Asina o manifesto e acode o martes 21 de Xuño ás 20:30 hs. á Pza. de Campo Castelo (acto público de presentación).
"MANIFESTO ANTICAPITALISTA LUCENSE
O peor que lle podería acontecer ao movemento cívico que percorre o estado, e tamém a Galiza, sería desligar a xusta indignación, que constitúe a súa característica definitoria, da crise xeral do sistema social e produtivo no que vivimos. Animados por esa convición, un grupo de luguesas e lugueses temos a intención de contruibuirmos ao actual clima de mobilización social, na nosa cidade, agrupándonos baixo a tese xeral de que A CRISE É O CAPITAL. Consideramos, pois, que a crise actual é estrutural e non algo conxuntural que poida ser superado mediante a mellora do capitalismo. Lonxe diso, pensamos que calquer rebelión cívica con vontade emancipatoria debe consolidarse como a consciencia práctica de estarmos nun final de liña, no final dunha época. Sen esa conciencia, as consecuencias da crise van ser, en vez da emancipación social, o que estamos hoxe a coñecer: corrupción xeralizada, degradación da democracia, e recorte de dereitos básicos. Esta idea é o que nos une, sendo persoas de diversas procedencia ideolóxica, e o que queremos que identifique e articule o noso contributo a este movimento e, en coherencia com ela, manifestamos o seguinte:
1.- Non renunciaremos aos nosos dereitos. Nin aos individuais (expresión, reunión, participación...), nin aos sociais (educación, sanidade, igualdade...) nin tampouco aos colectivos (medio ambiente, língua, autodeterminación). Os dereitos conséguense, e deféndense, na rua.
2.- Non estaremos nunca conformes cunha forma de vida, gobernada por estruturas patriarcais, que posterga socialmente á metade da poboación e que fai discriminacións, inxustificábeis, entre as diversas maneiras de entender a afectividade e a sexualidade.
3.- Non é xusto que se reduzam as pensións das persoas para pagar a débeda dos gobernos e as empresas. Esiximos, pois, a inmediata revogación da recente reforma das pensións. En xeral, a actual dinámica de precarización laboral, social e psicolóxica debe ser superada. Outras formas de organización social e produtiva son posíbeis.
4.- Negámonos a vivir na sociedade autoritaria da represión laboral, os mestres-policia ou as leis e tribunais excepcionais, como a lei de partidos e a Audiencia Nacional.
5.- Non permitiremos que o noso território sexa sometido a depredación do urbanismo selvaxe e à imposición dunhas infraestruturas públicas tan faraónicas como desnecesarias. Galiza non se vende.
6.- Non é admisíbel que un dereito básico, como o dereito á vivenda, sexa utilizado para encadear as persoas mediante créditos, durante toda a súa vida, aos destinos dun sistema bancario irracional. Non se pode consentir a criminalización de quen non ten para pagar.
7.- Non aceptaremos un futuro sen soberanía alimentar e sen o recoñecemento e a diginificación da vida campesiña. Non podemos ser utilizadas, mediante o consumo, para destruir pobos e formas de vida en todo o planeta.
8.- Non queremos vivir no Lugo dos corruptos, os traficantes de persoas, os proxenetas e os especuladores.
9.- Non é verdade que as continuas agresións imperialistas por parte dos EUA, a OTAN, e os seus aliados teñan como finalidade estabelecer a democracia e os dereitos humanos. No presente contexto de crise, o mercado tornouse insuficiente para o capitalismo: a guerra e o militarismo son a súa continuación por outros medios.
10.- Non somos mercadorías, mais somos tratadas como tales por un sistema electoral amañado que nos reduce a mercadoría política, por un sistema financieiro que secuestra as nosas vidas como mercadoría hipotecaria; por un sistema mediático, informativo e publicitario, deseñado para mercantilizar as nosas conciencias e, sobre todo, por un sistema produtivo que fai da explotación do noso traballo a principal materia prima de todas as mercadorías.
Todas estas negacións implican unha afirmación: hai vida alén do mercado. Fagamos, portanto, da nosa xusta indignación o primeiro paso dum camiño que nos leve, transcendendo as fronteiras do capital, á verdadeira democracia."
se queres contactar: asembleiaanticapitalistalucense@sapo.pt
15 jun 2011
MUDEMOS A INDIGNACIÓN EN REVOLTA.-
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario