29 abr. 2013

[Xinzo da Limia] O Esperpendo da mina de Feldespato

Dado o cariz que tomou a iniciativa da Plataforma Corno do Monte de facer un protesto viciñal contra a idea da Xunta do Feijoo "Sólo sé que había nieve" de converter Galiza nunha mina, e en concreto na comarca da Limia, de tirar do feldespato e arruinar a riqueza do chan agrícola e gandeiro, colamos acá en Abordaxe este Discurso coherente e convincente pronunciado ao remate da Manifa deste sábado 27 ( que anunciaramos acá) e que contou con centos de persoas que percorreron a vila de Xinzo nun día feriado con berros de “A mina ou nós”, “Na Limia non á Mina”, ou “A Xunta decide: A mina ou nós” (ver acolá a crónica do xornal dixital Praza.com) e, en particular, este que escreve, cola e copia, entroutras perlas, recomendo deste brilante discurso unha leitura pausada das "propostas moi interesantes" que lles fixo a subdirectora xeral de Recursos minerais, María José Mijares, nunha surrealista reunión o xoves pasado en Compostela, que dá para pensar que nivel de (ir)responsabeis que temos que aturar na nosa terra.

Copiamos e colamos à ìntegra:

Discurso da manifestación do 27 de Abril

A Plataforma Corno do Monte representa a veciñanza de: Rebordechá, Paredes, San Pedro de Laroá, Laroá, Fiestras, Seoane, Faramontaos e Moreiras, e unha plataforma veciñal cuxa única finalidade é mostra-lo noso desacordo coa mina de feldespatos que a Xunta intenta impornos nas nosas terras.

Por se alguén non o oiu, non vamos parar ata que na nosa zona non quede ningua posibilidade de minas de ningún tipo, xa que non chega con quitar este proxecto de agora, non, hai que cambiar a lei de minas e a do solo para que estas burradas non poidan pasar, senón estamos cada 3 días loitando contra un proxecto distinto, e iso sería una tomadura de pelo ¿ou tedes moitas ganas de estar con estes traballos e enfados tódolos días?

A toda a veciñanza: o xoves estivemos en Santiago visitando a subsecretaria de minas, e unha muller moi amable, recibiunos moi cordialmente.

Imaxino que a vós o que vos interesa e o que se falou ¿non é verdade?

Ela defendía a mina, o cal e lóxico porque e enxeñeira de minas. O que vos interesa e o que nos dixo:

non sabe nada da provincia de Ourense, eu preguntome se sabe que pertencemos a Galicia. Isto significa que da Limia aínda sabe menos.

e que nos vivimos a gran maioria das nosas terras tampouco lle dixeron nada, nin os que somos nin o que producimos, nada estes só viron as nosas terras e intentaron collelas.

O mellor alí en Santiago pensan que todos somos millonarios e vivimos de rentas. ¿cantos vivides de rentas? Mans arriba os millonarios.

Como non lle dixeron que vivimos das nosas terras fíxonos unhas propostas moi interesantes, prestade atención que van dirixidas a vós:

- 1º proposta : que compremos terras noutro lado, facilisimo, xa que a nos nos botan fóra, pois nós botamos tamén fóra, a outros, por exemplo aos de Santiago ¿ímonos a vivir a Santiago? ¿quen ten a maleta preparada?. Intentamos facerlle ver que non é tan doado deixa-lo teu e cambiar de casa e de pobo, pero hai xente que non o entende.

- 2º proposta: que convivamos coa mina, todos arrexuntadiños, que bonito!! pero esqueceuselle que para facerlle sitio a mina temos que nós deixarlle o noso sitio, polo tanto o de arrexuntadiños non serve, o que nós decimos todo o tempo: A mina ou Nós.

- 3º proposta: este e moi boa: ¿quen se quere quedar coa planta que só traballa día e noite? ¿voluntarios que queiran a planta no seu pobo?, pero home que escollidos sodes, so fai un pouquiño de barullo, outro pouco de po, outro pouco de contaminacion ambiental, e só funciona día e noite, total, que é inofensiva. Hai que preguntar: pode ser que na Plaza Maior aínda colla, e só seria problemática no Entroido, pero nós somos moi sufridos e trasladamos o Entroido a Santiago.

- 4º proposta: o regadio, a mellor idea. Pero quen precisa un regadio se temos a auga nas pozas que nos deixen?, e por riba gratis, e non necesitades engadir ningun produto máis, porque os produtos xa os trai a auga, o meu consello é que lle expliquedes as patacas e o trigo que agora lle dades auga vitaminada que e mellor ca normal, e que en vez de morrer como e o normal coa auga contaminada, que se teñen que acostumar, O QUE HAI QUE OÍR, o que eu vos digo, todos a vivir de señoritos a Santiago, que eses non teñen problemas nin de regadio, nin de fincas, ni de impostos, nin da chuvia ¿a que non?

- 5º proposta: sabedes que todos os informes están a favor da mina? palabras textuais da subdirectora, agás o do concello de Xinzo. ¿será que nas outras consellerías tampouco saben onde estamos?, vamoslles mandar un mapa.

—Na de medio ambiente: eu que pensaba que estaban a protexer os pobres paxaros, aos outros animais e agora resulta que paxaros debe haber de máis e os outros animais pois que fagan a maleta con nós e para Santiago. ¿E na conselleria de medio ambiente, non se teñen que ocupar de que se respete e coide o entorno? Non o home non, teñen que coidar que o entorno sexa o axeitado para as minas, que atrasados estades.

¿que dirán os da EU cando seiban que os cartos que mandaron para protexer os paxaros e o entorno agora vai ser enterrado para que vivan as minas?

O tema e doloroso, alguén que vai decidir sobre as nosas vidas e non sabe nin onde estamos nin de que vivimos, 150 km ata Santiago marcan a diferencia entre os que contan e os que non importa o que pase con eles, porque para eles solo somos 4 gatos, preguntome se cando nos cobran os impostos non lles importaria que os deixaramos de pagar? Total somos 4 gatos e pequenos, sen importancia.

Meus veciños e veciñas, o tema e serio aínda que alguén non o crea, o señor conselleiro de industria dixo esta semana: “economía autorizará tódalas minas que xeren empleo e sexan sostibles”, sostibles no arame, porque noutra cousa, e o do emprego (10 empregos dos cales 3 son de técnicos altamente cualificados), tendo en conta que se perderán máis de 200 o negocio é redondo ou cadrado segundo se mire. O de sostibles, por suposto que si, e nós coñecemos o mellor exemplo: “feldespatos Sarreaus”, deixou cartos a moreas, a deber, e onde está non se acercan nin os paxaros con moita sede, porque de morrer a morrer, prefiren morrer por a vía natural. Por certo a subdirectora de minas non coñece a Feldespatos Sarreaus, vós tranquilos que xa lle mandamos fotos e recortes dun periódico de Madrid onde se recolle o marabilloso estado de contaminación en que o seu propietario a deixou. En Madrid si que coñecen a mina de Sarreaus, pero en Santiago quédalles moi lonxe.

Eu non sei vós pero estou tan enfandada que non sei que facer con esta xente, e o peor, e que eles deciden sobre nós e as nosas vidas, ¿non vos parece de tolos que alguén a quen non lle importas o máis minimo poda decidir sobre a nosas vidas e propiedades?, unha persoa que coñeza a un galego nunca lle proporía que deixara as suas terras e se fora a comprar outras ou ¿é o que tedes pensado facer? ¿non fostes a outros paises para traer cartos e comprar eiquí?, eles non foron, non saben que na provincia de Ourense si o fixemos, fixémolo porque non había outra opción.

¿vós queredes que se coñeza A Limia polas suas minas ou polas suas patacas? O que prefira as patacas xa sabe onde ten que estar tódolos 27 de cada mes, eiquí diante do museo do entroido, apoiando e axudando, o que prefira a mina que quede na casa e logo que non proteste.

A Xunta está en contra nósa e a favor das minas, ¿non quero ser mala e preguntar para quen e para que son boas? Esa resposta queda a libre imaxinación de cada un.

E postos a pedir porque non nos traen unha empresa que transforme os nosos produtos?, a que lle ibades a decir que si?, ata lle facemos sitio se fai falla!!!

Segundo a lei se os informes son favorables a mina, quere dicir que a empresa ten practicamente a licencia na mao, porque o informe negativo do concello pasan por riba del, así de fácil.

A nosa única oportunidade é a protesta na rúa e que nos oian onde faga falla.

Querevos dicir que os de Corcuesto e Bergantiños, a asociacion galega ContraMINAccion e o Sindicato Labrego Galego mandaron mensaxe de apoio e de axuda para todos nós, hai xente que non nos coñece pero si hai outros moitos que son coma nós e que si saben o que estar na nosa pel. Por elo solidarízanse con nós e mándanos todo o seu apoio.

Damoslle as grazas a aqueles que nos apoian e están con nós, sexa quen sexa.

Se non loitamos agora, os nosos fillos non terán polo que loitar, xa teran a maleta feita.

A decisión e vosa: ou perdemos todo o que temos, ou loitamos polo noso. Como vedes hai xente que decide sobre nós e non sabe nin onde estamos nin que existimos, se queredes defende-lo voso daquela estaredes eiquí o vindeiro 27 de maio para deixar claro que na Limia non queremos minas. A Xunta decide: A MINA OU NÓS.

Colado por eDu

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada