20 jun 2014

[A Coruña] Un extraballador da Torre de Hércules persónase como posible afectado pola trama de corrupción política “Pokemon”

Reproducimos Nota de Prensa recebeda na nosa caixa de correos:

Considera que o seu despido foi provocado polo interese do Concello en “enchufar” persoas próximas ao Partido Popular como traballadores do Faro. A actuación da corporación local, nun momento de forte crise económica e laboral, conlevou que o traballador da Torre Óscar López carecera de traballo remunerado durante máis dun ano.

A Coruña, 20 de xuño de 2014. Óscar López Cernadas foi traballador da Torre de Hércules a través da empresa SERMASA dende maio do ano 2010 ata o momento en que o Concello, aludindo a suposta necesidade de realizar obras de mantemento no monumento, rescindiu os contratos dos seus trece traballadores/as, algunhas delas con ata 16 anos de antigüidade no posto.

Así, no ano 2012 e sen mediar circunstancia algunha, o Concello decidiu non subrogar aos traballadores e traballadoras da Torre de Hércules. Posto que no convenio colectivo si se sinalaba a obrigatoriedade de subrogación, e ante a convocatoria activa de mobilizacións e denuncias públicas dos traballadores e sindicatos, o Consistorio coruñés argüíu a estratexia de abrir un concurso público “temporal” para evitar así subrogar á plantilla.


O conflito da Torre de Hércules, de grande resonancia na cidade e apoio social, conlevou o peche na Torre de dous sindicalistas durante cinco días para conseguir ser atendidos pola concelleira de emprego, Luisa Cid; a entrega de carbón para o alcalde Negreira e o voceiro Julio Frores –ámbolos dous investigados actualmente na trama de corrupción Pokemon-; o encadeamento de varias persoas na estatua de María Pita ou a visita ao evento turístico FITUR en Madrid, entre outras accións, para dar a coñecer a realidade laboral que se agochaba tras o buque insignia do turismo coruñés, que conta cun promedio de 150.000 visitas anuais.

A crispación e as dúbidas sobre o verdadeiro interese que subxacía no peche da Torre foi aumentando a medida en que, durante meses, a Torre ficou pechada ao público –supoñendo unha salientábel perda económica para as arcas públicas locais- malia a que as obras, tan supostamente necesarias, continuaban sen se realizar.

A día de hoxe, tras a posta en marcha das operacións anticorrupción Pokemon e Pikachu na cidade da Coruña, as novas informacións coñecidas van na liña de confirmar que as incongruencias e “estrañas circunstancias” que arrodearon o despido destes trece traballadores e traballadoras poderían estar vinculadas ao interese de certas e certos membros da corporación local por abondar no reforzamento dunha rede clientelar cimentada na concesión “a dedo” ou por “enchufe” dun significativo número de postos de traballo nos ámbitos públicos xestionados en réxime de concesión por empresas pertencentes ao Grupo Vendex, dirixido polo empresario José María Tutor, un dos primeiros imputados na operación Pokemon.

Este personamento por parte do extraballador Óscar López nas dilixencias previas da instrución do procedemento da Operación Pokemon ten lugar ademais a poucos días de que finalice o prazo da concesión “temporal” dos contratos realizados a través de concurso público para a Torre de Hércules –o vindeiro domingo 22-, sen saber inda os antigos traballadores e traballadoras se voltarán ser incorporados, e cun silencio por parte da administración local que fai sospeitar o seu desexo de eludir informar publicamente de cal será o proceso de nova contratación ou renovación da plantilla laboral do monumento máis emblemático da cidade da Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario