20 mar. 2013

[Chile] Texto de familiares de Freddy, Marcelo e Juan

Xa temos falado máis dunha vez deste caso destes tres anarquistas chilenos presos e aínda à espera de xuízo (dende hai xá máis de 3 anos encirrados) por un episodio de expropiación bancaria no que morrera un policia no ano 2007. (ver acá referencias en Abordaxe).

Agora colamos (despois de traducilo) do seu blogue de apoio este texto onde as suas familias dan a sua opinión ao respeito do que consideran un proceso irregular e cheio de falacias e que leva por titular: Vinganza do Estado onde hai "gato encerrado"

Hoxe correspóndenos a palabra como familiares e fontes directas, tras unha angustiante e extensa persecución policial e política, que hoxe vai acontecendo no xurídico nun Estado de dereito que nos involucra nais, pais, irmás e irmáns, fillos e fillas nunha vivencia represiva que non se detivo nin por un segundo mentres uns esquecen, outros descansan ou acomódanse en función de preservar a súa tranquilidade cidadá.

Os feitos por todos coñecidos e acontecidos fai 6 anos e 4 meses: Un atraco a unha entidade bancaria, un posterior enfrontamento, un carabineiro morto.

Non obstante:

. Sabia Vd., que os nosos familiares se pasaron à clandestinade porque, dun momento a outro, os seus rostros apareceron como culpables na T.V. e os diarios da época, ocupando amplos segmentos en noticieiros e reportaxes así como extensos artigos e portadas intencionadas pola Axencia Nacional de Intelixencia e as policías, todo isto durante meses, de xeito ininterrompido.

. Sabia Vd., que a información primaria e enviada dende a intelixencia estatal foi entregada polo tristemente célebre Fiscal Militar Roberto Reveco, recoñecido torturador de antano, en complicidade co branquexado "Xeneral do Pobo", tamén torturador e asasino Alejandro Bernales cuxo discurso de guerra pregoado masivamente sentenciou os nosos familiares a morte.

. Sabia Vd., que Chile foi condenado internacionalmente por ter unha xustiza militar que axuizaba civís, "xustiza" na que se realizou a totalidade da investigación deste caso e que foi traspasada recentemente á "xustiza civil" a través do artigo 8° transitorio.

. Sabia Vd., que non existe nin unha soa proba científica que sitúen no lugar dos feitos aos nosos familiares. Non hai pegadas dixitais, non hai pelos, nin sangue, nin ningún vestixio de ADN dos nosos. Todo o ADN que existe non pertence nin a Freddy, nin a Marcelo, nin a Juan.

. Sabia Vd., que a maior cantidade de recoñecementos é dos mesmos organismos perseguidores, é dicir, os que recoñecen son funcionarios da SIP, o OS9 e Dipolcar, ou sexa todos carabineiros.

. Sabia Vd., que en ningún dos nosos fogares arrasados reiteradamente e coa violencia propia da policía, se encontrou evidencia vinculante cos feitos. Nada!! Nin motos, nin autos, nin armas, nin roupas, nin diñeiro, nin explosivos, Nada!!

. Sabia Vd., que os nosos familiares foron expulsados dende Arxentina cunha petición de asilo humanitario en trámite, pola solicitude e presión do tribunal militar chileno e a administración de Bachelet, formula ocupada polas ditaduras nos 70-80 baixo o sinistro plan cóndor.

. Sabia Vd., que a presunción de inocencia é unha lei que foi sistematicamente violada polas presións políticas do Poder. Os nosos familiares non son responsables ata que se demostre o contrario e aínda cando a reforma procesual penal establece como prazo máximo 2 anos para resolver, levamos máis de 3 anos e 4 meses cos nosos encarcerados e cun proceso que nin sequera chegou á etapa de xuízo.

Estes 8 puntos son un pequeno esbozo da contundencia das irregularidades e falacias coas que se guiou o Ministerio Público para manter en prisión, por unha evidente decisión política do Estado aos nosos familiares.

Aquí non caben dobres lecturas, esta é a vinganza do Poder cara aos nosos que foron coherentes dende a súa adolescencia cunha opción de vida anticapitalista, opción que respectamos e que orgullosamente acompañamos aínda que este traxecto non foi para nada doado, así é cando non se vive a vida das conveniencias, cando se pelexa decididamente pola Liberdade Total.

Hoxe manifestámonos para denunciar esta flagrante manobra do Estado en complicidade cos diferentes tentáculos do Poder para perpetuar o cárcere dos nosos, a vista e paciencia dunha sociedade indolente como na que hoxe vivimos.

O noso amor e compromiso non é temporal, foi forxado co sangue humilde dos que veñen de fogares proletarios e recoñécense na loita rebelde que non ten espazo nin tribuna nos medios de intoxicación informativa, pero que perdura e se estende por onde existan conciencias dispostas a loitar.

Non baixaremos os brazos ata ver os nosos na rúa.
Solidariedade activa cos preso do Caso Security!!


Familiares de Freddy, Marcelo e Juan.
Valparaíso-Santiago-Chile
Finais de Febreiro de 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada