25 abr. 2013

[Xinzo de Limia] - Sábado 27 ás 12 MANIFESTACIÓN CIDADÁ NON A MINA de FELDESPATO

Facemonos eco en Abordaxe desta convocatoria da Plataforma Veciñal Corno do Monte que recollimos da sua web e que copiamos e colamos à ìntegra:

Prezadas/os veciñas/os,

Dende a Plataforma Veciñal Corno do Monte composta por veciñas e veciños de Seoane de Oleiros, Fiestras, Laroá, San Pedro de Laroá, Rebordechá, Paredes, Moreiras e Faramontaos, levamos varios meses manifestando a nosa total oposición ao proxecto Faramontaos 5089.1 que consistiría na instalación dunha mina de extracción de feldespato na nosa zona. Trátase dun proxecto de varias fases no que, a primeira se desenvolvería nestas aldeas, pero que de conseguiren instalarse, comezarían a estender o proxecto –segundo as previsións da propia empresa Minecer, S.L.- por toda a comarca.

Xa son de sobra coñecidas as consecuencias que tería para nós este proxecto: incompatibilidade coa agricultura e a gandería, contaminación das augas, seca de pozos, polución do aire… Un atentado contra a nosa vida e os nosos pobos unha vez máis.

Todos os grupos políticos do Concello de Xinzo se opoñen a este proxecto, só nos falta que a Xunta de Galicia denegue a licenza de explotación. Ata que iso chegue, a nosa loita debe continuar.

Por isto convocamos a todas as asociacións veciñais, culturais, de mulleres… do Concello de Xinzo de Limia e demais concellos da comarca para o vindeiro sábado 27 de abril ás 12 da mañá (día de feira) a unha MANIFESTACIÓN CIDADÁ que partirá do Museo do Entroido (Rúa Dous de Maio) polas principais rúas da vila.

Faremos moito barullo, con cazolas e asubíos para que a nosa voz chegue a onde se toman as decisións.

Agradecendo de antemán a vosa implicación, recibide un cordial saúdo

Mª Carmen Díaz Casas

Voceira da Plataforma Veciñal Corno do Monte

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada