30 jun 2014

Dereito de emerxencia en Galiza, máis alá da Inquisición

Colamos (e traducimos) do blogue da Rede de Apoio a Carlos Calvo "De Volta para Loureda" este artigo asinado polo avogado Benet Salellas i Vilar:

Nicolau Eimeric, nacido en Girona o 1334, Inquisidor Xeral da Coroa de Aragón foi autor dun dos tratados máis famosos sobre o oficio inquisitorial e, na reflexión sobre o valor das delacións dos cómplices do acusado, descartaba de forma taxativa o seu peso como única proba no proceso penal. Desgraciadamente o dereito de emerxencia construído por algúns Estados pretendidamente democráticos no s. XX rebaixou este esmirrado listón probatorio ata o punto que en nome da loita antiterorrista se validou a posibilidade de aceptar como única e solitaria proba dunha condena a declaración dun arrepentido. A Italia dos 80 e 90 do século pasado foi o auténtico campo de adestramento desta excepción procesual que se encontra vetada como tal noutros países nos que se esixe sempre que haxa confirmación do que explica o delator máis alá da súa propia declaración e que esta se filtrase cun interrogatorio cruzado con aquel que é acusado, como pasa por exemplo na tradición anglosaxona.

A Audiencia Nacional española condenou este mes de maio do 2014 o mozo Carlos Calvo Varela a doce anos de privación de liberdade polos delitos de pertenza a organización terrorista (Resistencia Galega) e tenza de explosivos ao servizo da devandita organización coa única proba da confesión en xuízo do outro acusado, Xurxo Rodríguez, quen chegara previamente a un acordo coa fiscalía de rebaixalo a pena á metade, tal como asumiu o Tribunal, a cambio de modificar o sentido das súas declaracións, que sempre foran de exculpación de Carlos Calvo, e convertelas en incriminatorias. A sentenza, redactada por Fernando Grande-Marlaska e co voto en contra dun dos tres maxistrados que formaban o tribunal, sitúase así na vangarda do dereito de emerxencia contemporáneo, mesmo máis alá das solucións desesperadas dos tribunais italianos nos anos de chumbo, e a verdade é que os que o vivimos en primeira liña nos derruban todos os esquemas.

A alguén lle poden ofrecer unha rebaixa da pena á metade (a Xurxo Rodríguez impuxéronlle seis anos de privación de liberdade) a cambio de cambiar as súas declaracións. Esta persoa declara no xuízo negándose a contestar as preguntas do avogado do outro acusado (e polo tanto extirpando calquera hipótese de contradición da proba como esixiría o principio de xustiza máis elemental). E todo isto, sen máis, pasa a imprimirse nunha sentenza con pena propia dun delito de homicidio. Isto si que resulta un auténtico atentado contra o sentido común e contra a inocencia de alguén que, como Carlos Calvo, sempre negou ter ningún tipo de relación con organizacións de tipo terrorista ou similar e de quen os propios axentes actuantes no xuízo puideron acusar como máximo de formar parte do universo do independentismo galego.

Cústame moito non pensar na Inquisición e de aí a cita do principio. O sufrimento que se provocaba aos xusticiables polo Santo Oficio cara a que os cidadáns fosen capaces de aceptar como propia a máis abominable das herexías. O sistema de pactos coa fiscalía da Audiencia Nacional hoxe pode facer declarar a calquera herexe o máis terrible dos crimes en relación a calquera outro acusado, a cambio de non sufrir o tormento dunha pena alongada e dos premios previstos na lexislación antiterrorista para os arrepentidos colaboradores. Neste caso o sufrimento non é físico, pero a coacción ao dereito á libre declaración é a mesma. E o máis grave, a inocencia daquel contra o cal se xira a delación non sabe como facelo para sobrevivir a iso. Carlos Calvo, vémonos no Tribunal Supremo.

Benet Salellas i Vilar, avogado

No hay comentarios:

Publicar un comentario