10 mar. 2012

31 de Marzo (M31) día de acción contra o capitalismo (Europa)

Facémonos eco da convocatoria internacional para converter o 31 de Marzo nun día de acción europeo contra o capitalismo. O chamamento parte de diversos grupos e organizacións autónomas, anarquistas, anarcosindicalistas e antifascistas de varios países europeos que reunironse en Frankfurt a primeiros de decembro. O único grupo do estado español que asistiu a esa reunión e que figura entre os grupos adeheridos é, polo de agora, a C.N.T., ainda que a convocatoria non esta pechada.

Páxina do M31 aquí.
Articulo sobre a reunión de Frankfurt en "Alasbarricadas" aquí.

Achegamos aquí o manifesto despois de traducilo ao galego dende a web do M31:

Día de acción europeo contra o capitalismo

Europa e a Unión Europea atópanse en estado de alarma. Nos últimos meses, agraváronse a contracción do crédito e a crise da zona euro, e en repetidos cumios europeos aprobáronse medidas de urxencia co fin de rescatar o capitalismo. Segundo os políticos e os medios de comunicación, as devanditas medidas son indispensables para evitar o colapso, a recesión e unha maior pobreza. Se non nos defendemos, esta retórica catastrofista pavimentará o camiño para reformas neoliberais do mercado que terán un impacto social nas próximas décadas. Durante os primeiros anos da crise, díxose que o capitalismo debía regularse, que os bancos e as grandes empresas debían pagar parte do custo da crise da cal eles mesmos eran responsables. Non obstante, acontece todo o contrario: a Unión Europea, os seus estados membros e os países candidatos cifran as súas esperanzas nunha maior "competitividade" e en medidas de austeridade brutais para garantir a "confianza" e os beneficios privados. Pero, precisamente así, confirman a lóxica destrutiva do sistema capitalista. O capitalismo é crise e impotencia, é pobreza no medio de riqueza privada. Organicémonos para construír unha sociedade mellor!

A crise é sistémica
A globalización capitalista das últimas décadas agudizou a competitividade entre as empresas e as economías nacionais. Todos os países industrializados desregularon os seus mercados de forma sistemática, recortado en seguridade social e en dereitos laborais, privatizado bens públicos e reforzado os medios de control social, todo iso para favorecer un crecemento capitalista desenfreado. Mesmo en Europa a nosa vida se volve cada vez máis insegura e a brecha social afóndase. Nos chamados "mercados emerxentes" rexe unha crise social permanente, manifestándose en expropiacións e unha desapiadada explotación co apoio do estado, cuxa meta é un crecemento nacional da economía que beneficie soamente aos privilexiados. A transformación neoliberal das últimas décadas permitiu tamén a efervescencia dos mercados financeiros. Xa sexa o boom das punto-com, os fondos de investimento inmobiliarios e os derivados financeiros, as burbullas especulativas estouparon unha tras outra; a todo auxe lle segue unha caída estrepitosa. Os culpables non son, como moitos pensan, a suposta avaricia nin a corrupción dunha pequena elite, senón a lóxica de beneficios do sistema á que estamos todos sometidos, queirámolo ou non.

Superando o réxime da UE
En 2011, a crise da zona euro e a crise monetaria agraváronse. Algúns estados están a punto de caer en bancarrota, o que ameaza ao euro. Á primeira vista, estes estados "viviron por enriba das súas capacidades". En realidade só trataron de impulsar o crecemento capitalista por medio do endebedamento; fixérono como outros tantos, só que con menos fortuna. O apoio do Banco Central Europeo (BCE) e os novos e millonarios "fondos de rescate" están condicionados por imposicións draconianas. Ao "frear a débeda" europea búscase "tranquilizar aos mercados", obviamente en detrimento dos traballadores, parados e estudantes. Así mesmo, ás ganancias privadas non se lles toca. O mesmo sucede nos países candidatos do leste e sur de Europa aos cales a UE e o Fondo Monetario Internacional (FMI) impoñen amplos recortes presupostarios e privatizacións, todo iso co fin de protexer o réxime de competitividade da UE que xerou a crise e as esixencias dos núcleos económicos europeos. Os gobernos alemán e francés lograron impoñer, practicamente sen trabas, os seus intereses a pesar de certas diferenzas políticas. Nalgúns países, non obstante, houbo contundentes manifestacións de protesta. En todo o mundo xurdiron iniciativas de base que buscan superar a impotencia política. Pero de momento as folgas masivas non tiveron éxito. Á fin e ao cabo, os grandes sindicatos apoian a políticas económica dos seus respectivos gobernos e só reclaman panos quentes como paliativos. Non houbo unha solidariedade sindical efectiva máis alá das fronteiras nacionais. Se queremos que as cousas cambien a ese nivel, teremos que ocuparnos diso nós mesmos.

Podemos facelo mellor
A xestión europea da crise é tan especulativa como o foi sempre o capitalismo, pois os brutais recortes poñen en perigo tanto a estabilidade económica coma o crecemento sobre a base do crédito. No capitalismo non hai camiño seguro, senón unha xestión da crise permanente. Paga a pena desperdiciar a nosa vida para isto? Mellor loitemos xuntos contra os ditados dos mercados e organicémonos dunha vez por todas en Europa. O día de acción europeo do 31 de marzo de 2012 é un primeiro paso nesta dirección. As manifestacións que terán lugar de forma simultánea en varios países europeos non son unicamente un símbolo de solidariedade anticapitalista, senón que xa son parte dun debate e de lazos a nivel europeo. Invitamos a todas as iniciativas de carácter emancipador a formar parte da configuración deste proceso. Temos que organizarnos á marxe das vías institucionais e persistir na loita. A crise maniféstase de distintas formas segundo os nosos países, pero temos unha meta en común: non queremos salvar o capitalismo, senón superalo. Rexeitamos as política de defensa dos intereses nacionais e as ideoloxías nacionalistas. É importante a loita contra o desmantelamento continuo dos dereitos sociais, pero as nosas perspectivas van máis alá. Debemos rematar cos fatais imperativos do capitalismo e das súas institucións políticas. A "democracia real", esixida en moitas protestas, só é posible sen capitalismo.


1 comentario:

  1. Compas, deixo info relacionada en Contrainfos:

    http://es.contrainfo.espiv.net/2012/03/09/polonia-encuentro-por-una-contra-ofensiva-anticapitalista/

    Saudiña

    ResponderEliminar