25 feb 2012

Eles falan de crise? Nós de revolución social!

Crise? Quenes son os que están en crise? Porque as grandes fortunas e as xigantescas empresas trasnacionais non paran de medrar, mentres somos os de abaixo os que pagamos o pato. Falan de que as políticas neoliberais provocaron a recesión da economía e agora vendennos que só afondando no neoliberalismo poderemos saír do bache. Dín que a desregulación da economía provocou a crise, pero é desregulando aínda máis a economía como pretenden saír dela. Contannos que os grandes mercados fixeron estoupar a burbulla financieira, pero agora temos que contentar a eses mesmos grandes mercados afundindonos na miseria.
Tomannos por parvos, esta crise non é máis que un invento para acumular en poucas mans o capital privado e, sobre todo, para retrotraer as conquistas sociais ós escuros tempos da revolución industrial. Para arrincar das mans dos traballadores tódalas victorias acadadas con sudor e bágoas nos últimos cen anos. Implementando así un novo estado de control social sen precedentes que lles permita ós poderosos competir coas novas economías emerxentes.
Desenganémonos, non se pode voltar ós felices tempos das hipotecas a mansalva e as alegres tarxetas de créditio, pois daqueles polvos estes lodos. O que agora temos é a consecuencia inevitable do capitalismo, non unha mala xestión do mesmo. Os políticos non son máis que monicreques nas mans dos especuladores e banqueiros, son inversións para as empresas que, coa súa alternancia, garanten o mantemento do status quo. Pedirlles ós políticos que controlen ós banqueiros é como pedirlle á criada que controle o seu amo. Pedirlle ós banqueiros que miren polos cidadáns é como pedirlle ó lobo que mire polos cordeiros.
O capitalismo xamais irá no interés da xente. O capitalismo é un sistema depredador e xerárquico que leva a inxustiza no máis fondo da súa esencia, pois é a desigualdade a que lle dá a súa razón de ser. Reformando ó sistema só conséguese insuflarlle máis vida, perfeccionar o seu sinsentido e prolongar a nosa agonía. Acadar unha depredación máis humana non é o camiño para facer deste un mundo mellor.
Indignarse non é suficiente, o que fai falla é rebelarse. Ocupando prazas e facendo sonar pitos e timbais xamáis conseguiuse derrubar un goberno, canto menos mudar o sistema social enteiro. As “canles establecidas” non son máis que o método instaurado polo poder para non cambiar nada. É preciso interrumpir os fluxos do capital para que unha protesta sexa para o sistema algo máis que unha reafirmación da súa “pluralidade democrática”.
As folgas dun só día non son máis que protestas testimoniais, o folclore no que os pactos entre o poder e os sindicatos transformaron as loitas dos traballadores. Os “pactos da Moncloa”, alá polo ano 77, ó regular os xeitos de protesta, castraron a forza da clase obreira e baleiraron de sentido as propias centrais sindicais, convertidas en apéndices do poder; nunha subclase clase política que cobra daquel a quén dí combatir e que vive de burocratizar as loitas dos traballadores. Os sindicatos son coma unha bicicleta sen rodas, todos pedalean para que nada se mova.
Fai falla autoorganización e asamblearismo. Desbotar ós líderes e ás xerarquías que pretendan decidir por nós, para tomar dunha vez por todas as rendas das nosas propias vidas. Fai falla acción directa para interrumpir o fluxo do capital. Folgas sen máis límites temporais que o de gañar ou perder, como eran antes de que o poder as domesticara, ata que o inimigo ceda á presión do pobo organizado. Fan falla fogueiras e barricadas que, como en Grecia, corten as rúas e abran o camiño da liberdade.
Pola Anarquía!! Pola revolución social!!

Anarquistas contra o capital


Panfleto repartido onte en A Coruña por uns anarquistas autónomos na manifestación de CGT e CUT e, pouco máis tarde, nunha protesta dos "indignados", que nós reproducimos integramente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario