8 ene 2010

Asel Luzurraga (recentemente preso en Temuco, Chile) e un escrito seu "Tempos de Bisturí"


A continuación reproducimos un artigo escrito por Asel Luzurraga, detido baixo a lei anti-terrorista en Chile e encadeado na prisión de Temuco pola sua suposta participación nun atentado fallido con bomba contra a Secretaría de justicia da rexión de La Araucanía. A detención tivo lugar no seu domicilio en Chile, onde vivía dende o mes de marzo e onde supostamente lle atoparon un extintor baleiro, mechas e pólvora, material atopado noutros artefactos similares detonados antes na zona.
Non sorprende xa as medidas adoptadas polo estado chileno, calquera outro estado faría igual, medidas represivas cara o pobo mapuche e cara quen se solidariza coa súa loita. Porque están en loita permanente contra o sistema e iso non o queren permitir, e máis agora que cumpre 200 anos.
Que a loita continue!!
Solidariedade co pobo mapuche!!

Info de www.hommodollars.org
Escrito extraído de www.violenciaycontrol.blogspot.com

Tempos de Bisturí por Asel Luzurraga

O século XXI chegou como se fora o XX, e a súa primeira década rematará parecido: os bisturíes cada vez máis afiados, facendo o traballo cada vez máis limpo. Porque vivimos neses tempos, nos tempos do bisturí. Nos tempos da asepsia, da hixiene, da limpeza. E así córtannos, así recortan os nosos dereitos, a voz, o pensamento: primeiro a anestesia, o bisturí desinfectado despois. Todo limpo, sen dano aparente.

A Idade Media foi tempo da machada en Europa. Despois chegaron os tempos da guillotina. Tanto nun como noutro, o sangue estaba á vista. Xunto cos dereitos cortábanse tamén as cabezas, na praza, ante a xente, sen vergoña, coa arrogancia do poder absoluto, con insolencia. Mais no século XIX derramar sangue comezou ser anti-estético, contrario á moral dos novos amos. Hoxe en día, o mesmo enfermar, e aínda máis o morrer, é obsceno, non está ben visto. Polo tanto, os doentes, e máis aínda os mortos, deben gardarse agochados. Ou ensinalos na televisión, pero se é posible, os afastados, nas vilas nos que ser feo é lícito, por exemplo en Etiopía ou en Sudán. Na nosa sociedade todo necesítase hixiénico, saudable, robusto....

Así pois, o poder aprendeu a gardar as machadas e as guillotinas e a utilizar a anestesia e o bisturí. A anestesia achéga-a a televisión: nos noticiarios móstrannos onde hai que cortar, para que aceptemos a amputación. A televisión sinálanos os cancros da sociedade, as súas purulencias, os seus tumores, para que aceptemos a utilización neles do bisturí, é máis, para que agradezamos e aplaudamos o traballo do bisturí. Por exemplo, a última anestesia que vin nas televisións de Chile: recentemente un mal-nacido violou e asasinou unha nena, e aproveitando que a sensibilidade da xente estaba preparada, os medios de comunicación anunciáronnos que se tomarán e gardarán as pegadas dactilares e mostras xenéticas de todas as nenas e nenos de Chile, todo pola seguridade das criaturas, para identificalas facilmente no caso de que alguén as secuestrara e apareceran mortas. Aí está a anestesia, para que as nais, pais, fillas e fillos acepten tolos de alegría estar todos ben arquivados nos ficheiros da policía. Detrás desa anestesia, claro, o bisturí bailando: toda unha xeración fichada antes de facer nada, se no futuro fixeran algo que non sexa de agrado do sistema...

A anestesia témola en calquera sitio, creando alarmas ("¡Que ven a gripe, que ven a gripe!"), tras ofrecer "solucións" para calmar á poboación ante esas alarmas ("¡Toma tamiflú! ¡Vacúnate!"), e preparando o camiño ao bisturí ("para ben de tod@s son necesarias medidas máis estritas nos aeroportos", "non vos xuntedes demasiado, non vaiades a actos multitudinarios"). Utilizan frecuentemente a palabra sensibilización para nomear á anestesia. Tragamos a anestesia e temos preparados o corpo e a mente para deixar facer ao bisturí....

E o bisturí non descansa. Curta os nosos dereitos por calquera sitio, limitando a nosa liberdade por calquera sitio. Límpiamente, sen deixar sangue ao descuberto, sen dor. Quizais algún día decatarémosnos de que nos poden deixar sen fígado e sen riñón na operación, cando espertemos da anestesia, pero entón tranquilidade, os medios de comunicación farannos crer que vivimos mellor sen fígado ou riñón.

O bisturí, en cambio, é de cultura estranxeira. Non hai máis que reparar na palabra. A machada, polo menos, coñeciámola, porque viamos o seu traballo claramente. Sendo unha ferramenta de traballo que vén da rocha, da Idade de Pedra, tamén sabiamos que debiamos defendernos ante ela. Pero o bisturí nin o ulimos. Naturalmente, non ten cheiro, tan límpia é esa afiada e lixeira ferramenta.

Pero aínda temos a ferramenta que é verdadeiramente nosa, aquela tamén coñecida desde a Idade de Pedra: as tesoiras, tanto feitas de pedra como de ferro, ferramenta de traballo humilde e xurdido da vila. Podemos utilizar as tesoiras para cortar as cordas destas máscaras asépticas. Para deixar ao descuberto a quen se agocha tras esas caras hixiénicas brancas de plástico. Empecemos, ante os tempos de bisturí, reivindicando os tempos de tesoiras. Para cortar sen anestesia as máscaras e as disfraces non necesitamos máis.

Traducido de www.violenciaycontrol.blogspot.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario