6 may. 2013

Carta de Suso Cela Seoane aos "Comités por un Socorro Rojo Internacional"

Colamos da sua web :

¡ Ola a todos/as¡¡

O primeiro de nada é felicitarvos nun novo aniversario do colectivo (Comité de Solidaridade) e mandarvos un enorme abrazo dende este lugar ao que chaman cárcere pero no que ao igual que vós tamén libramos algunha que outra batalla contra o mesmo inimigo, o paradoxal é que hai 7 anos que tería que estar a celebralo por aí convosco/ás pero grazas ao réxime fascista que nos domina terei que tirarme por aquí dous aniños e medio máis; así que ante todo un petición: non rematedes co licor café.

Quero dicirvos que nestes 7 anos como nos 16 anteriores como no que queda vós/ás xogades, xogastes e xogaredes un importante papel na resistencia que aquí dentro mantemos os presos políticos. Aquí perdeuse unha guerra pero nunca a dignidade e o espírito de loita por un mundo máis xusto, igualitario, solidario; e iso foi así, é así e será así por todas as partes por todos eses vasos comunicantes que en maior ou menor grao dixeron nos seus diferente etapas, nos seus diferentes graos, no seu compromiso e nas súas diferentes achegas que non a este sistema inxusto, corrupto e caduco. Pero todas as expresións de rebeldía de loita son importantes, conflúen unhas coas outras e unhas apoian ás outras e todas, todas forman ese conxunto que algún día e disto non debe haber dúbida rematarán co sistema capitalista. A solidariedade, a vosa solidariedade e o voso cariño, é un deses piares nos que se basee ese todo. Non sei moi ben quen dixo que a solidariedade é a tenrura dos pobos. Eu creo iso é moito, mais vós representades esa solidariedade dun xeito moi belo e comprometida, seguir aboándoa para que siga xerminando.

Pero todo son etapas, MOMENTOS BONITOS. Non todo son momentos álxidos senón que tamén hai momentos feos, duros, de recesos, que pode que sexan os máis importantes. Cando todo vai ben non fai falta moito... cando me adoito encontrar de baixón, sempre acode ao meu rescate esa solidariedade, a vosa solidariedade, certos fíos máxicos.

Pero tamén outra parte importante dese todo me impulsa. Xa non están, e non obstante non deixan de animarme e levarme adiante. Esa outra parte é a nosa historia, o exemplo dos que nos precederon e mantiveron a chama viva, e nunha condicións incriblemente terribles onde a noite parecía que o ía cubrir todo, que non ía amencer.

E os que lle deron a testemuña e os que nos deron a nós son e deben ser unha luz que nos guíe, sobre todo neses momentos malos, de baixón, porque temos o deber, a responsabilidade e o compromiso de transmitir a testemuña de solidariedade, a dignidade e a ilusión ás que nos sigan.

Se alguén pensa que cambiar a sociedade, aspirar a algo mellor, loitar por unha sociedade máis xusta é doado e sinxelo, pois non, non é doado, non é sinxelo, hai momentos de todas as cores, pero loitar creo que é o máis bonito polo que pode vivir o ser humano porque se este é o mellor mundo que nos poden ofrecer, que llo metan onde lles caiba. Creo que merecemos algo, mellor, pero non nolo van regalar, teremos que conquistalo.

E nesa conquista todos os esforzos son importantes, todas as mans, todos os brazos, todas a vontades, son importantes e necesarias, todo pasiño é importante e necesario, os de onte, os de antonte, os de hoxe e os que virán mañá.

Así que xa non me queda máis que animarvos a que sigades dando pasiños, a seguir camiñando, a caer e levantarse e a non te deixar abater polas situacións nas que trata de somerxernos o sistema capitalista nese vórtice cotián que, ás veces, nos pode levar a pensar que non paga a pena, porque iso é, sinxelamente froito da súa debilidade e aínda que poida parecer mentira, do seu medo. Non é que sexan fortes, é que nós aínda non temos conciencia da nosa verdadeira fortaleza. Por iso que siga crecendo a solidariedade.

Que un forte abrazo e o dito non rematedes con todo o licor café.

¡ FORZA E ÁNIMO!!

Suso

Cárcere de Badajoz. Abril 2013


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada