13 mar 2013

Tres historias baixo un mesmo teito.- Reflexións para o Debate

As compas de Todo por Hacer convidanos a reflexionar e debater sobre desfiuzamentos, hipotecas, protestos, oportunismos partidistas, iniciativas lexislativas populares e xeitos de luita neste interesante artigo en tres partes que traducimos e publicamos:

A última porta

Dá igual que estatística utilicemos, ou que consultemos o enésimo estudo que nonseiqué asociación de profesionais elaborou. Non importa. Todos rematan igual, con matices, pero a conclusión final é compartida. O número de suicidios en España aumentou considerablemente dende que o escenario de crise económica se agravou fai xa máis de tres anos. E aínda que saia algún miserable como o senador do PP, Antonio Alarcó, que tratando de negar a relación entre estes casos e a difícil e angustiosa situación económica de moitas persoas, atribuíu a "patoloxías mentais" a responsabilidade do 90% dos suicidios, todos/ás sabemos que tales afirmacións, á parte de ser un exemplo de mesquindade, non se sosteñen por ningún lado. Pero aínda así, inténtano. Sobre todo, a través dos seus medios de comunicación. Como sempre. Omitindo estes casos, ou obviando o contexto de precariedade e asfixia económica, como fixo Televisión Española, ao contar o caso da muller que se prendeu lume no interior dunha sucursal bancaria ao berro de "Quitástesmo todo!". Para que informar de que ese banco pretendía desafiuzala? Non facía falta, ese dato non era relevante, porque esa muller tiña unha "patoloxía mental", imos, que estaba tola.

Unha parella de 68 e 67 anos, do municipio mallorquino de Calvià, que se suicidaron tras coñecer que o banco iniciou o procedemento de execución hipotecaria na sua contra. Ou un home de 55 anos, en Alacant, que foi achado morto pola mesma comisión xudicial e a patrulla da policía que pretendían botarlle da súa vivenda. Ou Francisco José Lema Bretón, de 36 anos, activista do movemento Stop Desafiuzamentos de Córdoba que tras levar anos asfixiado polas débedas, puxo fin á súa vida. Ou Iñaki, veciño de Basauri, cunha ameaza de desafiuzamento tamén presente, que deixou unha nota cunha mensaxe clara, "non podo máis". Foron algúns dos casos que tiveron certa repercusión mediática, exemplos claros onde a desesperada situación económica xogou un factor clave, porque aínda sen coñecer de preto estas realidades, por exemplo, no caso do home de Alacant que se suicidou xusto o mesmo día que ía ser desafiuzado, quen non é capaz de encontrar relación entre estes dous feitos?

É este Sistema quen aperta a corda, pero lles dá igual, porque o espectáculo debe continuar, a pesar do dano que o seu andar vai xerando.

A nós, de momento, quédanos evitar que estas mortes se convertan só en cifras e estatísticas.

Máis alá do portal

O sábado 16 de febreiro tiveron lugar decenas de manifestacións e concentracións por todo o Estado convocadas pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e por outros colectivos vinculados a esta loita, esixindo na súa convocatoria a aprobación das medidas recollidas na ILP que entrou a trámite no Parlamento uns días antes. A multitudinaria asistencia en determinadas cidades conseguiu que a protesta traspasase o muro informativo, facéndose eco do acontecido os medios de comunicación públicos e privados. Pero se salientamos estas manifestacións non é polo alto valor do feito en si a un nivel cuantitativo, senón porque a nosa experiencia en Madrid foi realmente gratificante.

A manifestación deu comezo ás 18:00 na praza de Colón, e dende un primeiro momento, a policía pretendeu que o espazo ocupado por todos/ás os/ás alí concentrados/ás fóra o menor posible, delimitando o percorrido ao carril dereito do Paseo de la Castellana. Para aquelas persoas que coñecedes esta condenada cidade, podedes imaxinar o que esta decisión implicaba: reducir drasticamente a visibilidade da protesta e o seu impacto nunha das arterias principais da capital.

Pero nada máis aterrar, xa se percibía no ambiente, no sentir colectivo, a indignación ante esta medida, por iso, aos poucos metros recorridos, nada máis chegar ao primeiro cruzamento, un grupo de persoas se adiantou e dirixiuse aos seis carrís centrais da Castellana. Inmediatamente, moitos/ás secundamos a iniciativa deste grupo e puxemos rumbo na mesma dirección. E é aquí cando empeza o curioso, porque por un lado, os antidisturbios conseguen frear as primeiras persoas con empuxóns e forcexos, pero cando acudimos o resto, encóntranse completamente superados e impotentes retíranse. Mentres, por detrás, parte da cabeceira da manifestación tratou de frear o impulso da gran maioría dos/ás manifestantes de, literalmente, tomar a rúa. Neste intento recoñecemos a Nacho Murgui, presidente da Federación de Asociacións de Veciños/ás, e a algunhas caras visibles da PAH de Madrid. Simbólico canto menos. Pois tanto a policía coma certos aspirantes ou expertos do activismo profesional, trataron durante uns minutos de evitar que se desbordase a manifestación. Pero foilles imposible. A nota esperpéntica dérona as poucas decenas de persoas que quedaron no carril dereito, mentres o groso da manifestación percorría toda a avenida.

O seguinte foi un pouco o de sempre, se ben, os/as que alí estivemos, compartimos a impresión de que o ambiente se encontraba máis axitado que de costume. As consignas, as expresións, etc., reflectían unha rabia que foi acrecentándose dende as primeiras protestas dende aquel xa afastado 15 de maio. Tras camiñar un anaco apupando ao Concello, lanzando salvas a favor da reinstauración da guillotina, e desprezando abertamente e sen disimulos aos/ás de arriba, encontrabámonos xa próximos ao metro de Sevilla, cando ao noso lado apareceron Beatriz Talegón, nova estrela pop da socialdemocracia española que tras un paripé logrou tal eco mediático que fai dubidar do non tan casual da súa intervención pública acompañada do antigo ministro de Xustiza durante a primeira lexislatura de Zapatero, e que nos últimos anos practicou o nomadismo político ocupando diferentes postos a nivel autonómico, europeo, etc., o señor López Aguilar. Cando fomos conscientes da súa presenza, xa tiñan unha roda ao seu arredor de persoas apupándolles, ao que nos sumamos sen dubidalo. A continuación, a pesar do que contaron certos xornais, nin un grupo de 20 radicais nin nada polo estilo foron os/as responsables do barullo que se montou, pois fomos moitas as persoas que lles berramos, conseguindo así que abandonasen a manifestación escoltados/as pola policía. Logo aconteceu o que xa vimos repetido ata a saciedade, Beatriz marchou chorando, pobre, pero vese que se lle pasou rápido o desgusto pois lle deu tempo a visitar dúas cadeas de televisión antes de media noite. Evidentemente, houbo voces en contra, que cos máis diversos argumentos trataron de poñer fin ao escrache improvisado que tivo lugar, dende o viñemos aquí pola vivenda" ata o xa manido estamos todos/as unidos/as contra o PP", aos cales cremos que sobran os comentarios.

A verdade, é que acabamos a manifestación orgullosas/os de nosas/os compañeiras/os de loita. A demostración colectiva de falta de esquecemento e de rexeitamento ao oportunismo político, conseguiu a expulsión dunha trepa profesional e dun exministro dunha manifestación onde non pintaban nada. O seu partido, o PSOE, cinguíndonos exclusivamente ao tema da vivenda, foi corresponsable da situación actual. Os seus intereses no xogo bancario, a súa política de boicot a medidas que poderían aliviar a situación de moitas familias, etc., colócano ao mesmo nivel que ao resto da clase política, encabezada polo PP, por moito que agora, con estes simbólicos xestos pretendan limpar a súa imaxe para iniciar xa a carreira para retomar a Moncloa.

Ao igual que IU, partido representado en cada multitudinaria manifestación por militantes non tan de base e que conseguiu captar un bo número de activistas da PAH para as súas listas. Respecto a esta xente, hai que ter en conta, que se un partido está ben situado para sacar certa rendibilidade ao actual contexto de cabreo xeneralizado, este é IU, pero máis pola falta de alternativas no arco parlamentario que por méritos propios. Pero, se ben a imaxe pública dos seus representantes políticos apoiando calquera iniciativa popular coa camiseta correspondente, ou con declaracións "incendiarias" no atril do Parlamento, pode aglutinar algunhas persoas, non queremos deixar de recordar as súas decenas de cargos nos órganos de dirección das caixas, o seu apoio faldreiro ao PSOE para concederlle calquera opción de goberno, os votos que contribuíron a sacar adiante a lexislación que penaliza a ocupación, etc.

Pero nós seguimos crendo que non é cuestión de rexeitar a un partido ou a outro sobre a base do listado histórico de traizóns aos nosos intereses colectivos e particulares, senón que dentro da democracia parlamentaria, máis ou menos participativa, nos dá igual, non hai saída posible. A crise actual é a todos os niveis, falamos de crise política, económica, ambiental, social, etc., que require formular cuestións radicais, entendendo radical tal cal, é dicir, cinguíndonos ao seu significado etimolóxico, e globais, pois se ben falamos de diferentes crises, a realidade é que cada unha delas non é máis que a manifestación do Sistema en si en diferentes ámbitos, por iso, unha solución actual pasa por formular unha proposta de loita non meramente económica ou política senón xeral.

O réxime de democracia parlamentaria conseguiu crear a ilusión da participación, a pesar de que vivimos xusto o contrario, unha situación onde realmente renegamos de ser parte activa na toma das decisións que regulan as relacións colectivas. Por iso, para nós, a democracia encóntrase nas antípodas do proxecto político que desexamos construír, que non é máis que aquel protagonizado pola organización horizontal e asemblearia, onde todas as voces resoan por igual e as decisións son froito dun traballo colectivo. E sobre a base disto, aqueles/as que aceptan as regras do xogo da democracia, cremos que contribúen ao fortalecemento do Sistema en si, por moi radical que sexa a súa proposta. Se acabo exercendo o meu dereito a voto por un partido que durante a súa campaña electoral me convenceu coas súas proclamas revolucionarias, se aínda no hipotético caso de que conseguise un resultado importante chegando ao poder e realizase determinadas reformas, o realmente relevante non son as medidas en si, senón o feito de que renunciei a xogar ese papel activo e durante os próximos catro anos, e realmente non vou participar máis na elaboración, discusión e aprobación desas medidas, por moitos referendos, consultas electrónicas ou outras historias que se propoñan.

Por iso, non entendemos a ilusión parlamentaria e os seus argumentos, nós nos quedamos coa loita da rúa, aquela que, inevitablemente, co seu traballo, constrúe poder popular, á marxe das institucións, xerando estruturas propias onde son as propias persoas que ditan as súas regras, ritmos e camiños a seguir. Para todas as persoas que se encontran nesta loita van dedicadas estas liñas, para esas persoas que despois de levar currando todo o día, na universidade ou percorrendo a cidade buscando un maldito posto de traballo, dedican parte desas horas do día que aínda non lles roubaron, a pelexar, a arrepor a esta realidade. Para eles/as van estas palabras e non para aquelas personaxes que xeran certa fascinación pero non fan máis que aquilo para o que os/as están a pagar, por iso, nunca nos veredes subir videos de Alberto Garzón ao Facebook ou onde sexa, preferimos escoitar a nosas/os compañeiras/os de loita, do barrio ou do curro.

Furgando nos caixóns

Non podería esquecérsenos facer mención á ILP presentada no Congreso. A ILP, ou Iniciativa Lexislativa Popular, é unha vía que permite a lexislación actual para que os/as cidadáns/as poidan formular reformas lexislativas no Congreso, iso si, cada proposta debe ir acompañada dun mínimo de cincocentas mil firmas. A continuación, unha vez presentada, o Congreso vota se tela en conta ou non, en caso afirmativo, entra a trámite parlamentario e tras varios pasos formais e un período onde os grupos políticos a discuten e propoñen cambios, chega de novo ao Congreso para que se vote se se aproba definitivamente ou non. A grandes trazos, isto é unha ILP. Pois ben, dende a PAH e outros colectivos, entre eles, non pode esquecérsenos a presenza de CCOO e UGT, iniciouse unha campaña pola aprobación de diferentes medidas como a dación en pagamento, o aluguer social, unha moratoria no tema dos desafiuzamentos, etc. En total recolléronse case millón e medio de firmas, e cando chegou ao Congreso, o PP deu a sorpresa, e contra todo prognóstico, votou a favor de que entrase a trámite. Aínda que este xesto non implica nada relevante, pois o máis seguro é que, ou durante o trámite parlamentario, estas medidas se vexan modificadas, ou que finalmente, os/as deputados/as voten en contra cando chegue o momento, é significativo que o PP tomase esta decisión. Isto, sen dubidalo, non é máis que froito da presión social, e isto ten o seu mérito. Ao igual que o feito en si de recoller case medio e millón de firmas. Témolo que recoñecer. Pero a nosa crítica, encóntrase relacionada co mencionado no anterior punto, canalizar a nosa loita pola vía institucional lévanos a un camiño onde só podemos perder pois xa non somos nós quen marcamos os ritmos, ademais, de quedar vendidas/os nas mans dos/as catro deputados/as correspondentes. O esforzo que se require para presentar unha ILP é inmenso, e é indubidable que moitos colectivos terán tido que sacrificar parte do seu traballo diario para centrarse nesta campaña, que como escribiamos antes, non chegará onde se pretendía, por iso, en termos estratéxicos, aínda que se ben a repercusión mediática foi moi relevante, cremos que segue sendo o traballo de base, a pé de rúa, o que dá os seus froitos. Centrarse noutras vías, implica aceptar as súas regras de xogo.

Poderiamos engadir moito máis, pois é este un debate longo e necesario, pero se nos rematan as liñas, por iso, dende esta humilde publicación invitámosvos a nunca descoidar a reflexión e o debate colectivo sobre cada paso que damos, cada ferramenta que utilizamos, cada decisión que tomamos. Porque o camiño é longo e complexo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario