11 dic 2012

Queixa de ESCULCA .- Graves deficiencias no penal da Lama


Recollemos da web de ESCULCA esta queixa ao respeito da situación deste penal galego:


As graves deficiencias na asistencia sanitaria e de infraestruturas no CP da Lama -onde non hai infraestruturas adecuadas para as horas reservadas ao lecer, faltan programas de actividades e a atención odontolóxica e psiquiátrica é pésima- motivou que EsCULcA enviase escrito de queixa ao director do penal e a Defensoría del Pueblo.

A queixa foi presentada o 10 de decembro e nela descríbense as deficientas observadas no decurso dun exame rotineiro dos centros penais ubicados na Galiza realizado polo Observatório.

“En materia de infraestruturas, os penados que se achan clasificados en primeiro grao, réxime de vida pechado, segunda fase, modulo XV, durante o tempo que gozan reglamentariamente de patio (catro horas) teñen acceso a un patio descuberto, o que determina que, dada a climatoloxía de Galiza no inverno, o gozar do tempo de “patio” se vexa ás veces impedido, sen que se teña instalado algunha estrutura material para impedir as adversas condicións climatolóxicas. A posibilidade de pór a disposición dos penados unha sala interior en substitución do patio nos devanditos días de climatoloxía adversa tamén foi recusada. Estes feitos, se graves en calquera colectivo penado, sonno máis naqueles penados cuxo réxime de vida comporta unha limitación de actividades en común, dado que estás á súa vez ven restrinxidas polas deficiencias estruturais para a súa goce, coa negativa incidencia no tratamento dos penados. Quere destacar o noso Observatorio que a aposta da Institución Penal polos chamados “módulos convivenciais ou de respecto” non debe facer esquecer as necesidades tratamentais do conxunto de penados e, sinaladamente, daqueles en primeiro grao de tratamento.

Igualmente, o noso Observatorio tivo coñecemento de que non hai un programa de actividades para os presos clasificados en primeiro grao de tratamento, concretamente, os que se achan no citado módulo XV. Ausencia dun programa de actividades que ten unha indubidábel repercusión negativa nos presos que, polo seu grao de clasificación, mais precisados están de actividades tratamentais.

En materia de asistencia sanitaria, recibimos queixas en relación á asistencia sanitaria, en concreto, sinalando listas de espera de meses para consulta con psiquiatra e odontólogo. Ignora o noso Observatorio o sistema de prestación de servizos destes profesionais (convenio co SERGAS, convenio privado ,...) mais en todo caso, non é de recibo que persoas sen ningunha alternativa sanitaria sufran listas de espera de meses para consultar cos citados profesionais. Non cabe descoñecer o elevado número de penados que teñen pautada medicación psiquiátrica, así como a frecuencia con que os médicos de asistencia primaria da Sanidade Penal modifican as citadas pautas, polo que unha asistencia especializada puntual devén esencial e de non existir, supón unha efectiva denegación do dereito á saúde da persoa presa.

Á vista destas graves deficiencias, EsCULcA solicita da Defensoría del Pueblo a incoación do pertinente expediente para que sexan investigados os feitos obxecto da queixa e lle sexan notificadas as resolucións que veñan a adoptarse.

No hay comentarios:

Publicar un comentario