20 ago. 2012

Dous anos de condena para as tres membros de Pussy Riot procesadas pola performance na catedral de Moscú


Malia que non faga ningunha falla, pois xa se encargaron os medios comerciais de difundilo a bombo e prato, imos dar conta da sentenza contra o grupo ruso de punk (e de "guerrilla da comunicación") Pussy Riot. Máis que nada por rematar de cubrir unha noticia da que vimos informando dende hai tempo (ver AQUÍ, AQUÍ e AQUÍ), pois non cremos que poidamos aportar xa moito máis a unha noticia da que os "mass media" se serviron cual voitres dun cadáver en descomposición (aínda que, supoñemos, esa era a intención de todo este asunto).

Bueno ao grano, o caso é que as tres activistas de Pussy Riot procesadas pola "performance" dentro da Catedral de Cristo Salvador de Moscú, onde cantaron un tema contra Putin e contra a connivencia da igrexa ortodoxa co seu goberno, foron condenadas a dous anos de prisión por "vandalismo motivado por odio relixioso". As tres membros da banda, formada por máis de dez persoas, levaban na cadea dende marzo e xa denunciaran malos tratos durante a detención.

Pussy Riot, como supoño que a estas alturas xa saberá todo cristo, son un grupo de provocación política, feminista e antiautoritario, que utiliza a apariencia de banda de punk femenina para realizar as súas intervencións públicas, que son grabadas e colgadas en internet. Durante as seis performances realizadas ata a data de hoxe, que se corresponden con outras tantas provocadoras cancións, cantan os seus temas en emblemáticos lugares públicos ocultando os seus rostros baixo pasamontañas de cores.

As tres activistas detidas estiveran relacionadas no pasado co grupo de arte Voina (do que xa falamos neste blog -AQUÍ), dedicado tamén a intervencións "artisticas" de provocación política como pintar un cipote xigante nunha ponte levadiza fronte ao edificio da antiga KGB, dar a volta a sete coches da policía ou tapiar un restaurante co máis selecto da aristocracia de Moscú no seu interior. Concretamente participaron nunha acción dentro dun xulgado na que un improvisado grupo de punk cantou cancións contra a policía reventando un proceso contra os promotores dunha exposición artística que, curiosamente, tamén os xulgaban por provocacións á igrexa. Probablemente aquela acción fose o xerme que deu vida ao proxecto Pussy Riot.

Non obstante, o grupo Voina (guerra en ruso) rompeu con polo menos unha das tres activistas agora sentenciadas xa dende o ano 2009. Malia que Nadia participou no grupo dende a súa creación, e estivo nalgunhas das súas accións máis significativas, como a orxía no Museo Biolóxico de Moscú ou en varias das múltiples intervencións en supermercados, as relacións cos seus antigos colegas atópanse moi deterioradas.

O rebumbio mediático acadado coa sentenza destas tres mozas activistas, pois ningunha supera os trinta anos, conseguiu granxearse o apoio de Amnistía Internacional, Human Rights Watch e de numerosos personaxes da política e o "artisteo" internacional como Madonna, Bjork ou Paul McCartney. Ao xadrecista Gari Kasparov, sempiterno opositor do status quo ruso, pídenlle agora cinco anos de cárcere por supostamente morder a un policía mentres o detiñan nun acto de apoio a Pussy Riot.

O grupo adicou un dos seus seis temas a Piotr Kropotkin, o que amosa a súa simpatia coas ideas libertarias.

Redactado por C.R. con información da prensa comercial, das páxinas de apoio do grupo -AQUÍ e -AQUÍ, e de múltiples sitios de internet, do que destacamos este artigo en inglés de "Anarchistnews" (-AQUÍ) no que falan das súas cancións.


No hay comentarios:

Publicar un comentario