Espero, que como sempre , acudades à convocatoria, como o facedes sempre, (..), pasaremos un día estupendo, e colabouraremos nunha causa que a todos nos incumbe.

Non fiques na casa este Domingo, Muitas grazas".

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada