@s nos@s lector@s máis espabiladas xa se decatarían de que nestas datas tardoverniegas, por aquí por Abordaxe, andamos así como a medio gas. Cousas das calores estivais e, como lle dixo Proudhón a Marx, da preguiza natural que nos caracteriza. É por iso que, malia recibir varios correos nos que se nos informaba oportunamente da mobilización en defensa do bombeiro sancionado polo caso de Aurelia, non lle dimos a publicidade que merecía. Para emendar esta omisión ofrecémosvos agora unha pequena crónica do sucedido:
Primeiro cumpre recordar que o ano pasado se paralizou en Coruña o desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rey grazas a unha impresionante mobilización cidadá que obrigou ao operativo xuridico-policial a retirarse con tres palmos de narices (cronica en Abordaxe AQUÍ). Durante aquela emotiva protesta un bombeiro, o que agora nos ocupa, negouse a cortar a cadea coa que os activistas se parapetaran no portal da anciá, para logo, na súa retirada, coller e mostrar un cartel de Stop Deshaucios. Varios dos manifestantes daquela xornada foron multados por alterar a orde pública, entre eles o bombeiro.
Pois onte era o día no que, tras esgotar o prolongado via crucis administrativo pertinente, se celebrou o xuízo que ditaminará por fin se ten ou non que pagar a sanción de 600 euros que tan inxustamente queren aplicarlle.
Ata alí desprazáronse algo máis dun centenar de persoas (nin de coña mariñeira o millar que algún medio supostamente alternativo pretendeu atribuírlle á protesta) entre activistas de Stop Desafiuzamentos, compañeiros bombeiros do acusado, solidarios en xeral e politicuchos de avermellada pelaxe ávidos de chupar cámaras e votos a partes iguais. Evidentemente tamén se atopaban alí as hordas rapaces da prensa comercial e os uniformados acorazados de sempre en cantidade dabondo como para comezar unha guerra.
Io, o bombeiro, chegou montado na súa bicicleta; entre os vítores dos presentes e arroupado por pancartas contra os desafiuzamentos e contra a represión. Coreáronse consignas como "Xente sen casas, casas sen xente" "a loita é o único camiño" "nesta cidade non se desahucia", "madeiro aprende do bombeiro" ou "terrorista quen? democracia onde?" que fixeron as delicias da concorrencia e levantaron sarpullidos entre as filas policíacas. Tras saudar a todo dios (menos aos esbirros uniformados, evidentemente) o acusado deu unha rolda de prensa na que soltou impresionantes verdades raramente ditas ante as cámaras da prensa (ou, para ser máis sincero, raramente repetidas polos noticieros). Incluídas críticas aos medios de comunicación polo trato mediático aos movementos sociais; pero tamén críticas aos políticos, aos policías (aos que acusou de falsear o atestado), á legalidade vixente (da que dixo que provoca violencia) e a todo canto se lle puxo a tiro. Tamén dixo que se o tivese que volver facer que volvería facelo e que o non se meteu a bombeiro para desafiuzar a ninguén. Despois entrou ao xulgado entre aplausos e cánticos reivindicativos.
Ao parecer, a xuíza presionou máis as testemuñas da defensa que as da acusación. O que en principio non é un bo augurio. Pero haberá que esperar probablemente uns mese a que saia o resultado. Aos políticos e sindicalistas xulgados polos mesmos cargos naquel mesmo episodio, a pesar de xa telos xulgado hai tempo, aínda non se lles coñece a sentenza. Agora quedan por xulgar un par de anónimos activistas que, malia soportar idénticas acusacións, con toda probabilidade non gozarán de cobertura mediática, nin de semellante mobilización, nin da presenza de políticos de todos os partidos opositores nos seus respectivos xuízos (bueno, isto último máis que gozalo padeceríano, moito me temo).
Polo visto Silverio Blanco, o inefable xefe de antidisturbios famoso por mil desmandos ao longo da súa tan dilatada como nauseabunda carreira profesional, estivo moito máis comedido nas súas declaracións que en ocasións anteriores; optando máis ben polo "eu non se nada, eu só pasaba por alí" máis que polas súas habituais chularías e bravatas. De feito nun dos xuízos anteriores por similar causa chegou a dicir algo así como que se por el fóra tería habido moitos feridos, cousa que lle recriminou ata o propio xuíz.
Rematou a pantomima e cada un para a súa casa. Xa veremos en que acaba a cousa. O que é evidente é que este e outro dos inumerables episodios de burorrepresión e de sancións indiscriminadas por calquera tipo de protesta coas que a subdelegación do goberno da Coruña pretende silenciar calqueira voz disidente. E por iso que prácticamente todas as protestas do último ano na cidade arrastran algúnh@ sancionad@ polas máis peregrinas causas que se lles poidan ocorre os madeiros. Moit@s activistas sufren nas súas carnes un feixe de sancións administrativas que acumulan milleiros de euros por protestas do máis tranquilo e relaxado sen desordes de ningún tipo. Agora empezan a chegar a fase de contencioso administrativo e, en breve, veremos como se resolve este pulso entre represión e disidencia. Bueno, veremos como se resolve no eido xudicial, porque as rúas ainda teñen moito que dicir. Porque a sua represión xamais calará a nosa protesta.
C.R. para Abordaxe
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario