13 feb. 2013

Relatorio de EsCULcA sobre Actuacións Policiais na Marcha ao Centro Penitenciario de TEIXEIRO o día 12/01/2013

EsCULcA (Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades) ven de publicar no apartado "En Destaque" da sua web esculca.net o relatorio sobre as actuacións policiais observadas o pasado 12/01/2013 ao longo da marcha e a posterior concentración diante do penal de Teixeiro en apoio das reivindicacions das persoas presas que se desenvolveron sen incidentes importantes.

Contodo, é preciso salientar que, a pesar de non observarse motivo algun que xustificase esa actuación, no decurso da marcha varias persoas foron identificadas polos axentes que acompañaban o cortexo. Posteriormente, cando o grupo se encontraba nas inmediacións do penal, un dos axentes lanzouse contra varios manifestantes, sen que tampouco nese caso pudese ser observado xesto ou actitude dos manifestantes susceptível de explicar a actuación deste axente.

Por outra parte, constatouse mais unha vez o incumprimento xeneralizado da Instrución 13/2007 (que estipula a obriga de os axentes exibiren en lugar visíbel a placa numérica identificativa), o que leva EsCULcA a recomendar a adopción de medidas en sede disciplinar que procedan contra os axentes infractores e os seus mandos.

Igualmente recomenda EsCULcA ás autoridades gobernativas a revisión dos protocolos de actuación das UIP, por estimar que estas actuacións non se axustan en casos como o que aquí se refere aos principios de necesidade e proporcionalidade de acordo coa interpretación que deles vén facendo a xurisprudencia, e poñan especial mesura no deseño dos operativos policiais de custodia do dereito de manifestación, evitando a presenza deUIPs agás nos casos en que houber datos fundados de perigo de producirense alteracións graves da seguridade cidadá ( artigo 16 LO 1/92 de protección da seguridade.

Clicando en "leer más" tendes acesso a leitura íntegra do Relatorio ou ben clicando acá tedelo en formato pdf.

Antecedentes

EsCULcA (Observatório para a Defensa dos Direitos e Liberdades) vén constatando con preocupación as restricións que na Galiza está a padecer o exercicio do dereito de reunión e manifestación consagrado no artigo 21 da Constitución de 1978. Son varias as Resolucións Administrativas da autoridade gobernativa que no último ano deron unha interpretación estrita deste dereito de configuración constitucional e dos mínimos requisitos que para o seu exercicio impón a LEI ORGÁNICA 9/1983. Así, ditáronse acordos prohibindo concentracións por estas teren sido comunicadas fóra de prazo, mesmo no caso en que a causa de urxencia da convocatoria era patente.

Son numerosos tamén os expedientes sancionadores incoados nos últimos anos ao amparo da lei de seguranza cidadá a participantes en concentracións e manifestacións.

É neste contexto como ESCULCA, en exercicio das suas finalidades estatutarias, decide emprender un traballo de observación en determinados actos, manifestacións ou reunións celebrados ao longo do país, para comprobar se se observa o escrupuloso respecto ao dereito constitucional que plasma unha das formas de participación directa da cidadanía no exercicio da acción política. Neste mesmo contexto, e co propósito de documentar as irregularidades que eventualmente viñeren producirse para poder dar conta delas, EsCULcA decide elaborar en cada caso un relatorio que recolla todas as incidencias observadas directamente e incorporar en apéndice aqueloutras, anteriores ou posteriores ao desenvolvemento do acto en si, de que tiver constancia. Estes relatorios son enviados posteriormente aos portavoces dos tres grupos do Parlamento Galego, ao Valedor do Pobo, á oficina do Defensor del Pueblo así como a organismos e observatorios europeos, deputados galegos no Congreso e no Parlamento Europeo e medios de comunicación social.
__________________________________

Marcha e concentración

Convoca:


A concentración, convocada para as 12,30 horas do día 12 de xaneiro 2013, inicia o seu percorrido desde o surtidor de gasolina sito no km. 663 da N-664. O obxectivo é mostrar solidariedade coas persoas presas e protestar polas condicións de vida no penal centro penitenciario.

Participan unhas oitenta persoas. Unha equipa de EsCULcA composta por oito persoas, previa comunicación á Delegación do Goberno na Galiza (anexo I), observa o desenvolvemento do acto.

Dispositivo policial e desenvolvemento da concentración

Catro vehículos da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, máis un quinto vehículo dos usados como radares, coas respectivas dotacións, están situados diante do surtidor de gasolina.

Dúas representantes de EsCULcA achénganse a unha das dotacións para identificárense como observadoras e facer entrega da comunicación feita á Delegación do Goberno, entrega que é rexeitada.

O xefe do operativo achégase á cabeceira da marcha e solicita o nome dos responsábeis da convocatoria.

A marcha iníciase sobre as 12.45, ocupando un único carril, dirección Uviéu, precedida e seguida por coches da Garda Civil de Tráfico que fan de parapeto dos manifestantes e ralentizan o tráfico. O percorrido até o CP dura uns trinta minutos e transcorre sen incidentes.

Non se permite ao grupo o acceso á esplanada do centro e este pára perante o primeiro sector do valado.

Obsérvase un elevado movemento das dotacións policiais, que varian dunha a oito no transcurso da manifestación.

Os primeiros corenta minutos transcorren sen incidentes e fica un único vehículo cunha dotación de catro axentes, tres homes e unha muller, entre os que está o xefe do operativo.

No transcurso da manifestación, os axentes deciden identificar varios dos participantes, motu proprio, sen mediar causa aparente.

Os observadores de EsCULcA achéganse ao xefe do operativo e indicanlle que non ten visíbel o número de identificación, ao igual que o resto dos axentes presentes no operativo. Este aparta o chaleque antidisturbios e mostra o seu número. Ningún axente máis o mostra. Nese momento o xefe do operativo afirma que a partir daí considera os observadores de EsCULcA parte da manifestación e píde identificación a duas observadoras. Fáiselle saber que non participan na manifestación senón que actúan como observadoras e que así consta na Delegación do Goberno.

A trinta minutos das dúas da tarde, un dos axentes lánzase contra os manifestantes, sen que se teña constancia do motivo, e prodúcese unha alteración. Acude outro axente. Os dous con apoio doutra axente tentan deter uns dos participantes da marcha de xeito aleatorio e indiscriminado. Finalmente non levan a cabo as detencións. Durante este suceso aparecen outros catro vehículos policiais coas correspondentes dotacións e os axentes que preparan a equipa antidisturbios.

Debido a estes acontecementos a responsábel do evento desconvoca a manifestación, e esta disólvese sen máis incidencias.

Observacións


Continuamos a constatar un incumprimento reiterado da Instrucción 13/2007 por parte dos axentes das forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Observamos que as funcións dos Corpos de Seguridade do Estado resultan desvirtuadas pois non se cumpre a misión recollida no artigo 11.1 da Ley Orgánica 2/1986 de 13 de Marzo de Forzas e corpos de seguridade do Estado de protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades , sendo o de reunión e manifestación unha mostra primordial dos dereitos fundamentais. A actitude dos axentes cohibe, coarta e perturba o libre exercicio deste dereito, quedando así valeiro de contido o artigo 3.2 da LO 9/1983 de 15 de xullo reguladora do Dereito de Reunión que estabelece que a autoridade gobernativa protexerá as reunións e manifestacións frente a quen tratar de impedir, perturbar ou menoscabar o lícito exercicio deste dereito.

Recomendacións

1. Apesar das numerosas denuncias que provoca o reiterado incumprimento da Instrución 13/2007 por parte dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, non se constata avance ningún que permita albergar esperanzas de que nun futuro próximo se producirá o necesario cambio de actitude nos funcionarios encargados de facer cumprir a lei. Para corrixir esta situación, EsCULcA propón que se adopten as medidas en sede disciplinaria que procedan contra os axentes actuantes e os seus mandos.

2. Perante a notoria desproporción entre o dispositivo despregado e o número e actitude dos manifestantes, EsCULcA recomenda que as autoridades gobernativas revisen os protocolos de actuación das UIP, por estimar que actuacións como as descritas non se axustan aos principios de necesidade e proporcionalidade de acordo coa interpretación que deles vén facendo a xurisprudencia, e poñan especial mesura no deseño dos operativos policiais de custodia do dereito de manifestación, evitando a presenza de UIPs agás nos casos en que houber datos fundados de perigo de producirense alteracións graves da seguridade cidadá ( artigo 16 LO 1/92 de protección da seguridade cidadá), o que, alén de constituír unha medida proporcionada para garantir un exercicio do dereito de manifestación sen cortapisas, tería un efecto beneficioso na xestión orzamentaria das unidades policiais.

Galiza, 11 de febreiro 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada