Recollemos (e traducimos) da web do colectivo arxentino NPH (Nuevo Proyecto Histórico) este artigo escrito en 2002 sobre os feitos acaecidos en Chicago en 1886 que deron orixe à celebración Internacional do 1º de Maio:
A idea Chicago (Manifesto de 1886)
O primeiro de maio non é nengunha festa do traballo, como nos fixo crer a liturxia do movimento obreiro reformista fordista ou a mesma igresia ou, incluso, certos partidos da esquerda anacrónica. Se hai algo de festivo é contra o traballo posfordista. Abolir a forma asalariada do traballo. Non é unha inxenuidade anarquista, nen o mito do bo salvaxe. Asín como o traballo é o motor central da historia, que permitiu dominar a natureza e modificar as nosas propias capacidades, agora debemos liberarnos da penúltima escravitude, do traballo asalariado, como unha necesidade de supervivencia do movimento. O Capital-Parlamentarismo é o momento histórico no cal esta contradicción ten a posibilidade de ser superada. Debe ser unha xornada similar a unha folga salvaxe, un día antagonista.
Todos máis ou menos sabemos a historia. Primeiro de Maio de 1886. Un xornal de Chicago informa: "Non saía fume das altas chimineas das fábricas e talleres; e todo tiña un ar dominical". O “Philadelphia Tribune” escrevera: "Ó elemento obreiro picouno unha especie de tarántula universal... `alocouse'". En Detroit, 11.000 traballadores marcharon nun desfile de oito horas. En New York, unha marcha con antorchas de 25.000 obreiros pasou como torrente de Broadway a Union Square; 40.000 fixeron folga. En Cincinnati, un traballador describiu o mitin inicial: “So levamos bandeiras vermellas... a única canción que cantamos foi `Arbeiters Marseillaise'... un batallón obreiro de 400 rifles Springfield encabezou o desfile. Era a Leher und Wehr Verein, a sociedade protectora e educacional de obreiros aguerridos.... Todos esperábamos violencia, supoño”. En Louisville, Kentucky, máis de 6000 traballadores, negros e brancos, marcharon polo Parque Nacional violando deliberadamente o edicto que prohibía a entrada de gente de cor. En Chicago, o baluarte da rebelión, canto menos 30.000 obreiros fixeron folga. Todos os trens pararon, os currais de gando pecháronse, os peiraos estaban repletos de barcazas cheas de carga. Aos líderes conservadores empurráronos á periferia. Un grande columna de proletarios e familias, en roupa de domingo, encheu a avenida Michigan. Un incidente crítico aconteceu na planta de McCormick Reaper. Os patróns pecharon a planta dende mediados do verán aos traballadores sindicalizados e a policía levaba a diario grupos de crebafolgas.
O 2 de maio Spies, esgotado, presentouse para dar un dos seus moitos discursos ante os traballadores reunidos no campo. Mentres un grupo de 6000 ou 7000 traballadores escoitaba, uns cantos centenares foron a confrontar os crebafolgas que nese momento saían da planta. Do “Arbeiter Zeitung” do 4 de maio: "De súpeto, oíronse disparos preto da planta de McCormick e máis ou menos setenta e cinco asasinos robustos, grandotes e ben comidos, ao mando dun tenente gordo de policía, pasaron, seguidos por tres vagóns cheos de bestas da orde pública. No medio dunha batalla de pedras dos obreiros e as balas da policía, os traballadores de súpeto dispersáronse e fuxiron. Nas costas explotáronos balas. Polo menos dous traballadores caeron mortos; moitos quedaron feridos, entre eles moitos nenos". En cousa de horas un volante, escrito polo iracundo Spies, circulaba nos tugurios da clase obreira. "OBREIROS, ÁS ARMAS!!!"; proclamava: "Os seus amos desataron os seus sabuxos (a policía) e mataron seis dos seus irmáns en McCormick esta tarde. Mataron aos desafortunados porque eles, como vostedes, tiveron o valor de desobedecer a vontade suprema dos seus patróns.... Alzaranse en masa, como Hércules, e destruirán o nefando monstro que busca destruílos. Ás armas, chamamos ás armas!".
Ao día seguinte, o 3 de maio, o crecemento da folga era "alarmante". No movemento participaban máis de 340.000 traballadores por todo o país, 190.000 deles en folga. En Chicago, 80.000 facían folga. Cando centenares de costureiras se lanzaron á rúa para sumarse ás manifestacións, o Chicago Tribune berreó: “Amazonas bravas!”. Neste momento candente, o “Arbeiter Zeitung” fixo un chamamento á loita armada, como sempre o fixera, salvo que agora tiña un claro ton de urxencia: “O sangue verteuse. Aconteceu o que tiña que acontecer. A milicia non estivo a adestrarse en van. Ao longo da historia, a orixe da propiedade privada foi a violencia. A guerra de clases chegou… Na pobre choza, mulleres e nenos cubertos de retallos choran por marido e pai. No pazo fan brinde, con copas cheas de viño custoso, pola felicidade dos bandidos sanguentos da orde pública. Séquense as bágoas, pobres e condenados: anímense escravos e tomben o sistema de latrocinio”. Nas salas de reunión dos proletarios, ruxían intensos debates; o tigre capitalista efectivamente atacara e miles debatían como responder. Aparentemente, importantes faccións querían unha insurrección. Convocouse unha reunión popular na praza Haymarket para a noite do 4 de maio. Preocupados pola posibilidade dunha emboscada, os organizadores escolleron un lugar aberto e grande con moitas rutas de escape. Despois dunha acalorada disputa, Spies convenceu os organizadores de Haymarket de que retirasen o seu chamamento a un mitin armado e que, no seu lugar, celebrasen o mitin co maior número de asistentes posible.
A mañá do 4 de maio, a policía atacou unha columna de 3000 folguistas. Por toda a cidade se formou grupos de traballadores. Ao atardecer, Haymarket era unha das moitas reunións de protesta, con 3000 participantes. Os discursos seguiron, un tras outro, dende a parte de atrás dun vagón. Ao comezar a chover, a reunión disolveuse. De súpeto, cando soamente quedaban 200 asistentes, un destacamento de 180 policías, fortemente armados, presentouse e un oficial ordenou dispersarse. Respondéronlle que era un mitin legal e pacífico. Cando o capitán de policía se volteou para darlles ordes aos seus homes, unha bomba estalou nas súas filas. A policía transformou a Haymarket nunha zona de lume indiscriminado, descargando salva tras salva contra a multitude, matando varios e ferindo 200. No barrio reinaba o terror; as farmacias estaban apiñadas de feridos. A clase dominante usou este incidente como pretexto para desatar a súa planeada ofensiva: nas rúas, nos tribunais e na prensa.
Os xornais, en Chicago e por todo o país, volvéronse tolos. Demandaron a execución instantánea de todo subversivo. Os titulares bramaban: Brutos sanguentos, Rufiáns vermellos, Ondean bandeiras vermellas, Dinamarquistas. O Chicago Tribune escribiu o 6 de maio: “Estas serpes quentáronse e alimentaron baixo o sol da tolerancia ata que, ao final, se encoraxaron para atacar a sociedade, a orde pública e o goberno”. O Chicago Herald do 6 de maio: “A chusma que Spies e Fielden incitaron a matar non son americanos. Son a fez de Europa que veu a estas costas para abusar da hospitalidade e desafiar a autoridade do país”. O 5 de maio en Milwaukee a milicia do estado respondeu cun masacre sanguento dun mitin de traballadores; balacearon a oito traballadores polacos e un alemán por violar a lei marcial. En Chicago, unha operación anciño encheu os cárceres de miles de revolucionarios e folguistas. Para describir os interrogatorios, algúns historiadores usaron a palabra tortura. Os grupos de caza usaron listas de subscrición. Entraron á forza a salas de reunión e casas, destruíron prensas obreiras. Arrestaron a todo o equipo de imprenta do Arbeiter Zeitung. A policía exhibiu todas as probas que se precavira de encontrar: municións, rifles, espadas, porras, publicacións, bandeiras vermellas, pancartas axitadoras, chumbo a granel, moldes de balas, dinamita, bombas, instrucións para fabricar bombas, campos subterráneos de tiro ao branco.... A prensa fixo moito escándalo sobre cada descubrimento. Fronte a esta salva de ataques, a folga xeral desintegrouse. O liderado dos traballadores de inclinacións revolucionarias estaba nas poutas da burguesía. A clase dominante abriu un gran xurado en Chicago a mediados de maio. A acusación: asasinar un policía que morreu en Haymarket.
Todos os acusados eran membros prominentes da IWPA: August Spies, Michael Schwab, Samuel Fielden, Albert R. Parsons, Adolf Fischer, George Engel, Louis Lingg e Oscar Neebe. Evidentemente, o xuízo foi un linchamento legal. O xuízo celebrouse sen ningunha proba de participación no incidente da bomba. Soamente dous dos oito acusados estaban presentes na reunión onde estalou. Xulgáronos polo crime de dirixir os oprimidos, nin máis nin menos. Resumindo os seus principios revolucionarios ante o tribunal. Spies concluíu con estas palabras: “Ben, estas son as miñas ideas.... se vostedes pensan que poden borrar estas ideas que están a gañar máis e máis partidarios co paso de cada día, se vostedes pensan que poden borralas aforcándonos, se unha vez máis vostedes impoñen a pena de morte por atreverse a dicir a verdade e rétoos a mostrarnos cando mentimos, digo, se a morte é a pena por declarar a verdade, pois, obriga de pagamento con orgullo e desafío o alto prezo! Chamen ao verdugo!". Lingg, de 21 anos, chuspiu con desafío: “Repito que son inimigo da 'orde' de hoxe e repito que, con todas as miñas forzas, mentres teña alento para respirar, o combaterei… Desprézoos. Desprezo a súa orde, as súas leis, a súa autoridade apuntalada pola forza. Afórquenme por iso". Os sete foron condenados a morte.
Xurdiu un gran movemento para defendelos; celebráronse mitins por todo o mundo: Holanda, Francia, Rusia, Italia, España e por todo Estados Unidos. En Alemaña, a reacción dos traballadores sobre Haymarket perturbou tanto a Bismarck que prohibiu toda reunión pública. Ao aproximarse o día da execución, cambiaron a sentenza de dous dos condenados a cadea perpetua. Louis Lingg apareceu morto na súa cela: un fulminante de dinamita vooulle a tapa dos miolos. Non se sabe se isto foi un acto final de desafío; non obstante, se rumoraba que lle ían suspender a execución, así que é probable que a súa morte fose un asasinato. O 11 de novembro, denominado logo o "Venres negro", foi o día programado para a execución. Os xornais de Chicago vibraban con rumores de que ía estalar unha guerra civil nas rúas. O medio millón de persoas que asistiron ao cortexo fúnebre é testemuño de que o nerviosismo da burguesía era xustificado. E parece que se propuxeron plans de atacar o cárcere. Non obstante, os condenados fixeron que os seus compañeiros prometesen non levar a cabo tales "actos temerarios". Ao mediodía, catro homes (Spies, Engel, Parsons e Fischer) presentáronse ante a forca, con togas brancas. Spies falou, mentres lle cubrían a cabeza coa carapucha: "Chegará un tempo en que o noso silencio será máis poderoso que as voces que vostedes estrangulan hoxe". Parsons berrou: "Permítame falar, sherif Matson! Que se oia a voz do pobo...". O nó corredizo apertouse silenciándoo.
Dada a xenealoxía, o 1º de Maio non debe ser entendido nin como o día do Traballo, nin do Traballador, ilustres feriados impostos por Hitler e Stalin, senón xornada de loito e reprimenda, de rebelión e valorización popular. O primeiro de Maio é o día do rexeitamento ao traballo. Festa, pode ser, pero revolucionaria.
Os lemas que unha e outra vez aparecían nas pancartas e insignias do 1º de Maio: os Tres oitos (oito horas de traballo, oito horas de esparexemento, oito horas de sono), "Liberdade, Igualdade e Fraternidade" e “Traballadores de todo o mundo, unídevos!”, estaban circunscriptos ao obreiro semiprofesional e artesanal da época. Non obstante, tras eles estaba algo máis grande e menos definible, marcas do instinto social da multitude, tipificado polos dous símbolos que, á marxe da vella iconografía reformista e stalinista, sobreviviron máis duradeiramente: a bandeira vermella e o sol nacente da utopía constituínte.
NOTA.- O Arbeiter-Zeitung foi un xornal anarquista escrito en alemán, creado en Chicago en 1877 polos veteranos da gran folga de ferrocarrís dese ano. Foi o primeiro xornal da clase obreira en Chicago que se mantivo en activo durante un período significativo de tempo, financiábase grazas ás achegas dos lectores. Nas revoltas de 1886 as oficinas do xornal foron asaltadas e os seus discursos e escritos foron utilizados como probas principais para colgar os autores anarquistas. O editor do xornal August Spies e un tipógrafo deste, Adolph Fischer, foron executados na histeria posterior ás detencións. Quen era xerente do xornal Oscar Neebe e o asistente do xefe editorial Michael Schwab foron sentenciados a morte, aínda que máis tarde foron indultados.
19 abr 2012
Sementando para o 1º de Maio .- A Idea Chicago
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
estaría bonito ver polo blogue antes do 1 de maio algun texto contra o traballo, por iso de que ides de acratas e tal....
ResponderEliminarCalma, tudo virá...
ResponderEliminarAlém convidasmo-te a ti amigx anónimx a que fagas tu o teu contributo ao respeito (se é que tu também vas de acrata e tal) e no-lo envies ao correio de abordaxe que podes atopar arriba a direita (segundo miras a pantalha).