30 may. 2013

As esquecidas do cárcere: ser muller e presa F.I.E.S.

Recollemos e traducimos da web Feminicidio.net este artigo de Ana Costoya Viqueira quen entrevista a tres mulleres galegas, Lola Rivero, nai de Noelia Cotela, María Osorio e Silvia Casal, e que agora defundimos na nosa lingua:

Represión, desatención e dispersión de xénero. O sistema carcerario español, como un xogo de matrioskas, mantén na muller o seu nivel máis alto de violencia estrutural. Só existen tres cárceres específicos para mulleres en todo o Estado o que supón que o 82,2% delas estean reclusas en módulos de Centros Penitenciarios mixtos nos que se converten nunha minoría desatendida. Os escasos módulos de mulleres tamén fai máis propicia a dispersión. O 54,09% das internas encóntranse en centros penitenciarios fóra da súa comunidade autónoma. A situación agrávase cando as mulleres privadas de liberdade son nais e queren exercer como tales, o peche sistemático dos centros que permiten que teñan os seus fillos con elas obrigou á dispersión a un centenar de mulleres en 2011 e actualmente só existen tres Unidades de Nais en todo o Estado. A violencia estrutural do réxime penitenciario lígase a outra, ditada como tortura branda por organismos como a Convención contra a Tortura da ONU, que sofren as presas F.I.E.S. É o caso de Noelia Cotelo, F.I.E.S 1, en réxime de Control Directo e o de Maria Osório, agora liberada e à espera de xuízo que estivo presa baixo o réxime F.I.E.S. 3 dedicado a acusadas de banda armada, sen previo xuízo. Os centros penitenciarios dirixidos polo Estado español concentran máis de 5.300 mulleres, cifra que sequera chega a representar máis do 8% do total da poboación reclusa.

Na década dos 90 a poboación reclusa mobilízase para esixir unha mellora no seu trato, calidade de vida e o cesamento de tortura en cadea. A súa mobilización desencadeou unha rápida reacción estatal que creou os Ficheiros de Internos de Especial Seguimento. O Réxime F.I.E.S. prepárase en 1991 coa intención de ter un maior control e vixilancia de cara ás persoas internas presas co fin de obter máis información do delito cometido ou a súa traxectoria no cárcere. Actuará, di, sobre aquelas persoas presas "conflitivas ou/e inadaptadas".

En maio de 2009, unha sentenza do Tribunal Supremo declara que "en contra do parecer da Sala sentenciadora e dos informes obrantes no expediente administrativo, consideramos que esas circulares ou instrucións, o carácter da natureza e das garantías das normas xurídicas ou disposicións de carácter xeral, non son medio idóneo para regular dereitos e deberes dos internos nos centros penitenciarios". Así, anula a parte da instrución de Institucións Penitenciarias que regulaba o réxime dos presos conflitivos incluídos no Ficheiro de Internos de Especial Seguimento (FIES), ao estimar que ao afectar aos dereitos dos internos debía ter rango de lei.

Este réxime penitenciario, posto en marcha no Estado español no ano 1996, ten 5 categorías diferenciais onde o menos restritivo é o F.I.E.S 5, dedicado de forma xeneral a delitos graves de carácter internacional e o máis restritivo é ser F.I.E.S. 1 onde se encontran maioritariamente as persoas que exerceron violencia contra o funcionariado do cárcere. Neste réxime encóntrase Noelia Cotelo Riveiro.

PRESA FIES 1: O CASO DE NOELIA COTELO - MALLEIRAS E AGRESIÓNS SEXUAIS POR PERSOAL FUNCIONARIO

"Onte a miña filla non puido falar comigo. Déronlle outra malleira de morte, ten un ollo que non pode abrilo, o corpo cheo de moratóns das porradas que lle deron, a columna tamén e apenas pode sosterse de pé, un oído que apenas oe, hoxe cando me chamou díxome que temía pola súa vida cando a sacaron da ducha nua e diante do Xesús, o que intentou violala e o xefe de servizos, en total cre que eran uns 10, eu temo moito pola vida da miña filla, o médico Juanjo pasa dela, intentouse levar un médico de fóra e non o deixan entrar, pido axuda se alguén pode axudala, quero ver a miña filla viva, non me deixan vela, dinme que é orde do director. Grazas a todos que polo menos me escoitades, un abrazo,". As palabras de Lola Rivero, nai de Noelia Cotelo, conseguiron dar a volta dende A Coruña ata todo o Estado español denunciando ás torturas e vexacións que someteron a súa filla condenada por furto a ano e medio e que, actualmente, lle acaban de notificar que debería estar en prisión ata 2016 o que supoñerían 8 anos de prisión. De ser así, serían 6 anos máis do que o seu primeiro xuízo ditou.

Lola Rivero narra como o 23 de outubro de 2012 falaba coa súa filla por teléfono. En metade da conversación, os funcionarios instaron a Noelia a colgar pero ela, como aínda lle quedaba tempo, negouse. Cinco funcionarios forzárona a soltar o aparato agarrándoa fortemente do pulso, levárona á súa cela. A súa nai puido escoitalo todo dende o outro lado do teléfono. Máis tarde soubo que a deixaran alxemada á cama ata o día seguinte.

"Esa noite a miña filla durmía alxemada á cama na súa cela. Espertou e encontrou un funcionario que xa lle pegara, chámase Xesús. Estaba a tocarlle os peitos e o torso. O funcionario, que acaba de ser descuberto, e para evitar que Noelia puidese identificalo, lle botou o contido dunha botella de auga á cara. " Á mañá foi trasladada por recomendación do médico do Centro Penitenciario ao hospital para que fose atendida.

- Lola, cando comezan os malos tratos contra Noelia?

- No cárcere de Brieva, no ano 2008.

- E a súa participación en "Cárcere = Tortura"?

- Tan pronto cando nace a iniciativa, que é en setembro de 2012.

- Que supón, tanto para a túa filla Noelia, coma para ti, a existencia desta iniciativa e a vosa participación nela?

- Un apoio, unha saída, unha esperanza.

"Cárcere = Tortura" é unha plataforma que une a diferentes persoas presas para denunciar os malos tratos e a tortura, tanto física coma psicolóxica, á que son sometidas. Dende aquí, en solidariedade con Noelia Cotelo, emitiron unha denuncia contra as torturas que recibiu mediante Change.Org baixo o título de "Todxs somos Noelia Cotelo Riveiro: Non máis torturas nos cárceres".

- A túa filla leva máis de cinco anos en prisión. Era esta a condena que emitiron no xuízo?

- Non, para nada. A súa condena era de dous anos e medio.

- Notificaron a ampliación de condena?

- Non. Tivo varios xuízos dentro da súa estadía de prisión, pero a min non me fixeron chegar nada, nin un motivo nin unha notificación, de porqué a teñen máis tempo aí.

- Por que son estes xuízos?

- Denúnciana os funcionarios por arremeter contra eles. Pretenden poder pegala, mesmo a agredir sexualmente, e que ela non se defenda? A miña filla non se cala ante unha inxustiza, por iso séguena tendo aí no cárcere.

- Quédalle algún xuízo máis?

- Si, un na Coruña. Íase celebrar fai xa 5 meses pero, porque un dos implicados estaba no hospital, non puido realizarse.

- Sabe canto tempo máis pode estar no cárcere Noelia?

- Fai escasos días falei co avogado. Díxome que pretenden que sexa ata 2016, pódelo crer? Serían 8 anos aí metida!

- Por que delito entrou a túa filla no cárcere?

- Por delito de furto.

- Que roubou?

- Un coche.

O 30 de abril de 2013, Noelia Cotelo é trasladada ao Centro Penitenciario de Granada. "Ten 6 horas de patio xunto outra presa, tres pola mañá e tres pola tarde", explica Lola Rivero. "E está máis contenta, mellor que nese matadoiro de Brieva!

- Noelia Cotelo recibiu unha tortura sistemática, a prolongación da súa condena, abusos sexuais, a incomunicación, intervención das comunicacións e a dispersión. Que lle pides á sociedade?

- Que nos axuden, que a axuden, que miren toda a corrupción que hai aquí fóra libre, impune, e que logo observen o que lle fan á miña filla, unha moza que entrou sanda... e que, como sairá? E cando? Que me axuden a sacala de aí con urxencia, necesito abrazala!

MARIA OSÓRIO: A PRISIÓN PARA MULLERES EN RÉXIME DE PRIMEIRO GRAO

Maria Osório é detida o 3 de decembro de 2011. Ela, xunto 3 persoas máis, tamén son acusadas de pertencer a unha banda denominada Resistencia Galega que, por primeira vez, a Audiencia Nacional a acusa de organización terrorista. "É necesario ter en conta que non se lle atribúe persoalmente ningunha clase de acción violenta nin a directa posesión de ningún medio ou instrumento perigoso senón, en todo caso, a pertenza a unha organización presumiblemente terrorista", un ano e 3 meses despois, a Sala do penal n.º 2 emite unha acta de liberación para Maria Osório que, dende febreiro de 2013, espera o seu xuízo en réxime de liberdade. Foi encarcerada baixo o réxime de FIES 3, a categoría de pertenza a banda armada.

- Na operación policial mediante a cal es detida, a policía detén 6 persoas das cales 4 pasades a prisión incondicional. Como foi o camiño cara á Audiencia Nacional?

- Imaxínate, todos os medos cos que vivimos de agresión sexual, ameazas, violencia machista... Y vas toda a viaxe a Madrid tapada e rodeada de policías homes. Vas en tensión, chea de medo. Pero a miña viaxe é tranquila, negueime a declarar e non me interrogaron.

- Despois, ás mulleres e aos homes sepárasenos e, segundo o teu sexo vas por un lado ou por outro. No meu caso supuxo que, ao esperar o relevo da Garda Civil, que era quen nos debía trasladar ao cárcere, e que polos recortes hai menos, en vez de levarnos máis ou menos á mesma hora, os trasladan a eles primeiro ás 7 da tarde e a min á unha da mañá.

- Cando entras en prisión vas directa a primeiro grao?

- Si. Segundo o Regulamento Penitenciario non tes que ir a priori a primeiro grao pero, no meu caso e no doutras moitas mulleres, aplicaron o artigo 75 utilizado ilegalmente para supostas pertenzas a organización terrorista, no meu caso preventivo porque non estaba probado nun xuízo. Déixanme en primeiro grao, directamente, sen ter ningunha sanción, sen estar xulgadas e sen estar probada a existencia de Resistencia Galega, suposta banda á que acusan de terrorista e á que din que pertenzo.

- Que implica ser presa FIES en primeiro grao?

- Comporta posiblemente facer o patio soa se estás en artigo 75 porque non hai máis presas neste modo. Ás veces viña algunha que fora castigada. No de homes si hai máis xente, pero no meu caso non o houbo porque as presas políticas que había estaban xa xulgadas e non as deixaban saír comigo, nin sequera o 24 de decembro que o solicitamos e se nos denegou.

SOUTO DO REAL: ÚNICO CÁRCERE DE TRANSICIÓN PARA MULLERES EN 1º GRAO, iso é permanecen aquí mentres esperan o seu cárcere en categoría de destino.

- Que supón que Souto do Real sexa para as mulleres de primeiro grao en illamento só de transición?

- Non hai actividades. Só tiñamos un crebacabezas destartalado e unha raqueta de tenis medio rota. Queixabámonos, quéixanse, pero as demandas non se escoitan porque total, din, como é de tránsito... As condicións de vida aquí non dan os mínimos para facer un primeiro grao. Non tes nin unha baralla de cartas. É patio-cela-patio-cela-patio-cela.

- Ti ademais o patio tíñalo que facer case sempre soa. Cando tiñas contacto con máis presas?

- Falabamos entre as celas polas noites.

- Canto tempo estiveches aí?

- Dous meses e medio. Iso eu, pero hai xente que, mentres non lle chega o destino, está moito máis tempo. Unha rapaza vasca, por exemplo, creo ter escoitado que botou 2 anos e medio. Saíu de alí con hernia discal.

- Por que se ignoran as vosas queixas?

- Porque estamos de transición, somos poucas e pouco ruidosas. No cárcere todo se cuantifica polos problemas que dás. De nós pasaban amplamente.

- Hai algunha característica boa deste centro penitenciario?

- Había unha boa xinecóloga! As presas sempre cha recomendan. Hai en cárceres que non hai servizo de xinecoloxía así que hai que aproveitar e pedir cita con ela. Pero o máis importante de Souto do Real é que é o primeiro cárcere á que vas parar e te encontras con moita desatención. Se coincides con algunha presa solidaria que che axude, eu encontreimas, colles rodaxe. Cúrteste.

ÁVILA: UN DOS 3 CÁRCERES ESPECÍFICOS DE MULLERES QUE SEGUE EN PÉ

Neste cárcere adóitase dar a coincidencia de presas políticas preventivas por estar preto de Madrid, o cal adoita ser ben acollido. Tamén é das poucas que quedan específicas de mulleres, xa que moitas remataron por reducir módulos para abrilos para homes.

- Isto que implica?


- Que dá igual os motivos polos que esteas no cárcere, como non hai módulo de mulleres onde ti vives, dispérsante a centos de quilómetros da túa familia.

A dispersión por xénero existe. A Secretaría de Institucións Penitenciarias españolas sinala que só existen 3 Unidades de Nais en todo o Estado español: a U.M. de Sevilla (Andalucía), a U.M. de Madrid (Comunidade de Madrid) e a U.M. de Mallorca (Baleares). O peche sistemático destes módulos en 2011 supuxo, só nese ano, a dispersión dunha centena de mulleres.

Tras o peche de cárceres específicos de mulleres como a de Brians ou Wad Rass, no territorio dependente da Administración Xeral do Estado só existen tres establecementos exclusivos para mulleres, o Centro Penitenciario de Ávila, con 162 celas e 18 complementarias, Centro Penitenciario Madrid I, Mulleres, con 385 celas e 38 complementarias e o Centro Penitenciario Alcalá de Guadaira, Sevilla, con 83 celas e 17 complementarias. En total son 630 celas dentro dos Centros Penitenciarios específicos de mulleres para unha poboación reclusa de mulleres de 5.336 a setembro de 2012. Isto significa que tan só o 11,8% das mulleres reclusas cumpren a súa condena en cárceres específicos de mulleres.

O 82,2% das presas están adaptados en módulos minoritarios dentro de Centros Penitenciarios de homes o que, a termos prácticas, significa recorte en servizos e infraestruturas para elas. No informe "Programa para a igualdade accesible" emitido polo Estado español detállase que "talvez coa intención por un lado de diminuír o investimento económico e por outro de priorizar a calma entre a poboación masculina, máis numerosa e tradicionalmente máis problemática fronte ao réxime interno" se establecen "diferenzas evidentes" como por exemplo no caso do futuro cárcere de Pamplona do que "se presume da capacidade e a modernidade dos futuros talleres produtivos, tamén se sinalou sen pudor que estes estarán novamente na zona de varóns sen acceso a eles da poboación femenina."[1] Tampoco é obrigatoria a asistencia médica de xinecoloxía nos sistemas penitenciarios.

- Que diferenzas notas en que un cárcere sexa específico de mulleres?

- A miña experiencia é de pouco tempo mais, como estiven en 3 cárceres, podo dicir que a de Ávila, específica de mulleres, é a que máis actividades tiña. Antes, como quedaba preto de Madrid, era habitual que estivesen alí moitas presas políticas. Agora hai bastantes, en comparación con outras, pero é pequena e todo moi reducido. Agora seguen a estratexia do illamento persoal sumado á dispersión e non xuntan a máis dun número determinado de presas políticas do mesmo país ou conflitos.

- Estase a volver o sistema maquiavélico?

- Dispersión, incomunicación, intervención anulando calquera intimidade, desatención médica... Non é isto maquiavélico?

CENTRO PENITENCIARIO DE VILLABONA: CUMPRIR UNHA CONDENA DE PRIMEIRO GRAO NUN MÓDULO DE RESPECTO CON COMPAÑEIRAS DE 2º GRAO

O cárcere de Villabona é un cárcere onde hai 10 módulos, 9 de homes e 1 de mulleres no cal está implantado un módulo de respecto.

- Asinaches o contrato polo cal cumprías pena baixo este módulo de respecto?

- Non, non asinei. Convertéuseme nunha presa de primeiro grao polo que a engrenaxe do sistema se me presentaba así: sen xuízo, preventiva, dispersada, en 1º grao... eu non vou asinar. Negueime a integrarme nun sistema que non me quere ter integrada. Pero, normalmente, se non firmas te dispersan porque non existe outro módulo con outro sistema. Isto é moi inxusto porque obriga as asturianas a ser dispersadas se non asinan. Isto pasa na maioría destes módulos en todo o Estado.

- Que é para ti un módulo de respecto?

- O intento de facer módulos menos violentos baseados na auto-regulación a consta da auto-censura das persoas presas e o recorte de funcionariado e outros servizos.

- Mais, como dis, non asinaches pero tampouco te dispersaron. Que sucedeu entón?

- Estiven en primeiro grao no módulo de respecto igualmente que, ademais, era de segundo grao.

- Cumpriches unha condena en réxime de primeiro grao nun módulo cuxo réxime era de segundo grao?

- Unha condena non, estaba preventiva.

- É legal?

- Teoricamente non. O regulamento penitenciario é unha cousa que existe, pero case sempre na teoría.

- Pero non había alternativas para que puideses cumprir a túa privación de liberdade segundo correspondera legalmente?

- Si. Podían enviarme a un módulo cun réxime de primeiro grao, para que concordarse co meu réxime, ou rebaixarme un grao e poder encadrarme neste módulo. Pero non foi de ningunha destas maneiras, fixen vida nun módulo de segundo grao cunhas restricións propias do primeiro grao.

- Isto que che supuxo no teu día a día?

- Podía facer actividades ao igual que o resto de compañeiras, niso non eran restritivos, que conste. Pero supúxome unha descoordinación total. Eu saía ao patio pola mañá, elas pola mañá e pola tarde, así que estaba na cela polas tardes mentres elas estaban fose.

VIVIR PRIVADA DE LIBERDADE, DISPERSADA, INCOMUNICADA E INTERVIDA

- Que supón para unha persoa ter toda a súa comunicación intervida mentres desenvolve a súa vida nun réxime de primeiro grao en illamento?

- Ter a certeza de que non podes falar sen que te escoiten é unha indefensión tremenda. Sobre todo cando estás soa nun módulo, sen ninguén que estea a pasar o mesmo ca ti, é moita indefensión. Sénteste soa. Estás soa.

- Hai parvadas ás que non dás importancia na túa vida fóra dos muros da prisión pero alí... canto valor lles dás! A incomunicación, nese aspecto, é preventiva e efectiva. Consegue que non fales.

- Que significa non falar?

- Tragas, tragas... entón, ter que aprender a canalizalo dalgún modo.

- Como te consegues manter íntegra baixo este réxime penitenciario?

- Respondo dende a miña pequena experiencia como presa política. Tendo presente porqué estás no cárcere, recibir apoio dende fóra, a través de cartas ou visitas, que non consigan illarte e aproveitar para formarte. Encontrei moi boas bibliotecas nos cárceres! Tamén é importante aproveitar as túas vivencias alí. Non hai que naturalizar o sistema penitenciario, porque iso querería dicir que ten que existir, pero si é preciso tomar consciencia do que hai. E facelo agora con máis forza que, e cada vez máis, están a facer del un negocio mediante recortes e privatizacións.

- Tamén é importante destacar a solidariedade que pode nacer en ambientes de alta represión. Mesmo saltan lazos desa solidariedade entre xente que non che esperabas e é moi importante que isto suceda nun sistema tan deshumanizante pois é a garantía de que seguimos sendo persoas. Todo isto xunto pode posibilitar que o sistema carcerario non nos amedrente. Hai que saber o que é pero que non nos pare. É imprescindible conservar a forza e gardar a esperanza.

- Encontraches diferenzas dentro do sistema penitenciario, e en todo o proceso de detención, por ser muller?

- Si. Fan diferenzas entre muller presa e home preso, coma se o cárcere de homes fose "a de verdade" e a de mulleres "un paseo". Non entenden que na de mulleres hai violencia aínda que non baixo un esquema igual, a violencia que exercen connosco e que as propias presas exercen contra si, é máis funcional aínda que tamén a hai física. E hai violencia moi alta. Tamén á muller que é valente, a que non se cala, tachana de tola, rómpenlle os seus esquemas de "muller estándar".

- Por exemplo, cando me deteñen, no rexistro, un dos policías pídeme que ao saír non faga espaventos nin movementos bruscos ao que o seu compañeiro engade dicíndome: "Non, non vai facer nada, ti non vas de heroe que heroes xa hai bastantes, as mulleres tedes outro papel". Dáse por suposto que a muller non ten ideoloxía. Trátasenos como noivas de- aínda que despois cumpramos exactamente a mesma condena.

- Como é volver á túa vida normal?

- Tiven un desaxuste temporal grande e non conseguía durmir. O tempo non corre igual dentro que fora de prisión. Non consigo encontrar ese ano e dous meses dentro da miña vida porque, ademais, como estiven en diferentes centros... Y estás tan sometida a unha rutina onde ti non decides nada que despois, cando saes, é todo o contrario e nun principio pode ata ser angustioso. E falo de ano e pouco, que non supón nada, a xente que está presa 10 anos... 20 anos... No quéromo nin imaxinar.

- Que é o que máis che afectou dentro do cárcere?

- Afectoume moito na miña conciencia social a situación das presas FIES 1. O cárcere é como as bonecas rusas, as matrioskas, hai unha dentro doutra. Dentro das presas FIES eu estiven no grao 3, de banda armada, pero hainas no grao 1, en réxime de Control Directo, elas son as de debaixo de todo.

- Nesta categoría adoitan estar mulleres acusadas de influencia negativa sobre outras presas, liderazgo... Na teoría, o paso por este réxime é momentáneo pero logo isto non se respecta. Estas mulleres, as FIES 1, son as verdadeiras esquecidas dos cárceres. Saben con cantos anos entran pero non cando van saír. É como o caso de Noelia Cotelo. Con estas persoas, que non se deixan dominar, aplican tamén a dispersión. Estannos a dispersar a todas! Por iso é unha trangallada tanta división entre as presas porque todas estamos a sufrir o mesmo, empezan a aplicar certas medidas cun colectivo, a modo experimental, e xa despois aplícano con toda a sociedade. Se te dispersan a reinserción imposibilítase porque te separan da túa familia. Hai xente dispersada que non recibe visitas. Cando tocaban os locutorios quen iamos eramos as presas políticas e algunha social pero eramos minoría. E as demais? Sen ingresos económicos, sen comunicación, dispersadas e trasladadas de cárcere en cárcere cada pouco tempo. Esta é a realidade dos cárceres en primeiro grao que, no caso das mulleres, se xunta cunha gran desatención de recursos e infraestruturas que, de per se, xa non son boas.

A data do primeiro xuízo a Maria Osório, xunto tres persoas detidas e encarceradas na mesma operación policial, estableceuse para o 24 e 25 de xuño deste 2013.

SÍLVIA CASAL: Dinme que colla diñeiro para cando volva de Madrid. Xa sabían que non tiñan nada contra min! E tamén que tiña un bebé de 8 meses! "

O 29 de outubro de 2012, Silvia Casal estaba deitando o seu bebé de 8 meses xunto a súa parella cando escoitaron un golpe na porta que se repetiu varias veces. "Pensamos que acontecese algo no edificio". Ao abrir a porta, unha marea de policías encapuchados, salvo dous que ían descubertos, entraron no seu domicilio. "Mandan a miña parella para un cuarto e a min, xunto ao bebé, para outra".

Sílvia Casal informa de que ten un bebé de 8 meses. "Eles respóndenme que xa o saben, que por iso non botaron a porta abaixo". Non obstante, non informan dos dereitos do seu fillo. Dicíanme que non podía quedar con el e que tiña que pasar a Servizos Sociais. E, eu como sei iso? Quen me garante que iso é así? A lei antiterrorista sométete a incomunicación, sen dereito a chamada. Pasaban as horas e o meu bebé choraba porque tiña que comer, é lactante a demanda. Eu non podía parar de pensar nel, sabes o que é isto para unha nai? Así que pedín que me informasen dos dereitos do meu fillo pero non o fixeron". A policía, entón, proporciónalle unha alternativa momentánea. Dinme que o meu fillo pode quedarse pero que mo traerían cada 4 horas para mamar. Pero doulle o peito a demanda, ademais, como podo saber que está ben?". Ao redor de 5 horas despois, a policía accedeu a chamar a súa irmá para que esta puidese levarse o bebé. Antes de abandonar o domicilio, un policía diríxese a ela. Quedeime moi sorprendida, dinme que colla diñeiro para cando volva de Madrid. Xa sabían que non tiñan nada contra min! E que tiña un bebé de 8 meses! E detivéronme igual".

Tras o rexistro do domicilio, pasa aos calabozos de Ferrol. "Alí tiven que explicarlles que se non quitaba o leite podía coller mamite, a miña saúde podía verse en risco. Comprendérono e cada dous horas deixábanme saír da cela para quitar o leite nun habitáculo". Despois trasladárona á Audiencia Nacional.

- Como foi o traslado?

- Non querían deixarme durmir, entón facían preguntas constantemente dende as máis chorras ata as máis disparatadas.

- Que actitude tiñan?

- Moi paternalista. Se me vían tranquila, que non o estaba porque non podía parar de pensar que todas as horas que eu estaba aí eran horas que o meu fillo non durmía, pero se me notaban unha aparencia tranquila, poñíanse nerviosos. "Moi tranquila te vexo", dicíanme. Tamén me dixeron que se quería que o meu fillo crecese "así". Buscan que te esborralles, sabes?

- Sentiches que a túa detención estaba a ser diferente polo feito de ser muller?

- Creo que o trato policial é igual de peor psicoloxicamente tanto para a muller como para o home, pero si notei unha diferenza no obxectivo da detención.

- Como é iso?

- Na presión para que fales. Á miña parella, por exemplo, dinlle que se quere volver comigo e o noso fillo ten que falar. A min dinme que se quero ver o meu fillo teño que delatar compañeiras e compañeiros. Pensar é un delito?

- En que te cambiou ser detida?

- Cando me detiveron sentinme como unha mouta de po coa que poden facer o que queiran. Movela dun lado a outro ou mesmo borrala. Nós temos un grande apoio no noso pobo porque facemos moita vida aí e a xente apoiounos aínda que sempre hai quen, cando te ve, cambia de beirarrúa. Eu son optimista e non vou abandonar as miñas ideas nin deixar de defender a miña xente nin de traballar polo meu pobo.

Sílvia Casal estivo detida 36 horas baixo a lei antiterrorista española sendo acusada de pertenza a organización terrorista. Isto supón ata un máximo de 5 días de incomunicación preventiva, que pode ser prolongable ata 13 días con orde do xuíz, sen dereito a chamada e sen dereito a servizo letrado nin médico de propia elección.

A incomunicación e a dispersión son métodos denunciados e descritos como tortura branda por organismos como Amnistía Internacional ou a Convención contra a Tortura da ONU. Tamén loitan pola súa supresión diferentes organismos que traballan polos dereitos humanos entre os que están os galegos Observatorio para a defensa dous direitos e liberdades EsCULcA, Organismo pupular anti-repressivo Ceivar, a Plataforma cidadá Que Voltem a Casa .

Noelia Cotelo ou Maria Osório son dúas mulleres que foron presas F.I.E.S., dúas galegas que sufriron, unha aínda o fai, a incomunicación e dispersión. Son dous exemplos dentro do 54,09% das mulleres reclusas están en centros penitenciarios fóra da súa comunidade. [2] Actualmente a poboación reclusa feminina é dun 7,6% do total da poboación penitenciaria, unha pequena cifra que fai delas as grandes esquecidas do cárcere.

"Seria hipócrita ou inxenuo crer que a lei se fixo para todo o mundo ou en nome de todo o mundo; que é máis prudente recoñecer que se fixo para algunhas persoas e que recae sobre outras" [3], dentro do sistema carcerario o seu efecto máis importante, e da súa extensión, é que logra volver natural e lexítimo o poder de castigar, e rebaixar polo menos o albor de tolerancia á penalidade (...) procura unha especie de garantía legal aos mecanismos disciplinarios, ás decisións e sancións que empregan"
[4]. Michael Foucault.

ANOTACIÓNS

[1] "Programa para a igualdade accesible" - Páxinas 33-34.

[2] Dato referido ao ano 2006 - "Ficheiros do Ministerio de Interior español" - Páxina 21.

[3] Michael Foucault, Vixiar e Castigar: nacemento da prisión. Editorial Século Vinte E Un, 1978 [Terceira edición en castelán] - Páx. 285.

[4] Íbid - Páx. 308.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada