12 jul. 2012

Cargas e detidxs á chegada da marcha mineira a Madrid. Momentos de tensión na concentración de apoio de Coruña


A prensa comercial fala de máis de 70 feridos e 17 detidxs nas protestas relativas á chegada da Marcha Negra á cidade de Madrid. Oito arrestos producíronse na Castellana, fronte ao ministerio de traballo, onde a manifestación rexistrou enfrontamentos cos antidisturbios que protexían o edificio; os outros nove ao finalizar unha protesta solidaria convocada polos movementos sociais esa mesma tarde, onde, tras o desaloxo dos manifestantes da praza de Sol, se levantaron barricadas nas rúas estremeiras.

--------------------------------------------------------------------------------
Por outra banda, a protesta convocada en solidariedade cos mineiros pola coordinadora "A Coruña en loita" reuniu máis de dúas centenas de persoas fronte á delegación do goberno da cidade herculina. A concentración transcorreu da forma máis tranquila posible e sen baixar da beirarrúa ata que, unha vez rematada oficialmente, gran parte dos asistentes se desprazaron ata a veciña sede do Partido Popular. Alí os manifestantes si que cortaron tres carrís dunha das arterias máis importantes da cidade, mentres coreaban consignas contra a crise, o partido popular e as forzas represivas, así como en favor da loita mineira. Abucheouse e botáronse petardos aos endomingados concorrentes das devanditas oficinas cando abandonaban o edificio e se mantivo o tráfico cortado durante preto de media hora. Transcorrido ese tempo a policía despexou a calzada, polo que se viviron momentos de tensión, con empuxóns, insultos e algún intento de detención. Tras outro longo anaco na beirarrúa, a protesta disolveuse pouco a pouco sen que as fontes presenciais consultadas soubesen de ningunha detención. Non obstante a páxina contrainformativa "Diario Liberdade" (de onde nós sacamos a foto) si que anuncia unha detención e algunhas identificacións. O mesmo medio informa tamén doutras concentracións solidarias en Compostela, Vigo ou Ferrol.

Información extraída de :
-No tacante a Madrid, da prensa comercial e de este seguimento de "La Haine" (AQUÍ), de onde sacamos o video.
-Sobre a concentración de A Coruña, de fontes presenciais moi achegadas a esta redacción e de esta nova de "Diario Liberdade" (AQUÍ), aos que tamén lles debemos a foto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario