21 mar. 2013

Maré de solidariedade exixe o translado a Galiza da presa Noelia Cotelo

Foto concentración en Madrid en 14 de febreiro 2013

Pese a que alguén opine que somos insistentes e repetitivxs con o caso Noelia, nós consideramos que a solidariedade nunca está de máis nen é suficinte, polo que publicamos esta moi "completa" crónica de Maria Abelleira no xornal "Sermos Galiza", con declaracións da sua nai, do seu avogado e de activistas solidários da ‘Coordinadora de Prevención da Tortura’ , de 'Nais contra a Impunidade' e da Campaña 'Carcere=Tortura' :

A controvertida historia de Noelia Cotelo, presa galega orixinaria de Arteixo, recluída na prisión de Brieva, volve poñer no ollo do furacán os maos tratos, torturas e vulneración dos dereitos humanos ás persoas presas, no marco do sistema penitenciario do Estado español. Debido a inminente revisión do seu caso por parte da Xunta de Tratamento do penal de Ávila, o colectivo de apoio a Noelia exixe o seu traslado a Galiza “xa”.

Os incidentes denunciados pola reclusa coruñesa arrancaban o día 23 de outubro de 2012 cando, no transcurso dunha conversación telefónica mantida coa súa nai dende o penal de Ávila, foi vítima dunha malleira por parte d@s funcionari@s ao se negar a interromper a comunicación. Segundo refire o parte da denuncia, cunha man rota, Noelia foi levada á cela e esposada á cama e, no transcurso da noite, espertou debido a que un funcionario, de nome Jesús, estaba a lle tocar o corpo.

Tras proferir un berro, segundo relata o seu avogado, Luis Rayuela, o carcereiro reaccionou guindándolle o contido dunha botella de auga á cara para impedir a súa identificación. “Malia que dúas internas declararon ter escoitado o abrir e pechar da porta da cela de Noelia esa madrugada, o Xulgado de Instrución de Ávila rexeitou as súas declaracións e arquivou a causa”, explica o letrado en declaracións a Sermos Galiza. Pola súa banda, o funcionario acusado realizou unha contradenuncia e, amais de non ser sancionado, segue a traballar no módulo de primeiro grado no que se atopa Noelia.

En protesta, e tras se poñer en contacto cos voluntarios da campaña ‘Cárcere = Tortura’, iniciativa de loita e de difusión contra os maos tratos nas prisións, Noelia Cotelo iniciou dúas folgas de fame consecutivas con dúas reivindicacións claras: solicitar o seu traslado á súa terra natal, Galiza, que non pisa dende hai cinco anos e limitar a presenza de funcionarios varóns nos módulos de mulleres Ademais, familiares apoiados por diferentes organizacións presentaron o pasado 25 de xaneiro unha denuncia perante o Valedor do Pobo sobre a grave situación na que se atopa Noelia.

Tal e como relata a súa nai, Lola Riveiro, a consecuencia das folgas de fame, a última das cales tivo que abandonar pola inminente a ameaza dun coma hipoglucémico, “a represión dos funcionarios fíxose insoportábel”. “Limitáronlle as comunicacións con amigos e familiares, recluírona nun módulo de illamento, trasladárona a unha cela sen mantas e cunha fiestra rota en pleno inverno,prohibíronlle continuar os seus estudos e ateigárona de medicamentos para que non protestara”, denuncia a súa nai que, pese a estar de baixa por depresión, sacou folgos para percorrer media Galiza para participar dunhas palestras informativas arredor dos abusos nas cadeas. “Dende que finalizou a folga de fame, non come nada do que lle entregan na cela, só compra algunhas cousas no economato porque senón, debido aos medicamentos que lle introducen na comida, pasaría os días durmindo”, lamenta.

Mulleres tras e diante as reixas

Noelia Cotelo, que entrara no cárcere a principios de 2008 imputada por un delito de roubo estreitamente relacionado co consumo de drogas, padece ademais trastorno de personalidade e neurose nerviosa. Neste senso, Jorge del Cura, membro do ‘Centro de Documentación contra a Tortura’ e voceiro da ‘Coordinadora de Prevención’ alerta que “é habitual que unha persoa que entra na cadea inicialmente por pequenos delitos, vexa a súa pena aumentada cando é contestataria e sexa, consecuentemente, catalogada en primeiro grado”.

Del Cura precisa que “como a cadea é unha institución feita por e para homes”, no estado español só hai tres penitenciarías que teñan un módulo de mulleres clasificadas en primeiro grado: a de Brieva en Ávila, Picassent en Valencia e Albolote en Granada, o que complica o traslado de Noelia a súa Terra. “A cadea vólvese inda máis terríbel para as mulleres porque o machismo que hai na sociedade agudízase en prisión e, tamén, porque @s persoas que máis asisten @s pres@s dende a rúa son fundamentalmente mulleres”, reflexiona. Neste senso, Fran del Buey, membro fundador da asociación preSOS Galiza en 1991 e integrante de ‘Nais contra a impunidade’, afirma rotundamente que “a condición de muller [na cadea] leva aparellada unha dupla carga punitiva, a penitenciaria e a sexual”.

A dispersión: A procura dun duplo efecto

Canto a problemática da dispersión, del Buey lembra que “é un xogo ao que lle gusta xogar a administración, amparada na falta de control por parte dos xuíces de vixilancia penitenciaria” e que procura, di, dous efectos básicos: “No caso de presos e presas proclives a unha actividade política dentro da cadea, a dispersión realízase buscando dobregar o interno por medio do plus de angustia que a distancia da familia e do entorno supón; coñecida é a dispersión dos presos de ETA, GRAPO e Independentista Galegos”. En segundo termo, del Buey chama a atención sobre a “outra dispersión tácita dos mal chamados presos comúns” da que explica que, se ben “non existe unha premeditación tan estudada como no outro caso”, prodúcense “os mesmos efectos perniciosos”.

Tal e como resolve Alba Pérez, activista ourensá da organización ‘Galiza Solidaria’ e integrante do grupo galego de apoio á campaña ‘Cárcere = Tortura’, “se supostamente o obxectivo do cárcere é a reinserción, non ten sentido illar @s pres@s do seu ambiente; a dispersión é un duplo castigo, tanto para el@s como para as familias e, polo tanto, causa duplo sufrimento”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada