Outra vez chámannos a votar. Mentres o paro, a pobreza e a miseria arrasan o mundo como unha pandemia, todos os partidos, grandes e pequenos, poñen en marcha a súa campaña para vendernos a fórmula máxica que nos solucionará a vida ao módico prezo dun voto que engrose as súas filas.
Miles de promesas electorais gaioleiras tentarán abrirnos o apetito cara a ese novo paraíso terreal que levan prometéndonos desde 1975 e que cada vez se parece máis a un auténtico inferno.
Miles de carteis nas rúas repetirannos que o día 20 de novembro é un día importante nas nosas vidas, porque nel faremos uso da máxima expresión da nosa liberdade: O voto. E, efectivamente, así sucederá: Moita xente irá facer uso dese xesto ao que ficou relegada a súa liberdade: Un movemento de man cara a unha urna. E logo voltarán aos seus fogares lapidados de hipotecas que non poden pagar, a saudar á súa familia e ás súas débedas e a seguir arrastrando a cadea perpetua ao desemprego, á inestabilidade laboral ou, con sorte, a un horario ríxido, obrigado, que lles asegure un soldo co que tirar pra adiante.
A experiencia ensinounos a verdadeira cara desta democracia de urnas e partidos: Demostrounos que no sistema vixente, escaso ou nulo, temos poder sobre as nosas propias vidas, que todo a nosa rutina cotián está supeditada ao vaivén dos intereses duns poderes económicos, empresariais e gobernamentais sobre os que non temos voz nin voto real algún.
Votar o 20 de novembro significa votar a perpetuación desta dinámica. Significa votar “Si” a deixar as nosas vidas en mans doutras persoas, “Si” á pasividade, “Si” á fe neste sistema que cada vez mostra máis descaradamente o seu rostro criminal, votar “Si” (en definitiva) á falla de liberdade real baseada na presunción de que somos tan incapaces de decidir o rumo das nosas propias vidas que preferimos deixalas noutras mans aínda á conta de que no-las pisen, roubenn ou nos maten de fame.
Negámonos a participar en todo isto: Negámonos a votar por aquilo que nos destrúe. Sabemos que non somos engranaxes inútiles, que podemos e queremos xestionar as nosas propias vidas e decidir sobre elas. Por iso, queremos lembrar que hai outra forma de mudar as cousas, outra forma que realmente nos implica e nos permite darlle o voto, non a un programa eleitoral escrito por outras persoas, senón á nosa propia voz, ás preocupacións e desexos de todxs e cada un de nós. E iso só pode conseguirse dende aquí e dende agora: organizándonos nos barrios, nos curres, nas universidades… e, unha vez organizada a poboación, mudando a nosa vida cotiá, o noso entorno, traballando para melloralo ata crear unha alternativa sólida a este sistema.
Pero é preciso dicilo, sen subvencións que nos aten ao Estado, sen privilexios de ningún tipo, só a poboación, só a xente; sen partidos políticos, sen sindicatos subvencionados, de forma asemblearia…. É disto do que queremos falar e reflexionar para pólo en práctica.
Porque existe outra opción a parte da de votar cada catro anos e logo calar e tragar.
EU NON VOTO
[texto extraído e traducido de diario de vurgos]
25 oct 2011
O teu voto non é a tua voz, é a tua condea
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
http://politicospartidos.blogspot.com/
ResponderEliminar