16 abr. 2012

O xulgado falla en contra dos sancionados pola Marcha a Teixeiro de hai dous anos

Xa é oficial e irreversible, o prolongado víacrucis administrativo polo que penosamente desfilaron os solidarios que hai dous anos se manifestaron contra o cárcere de Teixeiro chegou ao seu fin. O xulgado do contencioso administrativo n.º 3 da Coruña desestima os recursos interpostos, polo que considera culpables de "desordes graves na vía pública" aos poucos manifestantes que chegaron ata o final do proceso. Xa non cabe recurso ningún e a sanción de 300,52 euros pasará a facenda, nalgún caso a este diñeiro hai que engadirlle, ademais, as costas do proceso.

Neste caso (a mani do 2009) só 12 das máis de 40 denuncias resistiron ata o fin do proceso, do mesmo xeito que as sancións polas inexistentes desordes diminuíron de 500 a 300 euros. Isto debeuse a que as identificacións na súa maioría se efectuaron en controis de estrada a varios quilómetros do lugar dos feitos (mesmo multaron algún carcereiro), polo que ao longo do proceso moitos dos sancionados se foron descolgando ata quedar só aqueles máis coñecidos para as forzas da orde.

Malia as múltiples irregularidades e á inexistencia real de graves desordes públicos, supostamente baseados no corte do tráfico, a queima dun cárcere de cartón e o lanzamento dos habituais petardos e bengalas (ao aire, non vaian vostedes a pensar..., aínda que en vistas do visto mellor tivese sido tirárllelas aos picolos á cabeza), agora a xustiza ratifica as mentiras contadas polos seus esbirros uniformados sobre a base da súa suposta "presunción de veracidade". Non esperabamos menos de tan nefasta institución criminal.
Recordamos que naquela ocasión máis de 20 rodas dos coches dos manifestantes apareceron picadas ao final do evento, polo que as sancións que agora se farán efectivas teñen un plus de asañamento e sádica aleivosía contra aqueles que ousaron solidarizarse cos represaliados do sistema. (Novas neste blog aquí e aquí)

Desgraciadamente a marcha do seguinte ano foi gravada polos picoletos, para dese modo ter un rexistro de todos os presentes e que non se lles escape ningún dos 51 sancionados que agora continúan arrastrándose pola tortuosa senda contencioso administrativa. (Nova neste blog aquí)

Na marcha do último ano, malia a legalización do evento, optaron polas multas de tráfico e pola creatividade sancionadora para non deixar impune a nosa imperdoable falta de submisión estatal e fervor democrático.(Nova neste blog aquí e aquí)

C.R.

No hay comentarios:

Publicar un comentario